Por Simón Caaveiro*
Ben
logo da entrada na Granada musulmá, en 1492, Isabel I de Castela
asinaba o Decreto de Alhambra. O documento rexio ordenaba a conversión forzada dos xudeus
das coroas castelá e aragonesa ou a súa saída dos territorios dos
varios reinos das Coroas en tres meses. Quen desobedecer sería castigado
coa pena capital. Así, os monarcas remataron con séculos de vibrante
vida e cultura xudía na maior parte da península. Centos de
ribadavienses, monfortinos, tudenses ou baioneses deixaron as súas
terras e espalláronse polo mundo para non voltar máis a Galicia.
Hoxe, seis séculos despois, o BDS chama a refrendarmos aquel erro histórico
cunha decisión semellante. Desta volta as vítimas da discriminación non
son galegos de nome hebreu e cultura levantina. O albo é o único país
xudeu na comunidade das nacións. Nomeadamente, serían expulsas as súas
empresas dos nosos mercados e as súas universidades das redes de
coñecemento partilladas con universidades galegas. Con efecto, as
implicacións humanas e materiais do propositado boicote a Israel serían
hoxe menores daquelas do Decreto de Alhambra. Porén, a inmoralidade
deste non palidecería ao lado daquela da decisión rexia.
O BDS quer expulsar os científicos israelitas
–e só eles- dos nosos laboratorios, quer impedir que os profesores
israelitas –e só eles- pisen as nosas aulas e quer desuniversalizar a
nosa universidade rexeitando coñecemento e innovación se esta provén do
país xudeu. As razóns para opornos a tal propósito son múltiples, tan
numerosas que o espazo para enuncialas se antolla ben reducido.
O boicote é profundamente inxusto,
porque se fai coa intención de rematar cunha presenza militar en Xudea e
Samaria encanto se ignora que esta apenas é causa dunha agresión
xordana en 1967 e se ignoran as tentativas israelitas por rematala en
2000 e 2008. O boicote é descaradamente hipócrita e demostra que non
está pola paz mais simplemente por atacar o país do pobo xudeu. Se fose
doutra maneira, o BDS instaría primeiro á USC a revisar os seus
programas de mobilidade con países de pior histórico cos dereitos
humanos do que Israel, como o Iran ou o Iemen, agrupados no programa
Erasmus Mundus Marhaba.
Porén
é doado sinalar que non é preciso entrarmos en elevadas consideracións
morais para rexeitar este boicote. É só preciso ollarmos a cuestión
desde un punto de vista utilitario. É útil a acción
proposta polo BDS para resolver o conflito árabe-israelí e avanzar a
paz? A resposta é claramente negativa. O boicote académico a Israel
supón a asunción dunha narrativa sobre o conflito árabe-israelí que
responsabiliza a unha das partes encanto apoia acríticamente a causa
palestina. Dada a natureza do conflito, a solución do mesmo apenas pode
vir do diálogo e o acordo entre as partes, mais que incentivo tería a
dialogar a dirixencia palestina se vise que nós e o resto do mundo
responsabilizamos de todo a Israel e non os consideramos a eles nen un
bocadiño responsables polo sufrimento do seu propio pobo?
Está na nosa man non repetirmos os erros do pasado cunha decisión máis propia da Granada do século XIV que da Europa do século XXI
Aínda máis, o BDS é un movemento fracasado.
Foi fundado en 2005 académicos e profesores palestinos coa idea de
esganar Israel desde un punto de vista económico, académico e mesmo
deportivo. O espectacular crecimento do PIB israelí desde aquel ano ou a
posición de vangarda atinxida polas universidades israelitas é proba
palmaria de que o BDS é inútil. Non sería un bo negocio para nós
facermos caso deste movimiento frustrado e pechar as portas da nosa
universidade a algunhas das institucións de ensino máis relevantes do
mundo en materia médica ou tecnolóxica. Para tal movemento é lóxico
pedir moito máis que simplemente alegar que tales universidades
colaboran coa ocupación porque dan facilidades para estudar aos
estudantes que teñen que cumprir un servizo militar obrigatorio nun país
odiado polo seus veciños e ameazado por Irán, con quen non temos
problemas facer tratos.
A
semana pasada a Corte Suprema da República Francesa sentenzou que as
accións do BDS promoven a “discriminación e o odio nacional, racial e
relixioso”. A USC non debe apoiar tal boicote académico como persoa
decente ningunha debería apoiar o movemento BDS. A acción proposta por
tal colectivo non é útil para nós nin para palestinos ou israelitas
porque non axuda a resolver o conflito. Está na nosa man non repetirmos
os erros do pasado cunha decisión máis propia da Granada do século XIV
que da Europa do século XXI.
* Simón Caaveiro é socio de AGAI
Comentarios