Por Carlos Galansky
Durante a segunda Guerra Mundial (1939-1945) Xapón integrou
o Eixo xunto a Alemaña e Italia. O 15 de Agosto de 1945, Xapón
rendeuse ás forzas estadounidenses e o 2 de Setembro celebrouse unha cerimonia
a bordo do acoirazado USS Missouri, onde o ministro de asuntos exteriores
xaponés, Mamoru Shigemitsu, asinou a acta de rendición fronte ao xeneral
Sutherland.
Pero houbo
moitos militares xaponeses que ficaron illados nalgunhas illas do Pacífico ao
pasar os estadounidenses as súas liñas no seu empuxe final cara Tokio. A estes militares coñéceselles como “Zanryu
Nipon Hei”, cuxa tradución sería “soldado xaponés rezagado”. Algúns
non chegaron a decatarse de que Xapón rendérase até moitos anos despois e
outros, a pesar de recibir a noticia, ou non a creron pensando que se trataba
dunha estrataxema do inimigo, ou non recibiron unha orde directa de rendición
por parte dos seus superiores inmediatos ao quedar as comunicacións cortadas
polos aliados e seguiron combatendo por medo a deshonra.
Houbo dous
casos moi interesantes. O primeiro ocorreu en xaneiro de 1972 co sarxento
Shouichi Yokoi que tivo que ser capturado na illa de Guam. Formaba parte da 29
División de Infantaría de Manchuria ate que en 1943 chegou a Guam, con rango de
sarxento. O 21 de xullo de 1944, na batalla que seguiu ao desembarco das tropas
estadounidenses en Guam, a unidade de Shouichi Yokoi foi aniquilada. Conseguiu
sobrevivir, pero estivo case todo o tempo só, disposto a non renderse e refuxiado
na selva. En 1952, Shouichi Yokoi atopara casualmente uns folletos e xornais
nos que se podía ler que a guerra terminara, pero pensou que era só propaganda
de guerra estadounidense e permaneceu agochado na selva. Finalmente foi detido
e repatriado a Xapón. Levaba consigo o seu fusil para devolverllo ao emperador
cunha desculpa por non servirlle ben; “con moita vergoña, volvín vivo a Xapón,
aos soldados xaponeses ensinóusenos que é mellor a morte á deshonra de ser
capturados con vida”.
O segundo
caso ocorreu en marzo de 1974 con Hiroo Onoda que permanecía oculto na illa de
Lubang - Filipinas dende o 26 de decembro de 1944. Isto converteuno, despois de
30 anos, no último soldado xaponés en renderse tras a Segunda Guerra Mundial.
Onoda fora adestrado como oficial de Intelixencia. As ordes de Onoda eran
realizar unha guerra de guerrillas contra os estadounidenses, que estaban
listos para invadir a illa. Fora enviado con ordes de non renderse ou
suicidarse. Onoda iniciou e continuou a súa campaña, vivindo nas montañas. A
primeira vez que viu un folleto que afirmaba que a guerra terminara foi en
outubro de 1945 e dicía o seguinte:"A guerra terminou o 15 de agosto de
1945. Baixen das montañas!". Onoda, con todo, desconfiou da autenticidade
do folleto ao pensar que se trataba de "propaganda ianqui". Cara ao
final de 1945 volvéronse a lanzar panfletos polo aire, coa orde de entregarse,
impresos polo goberno xaponés. Onoda examinounos para determinar se era
auténticos ou non, e decidiu que era un engano. Finalmente a súa rendición
conseguiuse en 1974 grazas a que un oficial superior de Onoda, o Maior
Taniguchi, voou a Lubang onde se atopou con Onoda, informoulle do final da
guerra e ordenoulle oficialmente renderse. Onoda cumpriu a orde vestido
apropiadamente co seu uniforme, a súa espada e o seu fusil.
En resumo,
estes militares xaponeses seguiron adiante coa “súa guerra” principalmente por
non recoñecer a derrota de Xapón na IIGM. Fixérono movidos por un orgullo
militarista, preferindo a morte antes que a deshonra, froito do código
guerreiro xaponés (o bushido); pola súa desconfianza da realidade preferindo
soñar coas súas ilusións guerreiras ou moi simplemente por non recoñecer o
fracaso do proxecto expansionista do imperio xaponés.
Esta
introdución fágoa porque atopo un paralelismo entre os “Zanryu Nipon Hei” co
pensamento do esquerdismo internacionalista e tamén máis en concreto co esquerdismo
nacionalista galego.
