Por Pedro Gómez-Valadés
O que a foto non ve. Ese
podería ser un título para esta imaxe, unha desas fotografías que ao meu ver
amosan máis polo que suxiren que polo que mostran. Un bucólico e acolledor
paseo entre bidueiros e carballos, un suave camiño que se perde no
horizonte... Isto é o que a simple vista reflicte esta fotografía que tirei hai
xa uns maios. Mais á dereita, agochada entre as fermosas e altivas árbores
aparece unha escura silueta escura que racha coa tranquilidade e o sosego da
paisaxe: “Canadá”.
Con dramático humor negro ese era o nome que os prisioneiros dábanlle a este lugar. Prisioneiros do complexo de exterminio coñecido dende aquela co seu nome en alemán de “Auschwitz-Birkenau”. Non falarei agora do que como galegos, como europeos, como seres humanos, representa ese monumento á infamia que foi e será por sempre o campo de Auschwitz. A estas alturas da terra e do tempo estou seguro de que todos os que acreditamos na decencia o temos claro. Pídovos si, por favor, só un minuto de reflexión.
Ollade
a imaxe e viaxade mentalmente no tempo ao mesmo lugar da fotografía pero 69
anos atrás. Os mesmos bidueiros e carballos de testemuña, a lama e o inverno,
os infinitos vultos que eran nenos, mulleres, vellos, os cans…e os asasinos. O
que a foto non ve…pero si conta.
Comentarios