Comprender Israel, pensar en Catalunya



Por Jaume Renyer i Alimbau
AVUI

O pasado día 9 de Abril un amigo xudeu catalán invitoume ao acto de conmemoración do Holocausto que se celebraba na sé da Comunidade Israelita de Barcelona. Unhas cantas ducias de persoas, nun ambiente de recollemento, reflexionaban sobre o acto de barbarie máis desapiadado que o ser humano foi capaz. Lembraban as vítimas sen desexo de vinganza nin exteriorizacións de dor, senón coa altura moral que permitiu a este pobo superar un trauma colectivo de tanta envergadura recorrendo á capacidade creadora que amosaron sempre en todos os terreos do saber, tal e como lembraba Luís Goytisolo no seu artigo “Intelectuais e xudeus” (El País. 22 de Decembro 2001).

As circunstancias actuais do conflito árabe-israelí enchían de preocupación a todos os presentes no acto, non só porque non se ve unha saída a curto prazo, senón porque no noso país, que é tamén o seu, perciben un baleiro de incomprensión ao seu ao redor cando gran parte dos medios de comunicación e a maioría de forzas políticas toman claramente partido pola causa palestina responsabilizando só a Israel en exclusiva do tráxico agravamento da crise. Singularmente a falsa e interesada acusación de xenocidio contra o pobo palestino e a equiparación co nazismo da política de defensa do Estado de Israel divulgada a través de medios de comunicación é un feito de tanta gravidade que non pode deixar indiferentes aos demócratas e ás persoas con sentido crítico da Historia e da presente realidade. Reis Mate, no seu artigo “A singularidade de Auschwitz” (El País. 22 de Abril de 2002) fai referencia a esta cuestión.

Comprender a Israel non implica necesariamente estar de acordo coas decisións do Goberno do Estado de Israel, senón aproximarse á realidade do pobo xudeu e ao conflito árabe-israelí con toda a súa complexidade, sen prexuízos preestablecidos e con espírito crítico, sen dar por boas as distincións simplistas (palestinos bos, xudeus malos). A aposta pola paz na rexión conleva a condena do terrorismo e en especial da estratexia das bombas humanas asasinas como método para conseguir obxectivos políticos e aplicar o principio de autodeterminación dos pobos como fórmula para a solución dos conflitos co fin de garantir o proceso que ten que conducir a que tanto o pobo de Israel como o palestino teñan o seu propio Estado e igualmente as condicións de seguridade imprescindíbeis para o desenvolvemento da súa vida civil.

Desgrazadamente, non foi este o carácter da maioría de manifestacións públicas que se realizaron nas últimas semanas. Artigos como “Todo ten un límite” de Jordi Argelaguet (Avui. 10 de Abril de 2.002) foron a excepción no medio de moitas informacións superficiais e seitarias. Esta descompensación de opinións tamén reflicte un estado de opinión pública deteriorado no seo da nosa sociedade. O pobo catalán mantén maioritariamente un espírito progresista e solidario como o amosa o feito de ter unha alta porcentaxe de voluntarios espallados por todo o mundo e comprometidos coas máis diversas causas humanitarias. Esta solidariedade foi evoluíndo segundo transcorreron as etapas do conflito árabe-israelí.

En Catalunya, cando en 1.948 o Estado de Israel acadou a súa independencia, algunhas desubicadas forzas políticas e os intelectuais catalanistas non marxistas celebraron este éxito colectivo do pobo xudeu que era tamén o de todos os pobos oprimidos do mundo. Esta corrente de simpatía mantívose ate ben entrados os anos 60 e son testemuñas diso o propio President Pujol ou Jordi Carbonell, presidente de ERC entre moitos outros patriotas da súa xeración. A progresiva hexemonía do PSUC e outras formacións marxistas a partir de 1.968 comportou a translación ao noso país dun progresismo superficial herdado da tradición comunista consistente en apoiar aos países árabes para utilizalos contra Occidente durante a guerra fría. A esta secuela de tardocomunismo e do baleiro de pensamento político que provoca, hai que engadir a partir dos anos 90 unha serie de posicionamentos que enlazan coa xudeofobia secular do máis rancio nacionalismo español : o odio ao xudeu é a primeira mostra de repulsa á diversidade que marcou a construción política de España desde a Idade Media ate os nosos días. Antisemitismo e españolismo foron historicamente complementarios e compatíbeis. Puidémolo comprobar hai uns días en Barcelona cando se manifestaban contra Israel con panos palestinos deputados e intelectuais favorábeis a un estado palestino pero contrarios radicalmente á autodeterminación do pobo catalán. Se o lema da manifestación estivese pola paz e pola autodeterminación dos pobos todos estes figurantes non terían podido asistir.

Como di un amigo: Revolucionarios do mundo e reaccionarios de Catalunya, unídevos! Como catalán que aspira á independencia da miña nación, non podo admitir nin o cinismo e sectarismo político nin a exclusión dos xudeus no proceso de construción da nosa comunidade catalá que loita por integrar, sempre respectando a súa identidade, colectivos de bereberes, pakistaníes, saharauís e outros chegados ao noso país nunhas condicións culturais e económicas que poñen a proba a capacidade de integración na diversidade da sociedade catalá actual. A solidariedade con outros pobos do mundo ten que estar guiada polos principios da paz, a prevención dos conflitos e a autodeterminación dos pobos e non pode estar en contradición cos comportamentos políticos internos de Catalunya. Máis ben todo o contrario: tense que manifestar en calquera momento pensando tamén no país que queremos construír.

* Jaume Renyer i Alimbau é Presidente do Forum Català pel Dret a l’Autodeterminació. Foi deputado no Parlament de Catalunya por ERC. Xurista de gran prestixio e membro do Consell Consultiu da Generalitat de Catalunya. Artigo publicado no xornal Avui o 13 de Maio de 2002

Comentarios

Acabo de descobrir el teu bloc i el trobo molt interessant, segueix així, Visca Galiza, visca Israel i visca Catalunya!