Desde Ribadavia a Xerusalén (1606 - 1998).


Por Xosé Luís Chao

Como é sabido en Ribadavia, sobre todo a través da representación do "Malsin" que cada ano se ven representando durante a "Festa dá Istoria"; foi no ano 1606 cando un ribadaviense, Xerónimo Bautista de Mena, xudeu converso, quen denuncia ante o Tribunal da Inquisición de Santiago a douscentos veciños desta vila por practicas xudaizantes. 

Entre os denunciados atopanse varios dos seus familiares e outros destacados cidadáns, tanto no ámbito profesional como no económico, por exemplo dous rexidores de Ribadavia, Xerónimo de Morades e Xoán López de Hurtado. Destes douscentos acusados, corenta e dous foron condeados a diferentes penas nun Auto de Fe celebrado na cidade de Santiago de Compostela un once de maio de 1608; e quere o azar que entre estes corenta e dous condenados se atope Duarte Coronel, pertencente á unha ilustre familia de xudeus de Salvaterra do Miño. Contaba entón con trinta anos de idade e era veciño de Ribadavia por contraer matrimonio cunha moza desta localidade, Ana de Mena de dezasete anos, tamén condenada nese mesmo xuízo. El foi admitido a reconciliación en forma de auto publico de fe, facéndoo nunha igrexa e condenado a confiscación dos seus bens, hábito e dous anos de cárcere; ela a confiscación de bens, hábito e un ano de cárcere. 


O primeiro ascendente coñecido de Duarte Coronel foi Abraham Senior, nado en Segovia no ano 1412. Home de grande capacidade, foi desde moi novo encargado das finanzas e do cobro de impostos e tributos no Reino de Castela, chegando a ser un dos máis importantes Conselleiros da Raíña Isabel a Católica e intervindo na voda desta con Fernando de Aragón. Rabino da Corte cando foi asinado o edicto de expulsión, foi convencido polos Reis Católicos para que se convertese ao cristianismo, e así fixo, bautizándose en presenza dos Reis un 15 de Xuño de 1492, mudando o seu nome polo de Xoán Pérez Coronel. Por diferentes circunstancias, o máis probábel é que fuxindo da Inquisición, os seus descendentes pasaron a morar en Portugal e máis tarde na veciña vila de Salvaterra, onde permaneceron polo menos dúas xeracións ate que a Inquisición causa de novo estragos nesta familia, moitos deles condenados, algún será queimado vivo e os que puideron, fuxiron a terras libres.

Parte desta familia fuxiu cara Holanda e é un descendientes de Abraham Senior, talvez o seu bisneto, de nome Duarte Coronel, quen residindo en Amsterdam volve ao Xudaísmo, tomando o apelido Senior do seu bisavó e como segundo o seu apelido católico de Coronel, facéndose chamar David Senior Coronel, quen anos máis tarde marchou ao Brasil onde chegou a ser inmensamente rico grazas ás grandes plantacións de azucre que chego a ter. Foi unha descendente deste, Nahman Natan Senior Coronel quen no ano 1820, aos vinte anos de idade decide deixar Holanda e emigra a Xerusalén onde escribiu libros de relixión que a farían famosa. Quere de novo o azar que un bisneto de Nahman Natan Senior Coronel, e polo tanto descendente do noso Duarte Coronel, máis tarde chamado David Senior Coronel, de nome David Koren viva actualmente en Israel, onde é unha recoñecida personalidade por ser membro da primeira e segunda Knesset e fundador dun importante Kibbutz "Bet HaArava" na beira do Mar Morto, aínda que David Koren non sabe de momento que as súas raíces, estaban tamén en Ribadavia, na "Festa dá Istoria".

Comentarios