A relación do nazismo co cambio de hora no estado español



A diferenza horaria de España con outros países que se atopan no mesmo fuso horario, como Reino Unido, Portugal ou Irlanda, vén de moito máis lonxe e ten razóns estritamente políticas. Concretamente, pola grande afinidade ideolóxica do franquismo co nazismo alemán. O 7 de marzo de 1940 o Boletín Oficial do Goberno publicou a orde na que ordenaba que se adiantase en 60 minutos un horario que ate daquela era común ao dos países da contorna. “Considerando la conveniencia de que el horario nacional vaya de acuerdo con el algún otro país europeo, y las ventajas de todo tipo que el adelanto temporal de hora aportará, dispongo que el sábado 16 de marzo, a las veintitres horas, se adelante la hora legal en sesenta minutos”, asegurábase na comunicación, que significaba que a España franquista se homologase voluntariamente coa hora central europea (CET), a mesma que Alemaña impuxera a sangue e lume a todos os territorios ocupados que mantiñan un horario diferente: Francia, Luxemburgo, Bélxica, Holanda e Polonia. 

Ao remate da Segunda Guerra Mundial, todos estes estados europeos decidiron manter un mesmo horario centroeuropeo, ao que se sumaron logo Andorra, Xibraltar e Mónaco. España, cuxa localización xeográfica non se correspondía en nada coa hora adoptada, mantivo unha hora máis do que lle correspondía e síguea mantendo máis de setenta anos despois. Aplicando criterios xeográficos, que Madrid ou Barcelona (pero máis aínda A Coruña ou Vigo) teña a mesma hora que Berlín é pouco entendible. De feito, o horario medio de Greenwich ou GMT é o horario solar medio no Observatorio Real de Greenwich e que equivale a cero graos de lonxitude. Este meridiano cruzaría a costa mediterránea española, polo que tanto España como Francia, Gran Bretaña e Portugal deberían manter un mesmo horario.

Comentarios