Por Carlos Galansky
Teño un soño
Créase o Estado Palestino. Non por un acordo político de paz entre Israel e os países árabes, incluídos os palestinos, senón por un golpe do puro azar. Como moitas veces na vida. O golpe de sorte iníciase nun movemento telúrico ao leste de Jericó, próximo á fronteira xordana, xunto á estrada 90. Ese movemento case imperceptible é dabondo para abrir unhas gretas na terra que permiten que o petróleo do subchán poida emerxer á superficie e orixine unha grande mancha negra pegañenta que chama a atención a un mozo palestino que estaba pastoreando un rabaño de cabras e ovellas. A mancha tamén é detectada por unha patrulla israelí. Ao pouco tempo convértese nunha cuestión de estado. Comezan as reunións ao máis alto nivel no mundo árabe xa que esa bolsa de petroleo moi livián de alta calidade podería converter a Palestina no sexto produtor de petróleo da OPEP. Van deixar que esa riqueza a administre o Estado de Israel ou pola contra van dar por concluída esa longa historia de rexeitamentos á creación do Estado Palestino?
Por primeira vez na súa vida os palestinos están dispostos a aplicar esa consigna dos hippies dos anos 60: fai o amor e non a guerra... neste caso o amor aos petrodólares. Co apoio de Xordania, para así poder levar o oleoduto xunto á estrada 65 até o golfo de Aqaba para a súa exportación aos países industrializados, e coa tecnoloxía de extracción de petróleo de Arabia Saudita, a decisión tómase en menos dunha semana. O goberno palestino de Mahmud Abbás recupera os acordos de Camp David do 2001, coas condicións que a maioría dos israelís aceptaban como válidas e que Arafat non aceptou nese momento. Asínase un acordo de creación do Estado Palestino, sen unha declaración de paz, nunha reunión excepcional e de urxencia da ONU. Aínda que os palestinos crean o seu estado non queda ben aclarado se fan ou non a paz con Israel. Eles declaran que o acordo non inclúe unha paz, porque nunca declararan a guerra a Israel. Para os palestinos a etapa de dedicarse a destruír ao Estado de Israel convértese nunha etapa de construír o seu propio estado, gozando da vida no canto da morte.
No meu soño aparece unha pregunta, poderán os palestinos mudar a súa mentalidade habituada a destruír o Estado de Israel para levarlles a construír o seu propio Estado?
Teño unha premonición.
Historicamente ninguén había explicitamente declarado a guerra aos xudeus. Simplemente aos xudeus perseguiuselles. A paranoia dalgúns individuos e/ou grupos sociais unida á idea da conspiración xudía, o que en termos políticos dáse en chamar a mentalidade conspiranoica, foi o fío condutor da persecución historia dos xudeus durante séculos. Cronoloxicamente foi así: Os primeiros en perseguir aos xudeus foron os católicos. Sen pretender facer un debate relixioso senón social, os primeiros católicos foron perseguidos polos romanos, o imperio dominante. A súa situación cambiou entre os anos 306-337 ao converterse ao cristianismo o emperador Constantino. Agora eran poder e comezaron a perseguir aos seus antigos irmáns xudeus ao berro "do pobo deicida" xa que formaba parte da súa doutrina relixiosa. Algúns xudeus ollando o panorama desolador de ser o alvo de tanta xenreira, convertéronse ao catolicismo. Pero isto tampouco gustou ás autoridades católicas que vían niso unha especie de conspiración. Por iso crearon a Inquisición, cos seus Tribunais da Pureza de Sangue ademais de propagar algúns episodios puntuais de maldade xudía como a do santo neno da Garda (Toledo). Ate que no Concilio Vaticano II, en outubro de 1962, a valentía do papa Xoán XXIII, deu fin á acusación de pobo deicida na declaración Nostra Aeate (O noso Tempo). Claro, iso nos papeis. A día de hoxe considero que os católicos, non así os cristiáns, seguen coa súa mentalidade conspiranoica. O seu antixudaismo relixioso lémbrannolo cada ano nas procesións de Semana Santa.
Os segundos en perseguir aos xudeus foron os sectores políticos conservadores-reaccionarios. O antisemitismo político iniciouse a finais do século XIX, na Alemaña coa liga Antisemita de Wilhem Marr e en Francia co caso Dreyfus como acontecemento mediático. Tivo tamén o seu correlato na Rusia zarista coa publicación pola Ojrana do libro anti-liberal Os Protocolos dos Sabios de Sión. Todos con mentalidade conspiranoica. Ademais na Rusia zarista deu comezo, hai que recoñecelo, o exterminio de xudeus. Chamárono pogroms.
