Ehud Barak e Nelson Mandela durante a visita no ano 1999 a Israel |
Por Gabriel Hojman
Vaian estas liñas coma homenaxe ao «Pai da Nación» como era chamado polos surafricanos e a todos os que loitaron contra o apartheid. É ben coñecida a mutua admiración entre Mandela e a comunidade xudía surafricana, da cal xurdiron moi destacados loitadores contra o apartheid. Esta simpatía remóntase á mocidade de Mandela; nos anos 40, antes de obter o seu título de avogado pola Universidade de Witwatersrand en Johannesburgo, Mandela foi contratado como pasante por Lazar Sidelsky, socio da firma de avogados Witkim, Sidelsky e Eidelman. Na súa autobiografía, Mandela expresou sobre estes avogados: "Os socios eran xudeus e na miña experiencia, estes teñen unha mentalidade moito máis aberta que a maioría dos brancos sobre cuestións de raza e política, con certeza porque eles mesmos foron historicamente vítimas de prexuízos e persecucións. O feito de que Lazar Sidelsky aceptase a un mozo africano como pasante -algo incrible naqueles días- é boa mostra do liberalismo do que falo" (1). A modo de anécdota, é interesante lembrar o encontro de Mandela co fillo de Lazar Sidelsky durante a súa visita a Israel en 1999. O entón Primeiro Ministro, Ehud Barak, sorprendeu a Mandela ao presentarlle a Barry (Dov) Sidelsky, quen reside en Xerusalén. O fillo do avogado comentoulle: "A última vez que o vin, foi o día do seu matrimonio con Winnie. Eu tiña seis anos" (2). A historia da relación de Lazar Sidelsky con Mandela está documentada no libro «Mandela's Boss: The Sidelsky - Nelson Mandella Connection» escrito por Barry (Dov) Sidelsky e o seu irmán Colin. Lazar faleceu en 2002 en Johannesburgo aos 90 anos.
Como estudante da Universidade de Witwatersrand («Witts») tamén vencellouse con moitos estudantes xudeus: "En Witts coñecín a Joe Slovo e á súa futura esposa Ruth First. Xa entón, como despois, Joe tiña unha das mentes máis aceiradas e incisivas que xamais coñecín. Era un fervente comunista. Ruth tiña unha personalidade extrovertida e era unha escritora de talento. Ambos eran fillos de inmigrantes xudeus" (3). Slovo foi arrestado por oporse ao apartheid en 1956 e en 1960, logo debeu partir ao exilio desde onde continuou militando contra o apartheid, regresou a Sudáfrica na década dos 90, foi Ministro de Vivenda durante a presidencia de Mandela, faleceu en exercicio do seu cargo en 1995. Ruth foi arrestada nas mesmas oportunidades que o seu marido; en 1982 foi asasinada no seu exilio en Mozambique ao recibir unha carta-bomba (4).
A partir de outubro de 1961, Mandela agochouse -no marco da súa clandestinidade- na granxa Lilliesleaf, nos arredores de Johanesburgo, a granxa foi un centro de organización de actividades clandestinas contra o apartheid. Un dos actores clave nestas actividades foi Arthur Goldreich, quen se instalou na granxa coa súa familia. Sobre Goldreich, Mandela comentou: "A presenza de Arthur era unha boa tapadeira para as nosas actividades. Era artista e deseñador de profesión. As súas simpatías políticas eran descoñecidas para a policía. Nos anos 40, Arthur combatera no Palmaj, a rama militar do Movemento Nacional Xudeu en Palestina. Era un bo coñecedor da guerra de guerrillas e axudoume moito a encher moitos baleiros dos meus coñecementos. Arthur era unha persoa extrovertida e achegou á granxa unha atmosfera animosa" (5). Goldreich nacera en Johanesburgo en 1929, concretou a súa marcha a Israel antes da independencia en 1948, regresou a Sudáfrica en 1954. En xullo de 1963 produciuse unha redada na granxa e foron detidos varios dirixentes do Congreso Nacional Africano, entre eles Mandela e Goldreich, quen logrou fuxir xunto con outros compañeiros un mes despois. Instalouse en Israel novamente en 1964, onde foi un destacado docente da prestixiosa Academia de Artes e Deseño Bezalel. Faleceu en Israel en 2011 aos 82 anos. Estivera de novo en Sudáfrica en 1994 para participar nun evento na granxa Lilliesleaf (6).
Outro gran compañeiro de loita de Mandela foi Albie Sachs, nacido en Sudáfrica en 1935. Os seus pais eran inmigrantes xudeus lituanos. Desde os anos 50 militou contra o apartheid polo que foi arrestado e logo debeu marchar ao exilio. "O 7 de abril de 1988 o recoñecido avogado defensor dos dereitos humanos voou en pedazos en Maputo, capital de Mozambique, tras a explosión dunha bomba que fora colocada no seu automóbil. Axentes das forzas de seguridade surafricanas tentaron asasinalo e estiveron preto. Debeu aprender a camiñar outra vez e a escribir coa man esquerda. Como membro activo do Congreso Nacional Africano, foi designado por Mandela para integrar a nova Corte Constitucional" (7). Exerceu o cargo entre 1994 e 2009. Na súa xira por América Latina en 2004, Sachs estivo en Uruguai onde ofreceu unha conferencia no Paraninfo da Universidade Hebrea sobre «Evolución dos Dereitos Humanos no mundo actual» (8) e visitou unha mostra do artista plástico uruguaio e membro da organización Afroamérica XXI, Julio Olivera (agora falecido) na sede da ALADI (9). Mención especial merece a actitude institucional de activos grupos xudeus durante o apartheid, segundo conta a web internacional de Hashomer Hatzair, nos anos 70, durante apartheid, Hashomer Hatzair de Sudáfrica foi pechado debido as súas actividades antigobernamentais (10). Moitos militantes e membros da organización xudía Hashomer Hatzair de Sudáfrica foron arrestados por realizar actividades anti-apartheid.
(1) Mandela, Nelson; «O Longo Camiño Cara á Liberdade»; Edicións Aguilar; Madrid; 1995; Páx. 81
(2) Independent Online (medio de prensa surafricano en inglés); 19.10.99.
(3) Mandela, Nelson; op. cit. Páx. 100
(4) El País de Madrid; 19.8.82.
(5) Mandela, Nelson; op. cit. Páx. 292
(6) Sitio: South African History Online: http://www.sahistory.org.za/people/arthur-goldreich
(7) Entrevista a Albie Sachs; Hugo Alconada Mon; La Nación; Buenos Aires; 5.12.04
(8) Diario El País; Montevideo; 23.10.04
(9) Sitio da ALADI http://www.aladi.org/nsfweb/fototeca/espanol/image219.htm
(10) http://www.hashy.org.au/?page_ide=81
Comentarios