Por Afonso Vázquez-Monxardín
Desde mediados do século XVI ata mediados do XVII, Viena e o Mediterráneo occidental estiveron no punto de mira do Imperio otomano. A batalla de Lepanto, 1571, e dous asedios a Viena, en 1529 e 1683, fracasados ambos polo apoio de coalicións occidentais, decisivo no primiero caso o apoio español e, no segundo, o alemán e polaco, supuxeron o freo ao expansionismo militar musulmán polas terras europeas. Daquela, era conciencia común que se caía Viena, nada estaría seguro en Occidente.
E, desde aquela o mundo cambiou o que cambiou. Que é moito ou pouco segundo se mire. Por suposto que nin recoñecemos os tempos da nosa nenez, pero moitas das grandes cousas, como nos ensinan os clásicos, son eternas. O amor, o odio, a esperanza, a paixón, a crueldade, a bondade, o esforzo, o poder, o despotismo, o nepotismo, os sorrisos e os prantos... vagan todos errantes polo campo minado da historia.
Nestes días desacougados no mundo, neste comezo do ano xudeu, ano capicúa 5775, creo que máis que nunca unhas circunstancias poden evocar outras.
Israel é a nova Viena. O islamismo radicalizado de Hamás, Hizbulá, o Estado Islámico, os Irmáns Musulmáns, Al Qaeda, todos enguedellados entre pelexas entre eles, rodea dominador case todos os territorios veciños. En décadas pasadas, desde posicións de forza, Israel moveu ficha en varias ocasións. Retirouse do Sinaí e fixo as paces con Exipto en 1979; asinou a paz con Hussein de Xordania en 1994; retirouse do Líbano en 2000; retirouse de Gaza en 2005... E entrementres, na zona inzaron forzas que esparexen o horror máis extremo. Estados Unidos incubou a Bin Laden contra os rusos en Afganistán, pero daquel ovo choco saíron estas víboras. Hoxe, apoiandose na globalización e novas tecnoloxías de comunicacións instantánea, a atractiva e simple mensaxe do odio domina unha parte importantísima da mocidade do mundo musulmán. Todo o Sahel, desde Nixera a Alxeria, toda a zona de Afganistán e Pakistán, o sur das Filipinas, boa parte do Cáucaso musulmán , Somalia e o corno de África, e agora “zonas liberadas” de Siria e Iraq. Pero o peor son os máis de 3.000 europeos, fillos da marxinalidade, rapeiros e juanis de barrio que reconvertidos loucamente á fe dos seus avós, combaten en terras que nunca viron e fan do gore do cine unha forma de vida. Témome que cando se achegue a inexorable derrota do Estado Islámico, eses mozos retornados poidan producir unha onda de terror lento.
Segundo os especialistas do Soufan Group, hai 250 belgas, 700 franceses, 400 ingleses, 100 daneses, 51 españois... e sería todo moi complicado conque só un de cada dez retornados se dedicasen como lobos solitarios ou organizados, a esparexer o terror. Como pasou no ataque á sinagoga de Bruselas ou o asasinato dos nenos xudeus na escola francesa. Forza e habilidade cómpren máis ca nunca. Os laicos palestinos da ANP, o islamismo moderado de Erdogán, Sisi de Exipto e outros moitos da zona, deben ser hábiles na identificación do seu inimigo principal. Deben esforzarse na paz con quen poden e tratar de frear un horror non visto en xeracións.
Comentarios