O Goberno de unidade palestino

Abraham B.Yehoshua (centro) durante unha conferencia en Galiza 

Por Abraham B. Yehoshúa
La Vanguardia -16.05.2014

Os expertos israelís en política palestina consideran que o acordo asinado recentemente entre a Autoridade Nacional Palestina e Hamas non durará moito tempo. Acordos deste tipo xa se estableceron no pasado e tardaron pouco en romper. Pero eu recibo de bo grado un acordo como este e confío en que esta vez si se manterá. E estou esperanzado porque ante todo vexo que é un acordo nada artificial e moi necesario e urxente para avanzar no proceso de paz.

En Israel déronse diversas reaccións a este acordo. A reacción dos expertos é a de que non durará moito baseándose nas experiencias do pasado. Hai outro sector formado polos que negan e dubidan da posibilidade de alcanzar a paz, encabezado polo primeiro ministro Netanyahu, que aproveitou este acordo para suspender o proceso de paz e evitar seguir unhas negociacións cos palestinos que poderían levar a un acordo que esixiría a Israel facer concesións de verdade. Por iso, co cesamento das negociacións, Netanyahu tenta presionar á Autoridade Palestina para que anule o acordo con Hamas, baixo a dubidosa premisa -na miña opinión- de que un goberno palestino onde non estea Hamas será menos esixente con Israel.

Pero hai tamén outro sector que ve ben este acordo entre a Autoridade Palestina e Hamas. No fondo, supón un desafío que lle lanza Abu Mazen a Israel: "Veña, probádeme e veredes se agora que estou aliado con Hamas poño unhas condicións máis duras das que esixía antes de formar un goberno de unidade con Hamas".

Os israelís todo o tempo estiveron dicindo que un acordo de paz coa Autoridade Palestina era facer a paz só cunha parte dos palestinos e que, por tanto, non era seguro e non se podía confiar nel. E, en cambio, agora cando hai un goberno que representa a todo o pobo palestino, de súpeto resulta molesto, xa que hai que enfrontarse a unha realidade nova e xa non valen as escusas de antes.

Debemos comprender que o paso que deu Hamas ao unirse ao goberno da Autoridade Palestina e aceptar as súas condicións para buscar a paz con Israel é unha proba do cambio de postura de Hamas. Aínda que as cousas non se digan en público, Hamas sabe que a final de contas non lle queda máis remedio que recoñecer a realidade do Estado de Israel e que non pode continuar coa política destrutiva que emprendeu desde a retirada israelí da franxa de Gaza e que non fixo máis que provocar constantes desgrazas. Tras a retirada israelí, Hamas, no canto de iniciar unha política de desenvolvemento e creación de infraestruturas, dedicouse a lanzar mísiles ás localidades israelís alén da fronteira, e por suposto, Israel reaccionou con dureza e danou a maquinaria de guerra de Hamas pero tamén prexudicou á poboación civil. Pese ao cesamento do fogo non oficial que se acordou entre Israel e Hamas, algúns grupúsculos extremistas continuaron co lanzamento de mísiles, e causaron máis inestabilidade no goberno de Hamas. No entanto, o máis grave para Hamas foi a gran deterioración das súas relacións con Exipto, mesmo durante o curto período en que gobernaron os Irmáns Musulmáns e moito máis se cabe agora co Goberno militar. O movemento Hamas, que apoiou ás células terroristas no Sinaí, converteuse nun inimigo para Exipto, que empezou a tratar a Hamas con man de ferro.

Por tanto, a reconciliación de Hamas coa Autoridade Palestina non se debe ao seu amor por Israel, senón a unha aceptación paulatina de que están nunha situación cada vez máis complicada e que se han de enfrontar a unha realidade moi difícil. Por iso, creo que este paso que deu Hamas non é unha táctica transitoria, senón que é froito dunha vontade de saír da lameira en que se atopan e de recoñecer, indirectamente, a lexitimidade de Israel a través do recoñecemento de Israel por parte da Autoridade Palestina desde hai xa moitos anos, unha Autoridade que hai moito tempo buscou o camiño cara á paz e abandonou a violencia.

Abu Mazen é sincero cando insiste en que as condicións para alcanzar a paz con Israel: volver ás fronteiras do 67, converter Xerusalén Este en capital do Estado palestino, intercambiar territorios segundo sexan as necesidades e aceptar as condicións de seguridade que marca Israel (fundamentalmente, a desmilitarización) non cambiaron pese ao acordo de goberno con Hamas. E quen non lle crea, que fale cos americanos, que tanta enerxía gastaron neste tambaleante proceso de paz.

Pero cando o primeiro ministro israelí trata con tanto desdén ao líder palestino máis serio que houbo neste larguísimo conflito, non se pode esperar nada bo tras este acordo que uniu aos palestinos. E cando Abu Mazen, o presidente lexítimo de todo o pobo palestino, fala o día en recordo ao Holocausto con tanta empatía achega do sufrimento dos xudeus durante a Segunda Guerra Mundial e afirma que a Shoah é o maior crime que se cometeu na historia da humanidade, resulta que Netanyahu reacciona con desprezo e considera que as declaracións do presidente palestino son palabras ocas. Non ha de estrañar que un líder como Netanyahu, que fai declaracións de face á galería, crea que os demais fan o mesmo que el.
*Abraham B. Yehoshúa, escritor israelí, impulsor do movemento Paz Agora

Comentarios