A nosa débeda en Mauthausen


Por Pedro Gómez-Valadés
Faro de Vigo - 03/05/2015

70 anos xa. Setenta. Desde que o campo de concentración nazi de Mauthausen (Austria), fora liberado pola 11ª División dos EE UU. 70 anos dunha débeda de silencio pétreo coma unha lousa que para a nosa vergonza non ten visos de ser reparado. 177 galegos padeceron a brutalidade, a tortura e a morte a mans da barbarie nazi entre o ano 1940 e 1945, sen que sete décadas despois, Galicia teña feito aínda un recoñecemento oficial do sufrimento padecido por estes compatriotas nosos desterrados no fondo da memoria das nosas institucións. Resulta moi difícil por non dicir imposible de entender, como a estas alturas da historia, recuperadas hai décadas as institucións democráticas, aínda os galegos que padeceron o presidio e o exterminio en Mauthausen e noutros campos nazis, non tiveran unha rehabilitación e honra como merecen. 

Resulta desolador constatar que goberne quen goberne en Galicia, tanto sexa o Partido Popular, o PSOE ou o Bloque, nunca a Xunta de Galicia plantexou reparar esta dolorosa débeda histórica. Algo que como galego e como ser humano non podo nin entender nin moito menos aceptar. Sexa desidia ou insensibilidade, é unha imperdoable falta de respecto para con eses galegos, compatriotas na morte de 6 millóns de xudeus exterminados no Holocausto. Insensibilidade que tristemente non é exclusiva dos galegos en Mauthausen. 

Nos últimos anos, dúas veces foi solicitado oficialmente no Concello de Vigo que o doutor vigués Eduardo Martínez Alonso, quen durante a II Guerra Mundial artellou unha arriscada ruta de fuxida desde os Pirineos ate Tui, atravesando a España franquista, salvando así a vida de incontables fuxitivos xudeus e refuxiados políticos que desde a Francia ocupada pola Alemaña nazi soñaban con chegar a Lisboa, tivera unha rúa dedicada na súa cidade natal, solicitudes estas que non tiveron nunca nin tan sequera resposta da nosa Alcaldía. 

Semella que unha nube gris cinza envolve en Galicia a todas as vítimas que padeceron durante o Holocausto. Desde que no verán de 2009 falecera quen foi o derradeiro supervivente galego de Mauthausen, o ferrolán Marcelino Pardal, xa non queda ninguén con vida que poida dar testemuño directo do seu paso polo campo nazi. É agora entón, cando deberamos ser nós, os que non aceptamos o pago co esquecemento, os que manteñamos viva a súa memoria e a demanda para que as nosas institucións rehabiliten, dignifiquen e reparen esta dédeba que dura xa setenta longos anos.

Comentarios