Os terceiros en perseguir aos xudeus alcanzando o grao máis extremo de salvaxismo foi o nazismo. Esta persecución política-racista alcanzou o grao máis alto na historia da mentalidade conspiranoica. Hitler e os seus verdugos voluntarios na Alemaña dos anos 30 son até agora insuperables nese sentido. O exterminio industrializado de xudeus lémbrase coma o Holocausto (Shoáh).
Os cuartos en perseguir aos xudeus, dentro dos sectores políticos no século XX, foi o stalinismo. Foi Stalin quen impregnou esa mentalidade conspiranoica. Os xudeus comunistas que expresaron un sentimento de simpatía cara á súa orixe cultural, tan só por iso, foron declarados cosmopolitas. A súa caída en desgraza veu acompañada con destitucións dos seus cargos, coa súa deportación aos gulags ou directamente fusilados por inimigos do pobo. Dous relatos, dos miles, así o testemuñan.
O primeiro en relación coa maioría dos membros do Comité Xudeu Antifascista. O caso do secretario do CJAF, Solomon Mijoels foi traxicómico. "Mijoels era un tipo con demasiada sona para ser detido, por iso optouse pola solución de que parecera un accidente. Durante a Segunda Guerra Mundial, á fronte do Comité Xudeu Antifascista, viaxara por varios países para chamar a atención do mundo sobre a apremiante situación dos xudeus co fin de reunir fondos para o esforzo de guerra soviético. En Estados Unidos foi recibido, entre outros, por Albert Einstein. O CJAF en realidade fora organizado polo NKVD, xa que Stalin deuse de conta da utilidade dos xudeus soviéticos para obter a axuda dos Estados Unidos. Iso si, oficialmente estaba presidido por Mijoels e supervisado por Solomon Lozovsky, un xudeu da vella garda bolxevique que tiña un alto cargo no Comisariado de Asuntos Exteriores de Molotov (e que tamén terminaría asasinado por Stalin). Pero, a ollos de Stalin, tras a guerra o cargo subíraselle a Mijoels á cabeza e converteuse nun individuo perigoso. Insistía en rememorar o xenocidio dos xudeus perpetrado polos nazis e desa forma tratou de que se publicase na Unión Soviética -sen conseguilo- unha colección de documentos e testemuños sobre os asasinatos en masa nos territorios ocupados reunida por Ilya Ehrenburg e Vassili Grossman, coñecida como O Libro Negro. En opinión de Stalin, Mijoels pasara de facer propaganda soviética a facer propaganda xudía.
O 12 de xaneiro de 1948 Mijoels foi asasinado en Bielorusia. Segundo palabras de Stalin: "Mataron a Mijoels...nun accidente de automóbil". O segundo relato é o caso da muller do Comisario de Asuntos Exteriores V. Molotov, Polina Zhemchuzhina de orixe xudía. Foi declarada espía ao servizo de Israel logo da visita de Golda Meir, como embaixadora de Israel na URSS en 1948, e falar con ela en yiddish. Foi condenada a un gulag en Kasajistán durante os últimos 5 anos de vida de Stalin. Lamentable foi o comportamento do seu marido que non a defendeu durante a reunión do CC do PCUS onde foi condenada. Daqueles pos veñen estes lodos. Os descendentes do stalinismo manteñen vixente hoxe o seu antisemitismo, elevado á nova categoría de anti-israelismo.
Os quintos en perseguir aos xudeus actualmente é o islamismo violento, unha mestura de relixiosidade e política, pero coa mesma mentalidade conspiranoica. Deles escribiu Joseph Antón nas súas Memorias: " Esta xente está en contra, por mencionar só unha breve listaxe, da liberdade de expresión, do sistema político multipartidista, do sufraxio universal para adultos, do goberno obrigado a render contas, dos xudeus, dos homosexuais, dos dereitos da muller, do pluralismo, do secularismo, da minisaia, do baile, do barbeado, da teoría da evolución, do sexo. Segundo a súa visión do mundo, eles teñen as súas certezas absolutas, mentres que nós sumímonos en excesos sibaríticos. Non os derrotaremos mediante a guerra, senón elixindo unha forma de vida sen medo. Como se derrota o terrorismo? Sen aterrorizarse. Sen permitir que o medo rexa a nosa vida. Aínda que un estea asustado".
En conclusión a miña premonición é que o antixudaismo relixioso, unido ao clásico antisemitismo político máis o antiisraelismo como etapa superior de ambos, manteranse vixente aínda que os palestinos teñan o seu estado. É consustancial á mentalidade conspiranoica dos grupos relixiosos e políticos que sinalei. Segundo o médico xudeu León Pinsker de Odesa, na súa obra "Autoemancipación", escrita en 1881: "A xudeofobia é unha psicose. En canto psicose, é hereditaria e en canto enfermidade herdada desde hai dous milenios, incurable". Comparto a súa opinión.
Comentarios