Requiescat in pace





Por Pilar Rahola 
La Vanguardia - 02.07.2014

Calquera resposta será mala, e o ciclo da violencia volverá facer xirar a súa diabólica roda. Neste sanguento conflito non hai boas reaccións e os erros acumúlanse cal destino tráxico e inevitable.

De maneira que, faga o que faga Israel, farao mal porque non ten opcións. A pesar do inxente exército de acusadores que nin tan só deron un respiro ante a morte deste tres rapaces asasinados e levantaron o dedo acusador contra Israel, a pesar deles, Israel non pode facer nada máis do que fai. É dicir, tentar sobrevivir.

Por suposto, haberá días que cometerá erros, gobernos que o farán peor ou mellor, pero en todos os momentos da historia Israel tentou todas as opcións, as duras e brandas, os falcóns e as pombas, e sempre se quedou sen elas. Porque o outro lado só ten unha opción: a guerra eterna até a total destrución do Estado hebreo.

Que poden facer? Secuestráronlles a tres estudantes de 16 e 18 anos, matáronos e tiráronos nun buraco calquera. Mentres, as poboacións próximas a Gaza volveron a sufrir unha intensa choiva de mísiles, e no norte mataron a outro mozo cun mísil desde o Golán. Por terra, mar e aire, as ditaduras veciñas axudan con diñeiro e armas aos anxeliños de Hamas, cuxo único obxectivo é a destrución de Israel e non hai nin un xesto, en ningunha dirección, que apunte á vontade dunha negociación. E mentres nun hospital israelí operan á muller de Mahmud Abbas, o seu marido pacta o acordo suicida coa organización que tira os mísiles, alimenta o odio e secuestra e mata aos rapaces israelís. Que opcións, pois, ten Israel? Retirouse de Gaza, deixou intactas as infraestruturas, pactou un acordo de seguridade co Goberno palestino e... Hamas destruíu as infraestruturas, armou á súa poboación, converteu Gaza no escenario dunha guerra integral e abortou calquera posibilidade de diálogo. 

Como me dicía un árabe cristián de Belén, "o único punto que están dispostos a negociar os de Hamas, e con eles Siria, Irán e o islamismo ao completo, é a rendición e desaparición de Israel". E así vai sobrevivindo, cos seus acertos e os seus erros, tentando manter unha sólida democracia no medio dunha polvoreira de tiranías fanáticas e violentas, hostigada, a norte e sur, por todo tipo de ameazas. A supervivencia de Israel é un esforzo tan titánico que, en terra tan santa, parece un milagre. Con todo, o que amentarán agora os de sempre será a maldade israelí, o exército, o mantra dos colonos, e o resto de tópicos que simplifican até a tolemia este conflito tan complexo. Que fariamos nós se nos secuestrasen, bombardeasen, matasen e cada vez que tentamos un acordo dinamitarano?

O dito, non hai opcións de momento para Israel. A única opción é a supervivencia.

Comentarios