Os Diarios e Cartas de Mignon Langnas 1938-1949


Mignon (Mamcze) Langnas, 1903 (Boryslaw, Ucraína) – Nova Iorque, 1949)


(O DRAMÁTICO TESTEMUÑO DUNHA ENFERMEIRA XUDÍA DURANTE A II GUERRA MUNDIAL EN VIENA)
Mignon (Mamcze) Langnas, 1903 (Boryslaw, Ucraína) – Nova Iorque, 1949)

Onte, día 30 de outubro, na sala de conferencias da Biblioteca Central de Viena tivo lugar a presentación dunha obra dun valor histórico e humano excepcional: Mignon: Diarios e cartas dunha enfermeira xudía en Viena. 1938-1949 (Elisabeth Fraller & George Langnas) , publicada na editorial “Haymon” de Innsbruck. A obra reúne os diarios e cartas que Mignon Langnas, unha enfermeira xudía vienesa de orixe ucraína, foi redixindo durante todo o tempo que durou a II Guerra Mundial en Viena e ao cal ela logrou sobrevivir.
Nesas páxinas, esta muller deixou toda unha serie de impresións moi vivas en forma de cartas ao seu marido (Leo Langnas, exilado antes aos EEUU), a amigos e a familiares: acerca do clima de antisemitismo xeral, da presenza nazi en Viena, da dureza e o drama do día a día, das carencias de todo tipo para a poboación civil –especialmente extremas para a poboación xudía-, dos bombardeos constantes, do seu traballo, diario e desesperado, no Hospital Xudeu Infantil de Viena, tentando manter con vida a aqueles nenos, etc...
Mignon Langnas lograría reencontrarse co seu home e cos seus fillos nos EEUU, ao rematar a guerra; pero, desagrazadamente, a causa da súa saúde delicada e do tifus que contraera durante o tempo que pasou no campo para desprazados de Deggendorf, en Baviera (onde foran confinadas máis de 2.000 persoas ao acabar a guerra), Mignon faleceu en 1949, con tan só 46 anos de idade.




Portada de edición dos “Diarios e Cartas” da Sra. Langnas


Na primeira parte do acto falou sobre os aspectos históricos e biográficos desta historia o escritor austriaco Robert Schindel, cuxos pais (que eran militantes xudeus comunistas en Francia), foran enviados a campos de concentración. O seu pai, René Hajek, foi asasinado en marzo de 1945 en Dachau e a súa nai, Gerty Schindel, sobreviviu a Auschwitz e Ravensbrück, voltando en 1945 a Viena, onde se puido reencontrar con el. Despois da detención dos seus país por parte das autoridades nazis, Robert Schindel foi enviado ao Hospital Xudeu de Viena, onde sobrevivió grazas aos coidados e á protección dunha enfermeira, Mignon Langnas.
A continuación, a responsable principal da edición desa obra, Elisabeth Fraller, que comezara a elaborar o proxecto anos atrás nos EEUU, en colaboración co propio fillo de Mignon Langnas (George) explicou diferentes aspectos dese proceso de documentación. Para o mesmo, foron reunidos numerosos materiais e testemuños diversos de sobreviventes en Viena, EEUU, Israel... Durante a súa intervención, foron mostradas ademais fotos de enorme valor documental, de Mignon Langnas e da súa familia, da Viena naquel tempo, etc..



O escritor austriaco Robert Schindel (1944, Bad Hall – Alta Austria)


A continuación, a actriz, locutora e antiga política do Partido Verde Austriaco, Mercedes Echerer, fixo unha lectura excelente de casi unha hora de duración de fragmentos especialmente relevantes deses diarios de Mignon Langnas.
Finalmente, os fillos da Sra. Langnas, Manuela e George, vidos especialmente desde os EEUU para o acto, relataron outros aspectos da historia da súa nai e da infancia deles en Viena e en Nova Iorque. Resultou especialmente emotivo comprobar a xenerosidade e serenidade coas que eses dous anciáns americanos falaron sobre unhas lembranzas tan duras.
Dos fragmentos que se leron da obra de Mignon Langnas, foi tamén moi conmovedor (dentro do seu aprumo e sinxeleza) a última carta da autora, o seu testamento, a modo de legado. Un texto breve e sinxelo, mais que agocha un valor moral e histórico impresionante.
Entre outras cosas, entre as peticións que lles achega ao seu marido e aos seus fillos, e intuíndo que o seu final está preto, dilles a estes: “Non esquezades nunca de que sodes xudeus”. Tamén dá indicacións para que no seu funeral sexa recitado un kadisch, a oración fúnebre do rito xudeu.
O acto, que estivo organizado pola Biblioteca da Cidade de Viena, en colaboración coa editora “Haymon” de Innsbruck, e co apoio do Instituto Xudeu de Formación de Adultos de Viena, contou con numeroso público desde o que, ao rematar as intervencións, formuláronse aos fillos da Sra. Langnas e a Elisabeth Fraller varias preguntas de bastante interese.


Entrada do Palacio e Xardíns de Schönbrunn (Viena) durante a ocupación nazi (no letreiro indícase de xeito explícito que non está permitido o paso a cidadáns xudeus).


Este acto de onte pódese considerar xa como un preámbulo da comprida serie de actividades que as autoridades de Viena, o propio goberno da República de Austria, numerosas asociacións cívicas e culturais austriacas, institucións das comunidades xudías e persoas a título individual, están preparando para conmemorar ao longo de todo o mes de novembro o 75 aniversario dos infames pogromos acontecidos en Alemaña e Austria en 1938, máis coñecidos como “Kristallnacht.
Ligazóns de interese:

Comentarios