Médicos xudeus en Ourense



Por Davíd Simón

Apuntarei algúns datos ou referencias a galenos xudeus que exerceron ou andaron polas nosas terras ourensás en séculos pasados. A práctica da medicina foi considerada sempre coma unha das actividades socio-profesionais preferidas pola comunidade hebrea. E, certamente, son moi raras as comunidades xudías hispanas nas que non figuren algúns dos seus membros desempeñando o oficio de físico/médico, cirurxán ou veterinario. En Ourense a investigadora Gloria de Antonio documentou a presenza, entre outros, dos médicos Salomon, xudeu "físico", no testamento do conde de Ribadavia, ou a de don Yuda, "fisyco que era do duque d´Arjona"; do cirurxán «Rab Yuda çurigiano», que foi requerido en Ourense para sanar a Alvaro Paradela "que estava morta e tal que a seu crer estava perigoso,que o tomava e tomou cargo de curar". 

Pero tamén hai datos de medicos xudeus na zona de Castro Caldelas como Juan de Guadalupe, personaxe histórico orixinario de Castro Caldelas que foi médico dos Reis católicos (investigado polo xenealogista vasco-ourensán Antonio Valcárcel: http://www.degalicia.org/planetagalego/?p=348anetagalego/?p=348 Outros ourensáns estudiosos da cultura xudía son o historiador Anselmo López Carreira e o arquitecto Emilio Fonseca Moretón... pero seguro que hai máis que descoñezo.

A presenza de comunidades e médicos xudeus en Ourense e Galicia mantívose até 1492 para logo perderse na noite dos séculos até primeiros do século XX. Entre 1905-1097 polo menos dous médicos dentistas xudeus operaban na cidade de Ourense: un xudeu de orixe rusa de apelido Dainoff,e outro que se asocia con el chamado Simeón Kúper, tamén médico dentista xudeu nado en Rusia en 1879. Ao redor de 1907 Kuper estableceuse pola súa conta en Vigo, onde abriu a súa propia clínica, que foi unha das primeiras de España en estar dotada con aparellos de Radioloxía. Tras Siméon Kúper chegaría a súa familia politica a Pontevedra, a familia Zbarsky, onde tamén se dedicaron á odontoloxía. Varios dos Zbarsky foron fusilados polos fascistas en 1936. Simeón, a súa irmá Elisa e o seu sobriño Elías Zbarsky, foron encarcerados e intercambiados a finais de 1938 polos familiares dun importante militar, posiblemente do xeneral Sanjurjo. Os liberados foron trasladados a Barcelona e en 1939 marcharon a Moscova, onde se reuniron todos os familiares sobrevivintes. Descoñecemos a día de hoxe máis datos sobre os xudeus rusos "ourensáns" Dainoff. 

Dos Zbarsky xa sabiamos algo por vía do gran enamorado da cultura hebrea, Xosé Luís Méndez Ferrín que a cita nalgún dos seus poemas do libro "Estirpe", pero a verdade é que todo este periplo destas familias de médicos xudeus de orixe rusa na Galicia do primeiro terzo do século XX e en concreto na Guerra Civil, foi moi ben estudado por alguén alleo a Galicia -e del tomei os datos-. En concreto polo doutor Miguel Marco, un neurologo catalán afeccionado á historia da medicina e que publicou o seu traballo en revístas de Medicina e Historia: Miguel Marco: Os médicos republicanos exiliados na Unión Soviética

Tras os días de morte e de exilio na Guerra Civil española, pérdensenos xa de novo as referencias bibliograficas ou de arquivos con datos de galenos xudeus en Ourense. Estou seguro de que algún día aparecerán máis. A verdade é un tema que me atrae moito por motivos moi persoais. O meu apelido e a comarca das miñas orixes familiares (zona limítrofe de Zaragoza-Teruel -arredores de Daroca-) son claro territorio e apelido de orixes xudeu-conversos. Lembrando á cultura xudía e á súa historia de exilios e persecucións, percorrín hai poucas semanas (comendo falafel e strudel en postos de comidas) o barrio xudeu de París, na zona de Les Marais. En moitas casas e rúas hai placas e inscricións que dan testemuño dos veciños xudeus do barrio (moitos deles nenos) deportados aos campos de exterminio nazis durante a ocupación de París polo exercito nazi durante a Segunda Guerra Mundial 

Comentarios