Por Ari Shavit
Haaretz - 30.09.2013
Aquí hai algo que non adoitase escoitar por estes lares: Israel ten razón.
E Israel ten a razón porque a diplomacia durante a última década fallou, as sancións de anos recentes fracasaron e Irán está moi preto da súa meta. Israel ten razón porque as promesas solemnes que recibira dos Estados Unidos antes das eleccións presidenciais resultaron baleiras e vas.
Israel ten razón porque resulta claro que a firmeza de Occidente de cara a Teherán era imaxinaria. Israel ten razón porque Irán cruzou todas as liñas vermellas que o mundo tenlle debuxado desde o 2010, e o mundo atópase paralizado. O demo nuclear iraniano é un verdadeiro demo que logo poderá desencadear e cambiar todo.
Pero precisamente porque Israel ten a razón atópase illada.
A comunidade internacional do 2013 sofre de shock traumático. Isto débese á crise económica e aos conflitos en Iraq, Afganistán, a Praza Tahrir e Siria. Os estadistas que se reunirán esta semana na sede da ONU en Nova York representan a unha política débil, que trata de branquear a situación e só pretenden enganarse a si mesmos. O mundo carece da xestión ou do sostén apropiado, ademais de carecer da visión da necesidade existente de plantar cara ao programa nuclear iraniano. Así pois, ao non querer nin ter en conta o feito de que Israel ten razón, prefire levar a Israel contra unha esquina.
A persoa que hoxe encarna a rectitude de Israel máis que ninguén é Benjamin Netanyahu. Esta vez o primeiro ministro de Israel debería recibir aplausos en Nova York, pois foi o único home de Estado que puxo a Irán no centro da axenda internacional, e tiña razón.
Netanyahu foi o único estadista que promoveu e realizou esforzos para deter o programa nuclear iraniano, e tiña razón. El foi o único home de Estado que sostivo, mesmo antes de que se desencadeasen os acontecementos de Siria, que só unha ameaza militar xunto cunha iniciativa diplomática estratéxica podería facer fronte a un Estado radical con armas de destrución masiva.
Pero a pesar de que foi o triunfador polo seu gran argumento ideolóxico sobre Irán, ninguén está disposto a escoitar as verdades sombrías das que falalles Bibi. Ninguén vai deixar que Netanyahu arruíne a grande festa da ilusión. As nacións agora están unidas no seu desexo de non deixar que o profeta de Xerusalén, ese que anticipou os acontecementos non desexables, torpedee agora unha paz comercializada polo novo heroe de moda, o moderado vendedor de ilusións de Teherán.
Hai doce anos, Ariel Sharon pronunciou o seu discurso de Checoslovaquia [Nota: sobre a tentación de converter a Israel na nova Checoslovaquia, unha reedición do pacto de Hitler e Chamberlain en 1938].
Netanyahu ten todas as razóns para pronunciar esta semana o seu propio discurso de Checoslovaquia nas Nacións Unidas. O espírito de Munich está no aire. Hai similitudes preocupantes entre o espírito en 1938 de Londres e de París e o espírito actual de Londres e Nova York. A tentación de falar de Churchill é forte, pero Netanyahu non debe caer na tentación. Debe dicirlle ao mundo a verdade que se nega a escoitar, pero ten que pór unha proposta creativa e práctica sobre a mesa.
A proposta é simple: a suspensión. Tal como o presidente dos EEUU Barack Obama esixiu que as conversacións entre israelís e palestinos estivesen vencelladas a unha suspensión da construción nos asentamentos, Netanyahu debe esixir que as conversacións entre estadounidenses e iranianos deben estar atadas a unha suspensión dos avances na capacidade nuclear de Irán.
A escusa que agora se emprega é que o presidente iraniano Hassan Rohani é diferente. O argumento que se emprega é que Rohani está disposto a renunciar ao programa nuclear pola prosperidade económica. Ben, se fose así, Rohani non debería ter demasiados problemas para estar dacordo en que mentres el e a súa xente levan a cabo as negociacións, o enriquecemento de uranio e a construción de centrifugadoras deben ser suspendidas por completo. Nin un quilogramo máis debe ser enriquecido, nin unha centrifugadora máis.
A iniciativa da suspensión é vital, pois é a única que vai pór de relevo que os iranianos e a comunidade internacional dan probas de dicir a verdade. Se é rexeitada, estará claro para todos a quen e a que nos enfrontamos. Se é aceptada, a presión do tempo atómico aliviarase e non haberá ningunha razón para tomar decisións apresuradas. Só unha proposta de conxelar o programa nuclear iraniano inmediatamente poderá afastar a Israel da esquina na que está illado.
Comentarios