Creo que a inmensa maioría da poboación desta zona do globo no que vivimos, senón relixiosos, si somos cristianos culturais. Explícome. A maioría atende ás cerimonias especiais de vodas,bautizos e funerais con regularidade e sábese integrado no mundo da tradición cultural xudeocristiá evolucionada. Si, mesmo a laicidade occidental de arestora, o avance da educación, a igualdade da muller, as opcións sexuais, e os dereitos humanos, son fillos e froitos da evolución destas vellas raíces e non doutras.
Por Afonso Vázquez-Monxardín
La Región - 1.10.2013
Por iso cando vemos un templo de calquera rama cristiá nun país estraño, sabemos que con esa xente temos moito en común. Ou sexa, cando entramos nunha igrexa ortodoxa en Estambul, nunha armenia en Xerusalem, ou nunha copta no Cairo, sentimos que compartimos con esas persoas máis cousas que cos seus veciños musulmáns. Todo é xente, desde logo, pero haina máis próxima e menos. E cos cristiáns temos, claro, máis en común: Desde o xamón aos Reis Magos.
Por iso eu estou desacougado polo barata que vai a carne de cristián. Si. Os medios só poñen notas pequenas sen entrar en reflexións maiores e os opinadores europeos non falan, non comentan, non están. Se cadra pensan que denunciar a represión e matanzas de cristiáns a mans do extremismo islamista promove a racismo antimusulmán. Ou se cadra aínda máis simple, que non é rendible politicamente defendelos. ¿Pero hai que calar ante os ataques que sofren onde son minoría?
Os cristiáns destes países, no mellor dos casos, non aguantan a presión e emigran a Estados Unidos ou Europa. Exactamente o que queren os radicais islámicos: o terreo libre para facer sociedades homoxéneas onde poidan cambiar as leis civís, herdeiras da influencia europea, polo extremismo relixioso. Fálolles dos coptos de Exipto, masacrados ciclicamente e agora culpabilizados do golpe de estado último. Fálolles dos evanxélicos do Paltau nixeriano, queimados vivos por centos durante os seus oficios relixiosos. Fálolles dos vellos siríacos que manteñen a lingua aramea, en exterminio estes días, por Al Qaeda, nas terras de Siria. Fálolles dos cristiáns caldeos, case xa ausentes do seu Iraq milenario. Fálolles dos cristiáns árabes palestinos, reducido á metade desde o ano 2000 pola emigración a occidente ante as presións diarias. Fálolle das bombas que teñen que aturar continuamente os cristiáns da India ou Pakistán. ¿Lembran o estourido do outro día nunha igrexa do norte de Pakistán con máis de 80 mortos? Só un pequeno recadro nas páxinas interiores. Ningún artigo de opinión. Só un flash nos telexornais. Pouca cousa.
¿Imaxinan vostedes os titulares de primeira páxina, as concentracións solidarias, o posicionamento dos partidos, as declaracións dos líderes contra o auxe do racismo e a xenofobia, se houbese 80 musulmáns mortos por unha bomba nunha mezquita en París ou Londres?
Racismo tamén é ter varias varas de medir, varios pesos para pesar, en función de quen pon os mortos. E desde logo non é un bo camiño para a paz.
Comentarios