Por Pilar Rahola
La Vanguardia - 27.11.2013
Os sospeitosos habituais xa reaccionaron. Tarde, é certo, quizais angustiados polo indiscutible éxito dos acordos económicos e culturais xurdidos da viaxe do president Mas a Israel. Pero como a teima antiisraelí é unha das máis fortes do planeta Catalunya, e como os militantes da cousa están sempre á espreita, non fora ser que se lles escape algunha noticia coa palabra Israel que eles non denunciasen, vilipendiado, boicoteado e etcétera, finalmente chegou o numerito previsible.
E o numerito, neste caso, é "a esixencia" (termo sobradamente democrático) ao reitor da Universitat de Vic e ao alcalde Vila d'Abadal de que rachen o acordo coa Universidade de Haifa e o Rambam Health Care Campus. É dicir, que rompan calquera acordo cunha universidade de grande categoría académica, e un hospital de renome internacional. Sobra dicir que tal esixencia é extensiva a todos os que teñan a ousadía de pechar acordos con universidades e hospitais israelís.
E a partir de aquí, a retórica ao uso sobre as pérfidas maldades de Israel e as bondades eternas de Palestina, facendo boa a idea de que canto máis complexo é un conflito, máis simplista é a análise dos irredutibles.
Con todo, e máis aló dos maniqueísmos deste tipo de proclamas, o que resulta máis rechamante é a petición de boicot académico. Primeiro, porque é unha aberración que, en nome dunha idea, se pretenda boicotear a cultura e a ciencia. E no caso da Universidade de Haifa, onde estudan moitísimos árabes, a aberración elévase ao cadrado. E segundo, e dado que estas universidades e hospitais israelís son os responsables dunha cantidade inxente de inventos tecnolóxicos, descubrimentos médicos, avances científicos e premios Nobel, que queren dicir os defensores do boicot? Que non tomarán ningún medicamento feito por israelís? Non utilizarán os seus avances científicos e tecnolóxicos?
Dígoo porque pedir o boicot a un acordo académico é moi fácil. O que sería bonito é que todos estes revolucionarios de peto se neguen tamén a tomar os medicamentos inventados polos israelís, nin usen os seus inventos, senón os inventados por Arabia Saudita ou polos amigos de Siria, e cando estean nun hospital que pregunten se o medicamento que lles salvará a vida ten o selo do malvado Israel. É tan parvo pedir o boicot á universidade e aos hospitais, que só pode significar unha cousa: que non estamos ante críticos, senón ante fanáticos, fanáticos que, doutra banda, nunca pedirían o boicot a Irán, a China, a Iemen ou a Qatar, ou a calquera outro paraíso das liberdades. En realidade fan o mesmo que facían cos xudeus na idade media: perseguíanos, pero polas noites ían buscar aos seus médicos ás agachadas, para que curasen aos nenos. Pasan os séculos, pero seguen intactos os métodos dos fanáticos...
Comentarios