Novembro entre nós

http://vieirosdekakania.tumblr.com
Por Carlos Penela 
“ Meus queridos pais, non podo facer outra cousa. Que Deus me perdone. O meu corazón desángrase cando oio falar da traxedia de 17.000 xudeus. Debo protestar para que o mundo enteiro me escoite, e isto é o que me vexo obrigado a facer. Perdóenme. Herschel.”
(Carta de Herschel Grynszpan, 7 de Novembro de 1938)
image
Residentes de Graz observan como arden as dependencias do cemiterio xudeu, logo de seren atacadas.

Data dos feitos: Novembro de 1938.
Lugar: Alemaña, Austria e áreas dos Sudetes de Checoslovaquia.
Autores: membros das Sturmabteilungen (SA) e as Hitlerjugend (HJ) coa colaboración de numerosos cidadáns alemáns e austríacos.
Feitos: do 7 ao 13 de Novembro (e con especial saña e vandalismo, os días 9 e 10 dese mes) quéimanse máis de 1.400 sinagogas; igualmente, atácanse e destrúense cemiterios, escolas, locais comerciais, centros culturais e sociais das comunidades xudías deses países; prodúcense innumerables roubos e asaltos, así como expropiacións ilegais e arbitrarias contra cidadáns alemáns e austríacos desas mesmas comunidades xudías. Preto de 30.000 persoas son deportadas a campos de concentración.  
Para alén demais, eses propios cidadáns que foron atacados e expoliados deben asumir os custos da violencia nazi e pagar ao réxime multas por un valor superior ao billón de marcos da época.
Argumento das autoridades nazis para esta represión criminal: o día 7 de Novembro, o mozo xudeu de orixe polaca Herschel Grynzspan atentara contra Ernst Eduard vom Rath, representante do NSDAP na embaixada alemá en París (antes, a familia do rapaz, xunto con outros milleiros de xudeus, fora deportada da Alemaña polo réxime nacionalsocialista).
image
Consecuencias inmediatas e futuras deses feitos: Centos de vidas ceifadas. Nas semanas posteriores son promulgados ducias de leis e decretos que privan os cidadáns xudeus das súas propiedades e dos seus medios de sustento.
A seguir, unha lexislación exclue os xudeus -que xa non tiñan dereito a traballar no sector público- de poder exercer as súas profesións de xeito privado. As autoridades educativas expulsaron os nenos xudeus que aínda asistían ás escolas alemás. Os xudeus perderon o seu dereito a ter un carné de conducir ou a ser propietarios dun auto. A lexislación nacionalsocialista impúxolles ademáis restriccións sobre o acceso ao transporte público, aos parques, etc… Os cidadáns xudeus xa non podían tampouco ir máis aos teatros, cinemas e salas de concertos “alemás”.
A Shoah comezaba deste xeito a ser redixida nas súas páxinas de cinza.
image
Sinagoga incendiada. Hannover, 10 de Novembro de 1938.

En poucos días, unha efeméride de lume hostil será marcada en Europa cos signos da morte: aniversario da Kristallnacht, setenta e cinco anos da Kristallnacht. A cidade, a cidade deitada ante nós como unha pradaira orfa, a cidade nacendo fría desa memoria de Novembro, no mes máis duro en Viena; nun mes de infamia de 1938, que se espreguiza como un lobo enlouquecido entre Viena e Berlín. Nesa representación estricta e grotesca do fascismo, amosaba finalmente as súas armas e o seu arfar sinistro o Leviatán da barbarie. Nun só día, preto dun cento de seres humanos perecerían como flores soas de papel triste, como breves chamas apagadas con escarnio. O preludio concreto da eliminación. Desde as cancelas dunha orxía antiga, bronca, alguén deitara as súas bestas ao mundo. Entre nós camiñan aínda, anónimos, as últimas testemuñas claudiadas desa onda de odio. Mais tamén algúns dos que alentaron os seus verdugos…
image
Montra dun negocio de propiedade xudía vandalizada. Berlín, 1938.

Caerán os anos, caerá a follaxe murcha do recordo, a pel marcada; mais, por baixo destas rúas, o legado común desa dor alentará sempre cada mes duro de Novembro. Nalgún recanto, alguén pronunciará nomes xa perdidos, certas mans serán dadas, con emoción e afago, beixadas. E unha choiva velada pasará, máis unha vez, lenta, perante o ollar dos que emerxeron do marasmo e deron testemuño do tempo, daqueles que abriron un sulco renacido perante o naufraxio e o trebón.          
image
Civís alemáns contemplan como arden os enseres da sinagoga de Mosbach na praza da vila.

Comentarios