Yarmouk, nova "non noticiosa"


Por Egon Friedler

Algún día, cando se escriba a historia da guerra civil en Siria que xa leva catro anos, quizais algún historiador se decida a tomar Yarmouk como tema para un libro.

Se hai un lugar que simboliza toda a crueldade, a falta de humanidade e o cinismo de ambos bandos nesta guerra implacábel, é este lugar fundado coma campo de refuxiados palestinos en 1957 que máis tarde transformouse nun barrio de Damasco habitado tamén por cidadáns sirios.

En 2002 tiña 112.500 habitantes palestinos rexistrados, hoxe non quedan máis de 18.000. 
      
Debido á penetración de milicias sunnitas contrarias ao goberno en Yarmouk, toda a zona foi cercada e sitiada por tropas do réxime de Bashar al-Assad dende hai dous anos.

Un opositor non fundamentalista que logrou fuxir de Siria, Qusai Zakarya, deu a súa versión sobre o ocorrido en Yarmouk no número do 9 de abril de 2015 da revista norteamericana «Foreign Policy»:

«Despois de que o réxime de Bashar al-Assad pasou case dous anos masacrando aos palestinos no campo de Yarmouk, despois de que os bombardeos do réxime destruíron o 70% do campo, despois do arresto e a miúdo a tortura até a morte de miles, despois de que os civís deberon furgar entre o lixo ou comer herbas para alimentarse dalgunha maneira, finalmente parece que Yarmouk comezou a chamar a atención do mundo. Pero o único tema que parece interesar é o Estado Islámico. Eu creo que isto é unha desgraza. Pero xa que este é o tema que interesa, é necesario tratalo no seu contexto. É imposible entender o asalto do Estado Islámico se non se ten en conta que Assad, nun 'xesto' cara ao pobo palestino, converteu un barrio próspero de centenares de miles de persoas nunha poboación desesperada de 18.000 que só agardan a morte».
     
Logo de describir escenas patéticas de morte e caos que seguiron ao bombardeo pola aviación siria da mesquita Abdul Qader, onde se refuxiaron centenares de persoas, o articulista describe nestes termos a fame sufrida durante o sitio. «A fame non é como outras armas que Assad utilizou para matarnos. Cando un helicóptero dá voltas sobre as nosas cabezas podemos refuxiarnos nun soto e escapar ao impacto dos barrís incendiarios. Cando a artillaría comeza a disparar é posible agocharse detrás dun edificio. Aínda cando vén unha patrulla para arrestarnos temos unha oportunidade de escapar ou de defendernos. Pero non podemos escapar á fame».


       
Nunha longa correspondencia desde Siria, publicada o 5 de marzo de 2015 en «The Guardian» de Londres, o seu correspondente, Jonathan Steele, explica como «o campo de refuxiados de Yarmouk converteuse no peor lugar en Siria»:

«En decembro de 2012 o Exército Sirio Libre e a milicia Jabhat al-Nusra, vencellada a Al Qaeda, estaban preparados para atacar Damasco e facer caer a Assad. Yarmouk era mellor para unha ofensiva que outros suburbios nos cales o réxime estaba a perder o control. Pero a crise estalou o 16 de decembro cando un avión bombardeou Yarmouk, o que o réxime máis tarde cualificou de erro. Morreron ducias de civís. As brigadas do Exército Sirio Libre e de Jabat al-Nusra utilizaron a situación para penetrar no campo e, en resposta, o goberno lanzou un duro ataque de artillaría que destruíu a maior parte dos edificios nun dos sectores polos que entraron os seus inimigos. En poucos días, os milicianos da Fronte pola Liberación de Palestina-Comando Xeral, o grupo palestino máis importante entre os que apoian ao réxime de Assad, fuxiron de Yarmouk. Algúns desertaron e uníronse aos rebeldes que obtiveron un dominio total. Centenares de miles de civís fuxíronse. Os sirios de Yarmouk fóronse as casas de familiares e amigos no centro de Damasco ou a outras cidades, ou escaparon a Líbano ou a Xordania. Os palestinos fuxiron a zonas de Siria onde esperaban estar máis seguros. Aínda que os intentos de apoderarse do resto de Damasco fracasaron, Yarmouk está hoxe en mans dos rebeldes».
     
Noutra parte do seu informe conta Steele que en setembro de 2014 entrevistou a un integrante da dirección da Fronte Popular para a Liberación de Palestina-Comando Xeral, nun apartamento na parte externa de Yarmouk. Chegado alí desde Líbano en 1994, tomou parte nas fracasadas negociacións coa oposición siria, de cuxa ruptura responsabiliza aos islamitas. Un home duro e combativo, aliado ao réxime de Assad, non tivo ningún problema en defender o sitio. Ao seu xuízo, é un recurso lexítimo, xa que segundo el a comida repartida pola Organización de Axuda das Nacións Unidas (UNRWA) terminaba en mans dos combatentes rebeldes para o seu uso propio ou para a venda no mercado negro. «Nós vimos que os grupos armados sacábanlle a comida aos civís». Ao seu xuízo mesmo foi un erro levantar o sitio. «Se continuásemos unha semana máis, a fame obrigaríalles a renderse».


      
«O carácter bárbaro desta forma de loita non cambiou ao longo dos séculos. O obxectivo é desgastar á poboación civil por fame, coa esperanza de que presione ás forzas armadas que controlan o territorio a que se rendan.  A facción armada, á súa vez, quere manter aos civís baixo o seu control para facer máis improbable un ataque das forzas sitiadoras. Agora, no século XXI, a mesma táctica é utilizada non só en Yarmouk senón tamén noutras partes de Siria».
      
Cal é a situación actual? Un informe da fundación humanitaria Jafra do 2 de maio deste ano resúmeo nestes termos: «Despois de dous anos de sitio e un de acoso por fame, os combatentes do Estado Islámico e un grupo vinculado a Al Qaeda, a Fronte al-Nusra, tomaron o campo de Yarmouk o 1 de abril de 2015. Os milicianos lanzaron un ataque sorpresa e decapitaron a tres palestinos na súa primeira arremetida. Hoxe controlan o 80% do campo. Nesta área, os arrestos, as matanzas e até a queima de instrumentos musicais, que son considerados pecaminosos pola austera interpretación do islam dos salafistas, son feitos cotiáns».
      
Como respondeu a prensa mundial a este desastre épico? Con moi escasa información. E como responderon as excelentemente organizadas e financiadas organizacións de apoio ao pobo palestino? Cun rechamante desinterese. Nada de manifestacións nin declaracións nin artigos furibundos na prensa. Decididamente, cando os palestinos mátanse entre si ou son vítimas doutros árabes ou musulmáns, non interesan. Son unha noticia «desnoticiada».

Os palestinos, como vítimas supremas da indiferenza culpable do mundo, só existen cando é posible culpar a Israel.

Comentarios