Os soldados rezagados
do esquerdismo internacionalista teñen unhas datas da derrota do seu proxecto
político. O 9 de novembro de 1989 caeu o Muro de Berlín e o 8 de decembro de
1991 mediante o Tratado de Belavezha produciuse a disolución da vella URSS. Isto
ocorreu sen ningún recurso á violencia dos pobos que a integraban. Con todo os
nostálxicos do antigo réxime, do faro luminoso que guiaba ao mundo, seguen sen
aceptar o seu fracaso. Seguen perdidos, desorientados, nunha selva de
elucubracións. Hai 40 anos atrás, co campo socialista en pleno vigor, era
difícil substraerse a ese buraco negro que tragaba homes esperanzados nunha sociedade
máis xusta. Algúns
homes que lograron saír desa “grande mentira” escribiron libros que son
verdadeiros documentos históricos. Por citar só dous dos que máis me
impresionaron: “Mi fe perdida en Moscú” do militante do PCE, organizador do V Rexemento
durante a guerra civil española, o galego Henrique Castro Delgado e “Prisionera
de Stalin y Hitler” de Margarete Buber-Neuman. Hoxe en día seguir mantendo un
proxecto político que se desmoronou hai 23 anos, é de imbéciles. Na
miña Arxentina natal dise que cando un equivócase a primeira vez é por
inexperiencia e se se equivoca por segunda vez é por pelotudez. Esta xente, a
nivel internacional, son actualmente os compañeiros de viaxe do yihadismo
islamita de Hamás. Rememoran dese xeito o acordo dos anos 1939-1941 entre
Hitler e Stalin. Fe e Deus unidos por unha causa. Odian a Israel e ao sionismo
por “representar” ao imperialismo norteamericano en Próximo Oriente. Existen
como oposición política na maioría dos países occidentais. Pero serán degolados
como calquera infiel se chegan a triunfar os seus admirados aliados da yihad. Desgraciadamente
para eles a realidade non lles dá a razón. Non poden saír do seu alleamento
mental. Non haberá ningún xeneral que poida ordenarlles que abandonen a
trincheira na que se meteron. Por si mesmos non poden saír dela. Están tan
afundidos que morrerán soterrados entre as súas paredes...antes que recoñecer a
súa derrota política.
Os soldados rezagados
do esquerdismo nacionalista teñen tamén unha data da derrota do seu proxecto
político nacional. Unha desas datas é o 20 de outubro de 2011 cando as forzas
opositoras ao xeneral Muamar Gadafi, matárono preto da cidade de Misrata. Con
esta morte desapareceu o líder dos Movementos de Liberación Nacional dos anos
70 do século pasado. Neste caso este home morreu con violencia. A mesma que el
predicou durante tantos anos. E foron os seus propios nacionais quen a levaron
a cabo. Nos campamentos do deserto libio adestráronse moitos militantes que
levaron a loita armada, a violencia política, aos seus propios e tamén alleos
países. Aplicaron aquela frase dita por un xeneral arxentino: a violencia de
abaixo non é violencia, é xustiza. Creron, fixéronnos crer, que a pobreza
procrea a violencia cando en realidade é a violencia quen procrea a pobreza. O que en realidade sucede é que
senten fascinación pola violencia política. Esta xente, quizais con máis
afinidades que o grupo anterior, abrázanse politicamente tamén co yihadismo
islamita de Hamás e tamén odian con igual intensidade a Israel e ao sionismo. O
sionismo que non é nada máis nin nada menos que o Movemento de Liberación
Nacional do pobo de Israel, pero non é recoñecido desta maneira por eles. Pódese
dicir que eles recoñecen o dereito de autodeterminación de todos os
pobos...menos o do pobo de Israel. Os membros deste grupo constitúen ou
participan no goberno en moitos países. Estes gobernos, auto definidos como de
esquerda, caracterízanse no político pola súa intolerancia...do mesmo xeito que
a dereita, no social polo clientelismo...do mesmo xeito que a dereita, no
económico polo seu capitalismo...do mesmo xeito que a dereita e no
internacional pola súa amizade económica co imperialismo norteamericano...do
mesmo xeito que a dereita. Se non fóra tan grave o asunto até podería verse
cómicamente o caso de Venezuela: vende toda a súa produción de petroleo a EEUU
e ademais o actual goberno de Maduro ven de aprobar unha oración chavista “un Pai
noso” convertendo a Chávez de líder político a santo relixioso. Isto non é só
alleamento mental permanente dos dirixentes: é un excelente libreto para un
programa cómico de Groucho Marx. Non teñen diferenzas coa dereita política.
Facendo un símil do boxeo, si que a teñen: mentres que eles amagan coa zurda remátanche
pegando co puño dereito. En cambio a dereita política, sempre amaga e pégache...
co puño dereito.
Como
conclusión ambos os grupos están nas súas trincheiras, son soldados rezagados
das súas guerras perdidas e non se renderán nunca... porque non teñen sentido
autocrítico, porque teñen moita covardía política, porque as súas elucubracións
son unha tapadeira da realidade e porque non recoñecerán o seu rotundo fracaso
político.
Como dixo un poeta mexicano: a súa moral... ”es la de un árbol que da moras”
Comentarios