Por Santiago Jaureguizar
http://cabaretvoltaire.canalblog.com/
Non deixa
de sorprenderme a oposición como categoría que aplica a esquerda mundial cada
vez que Estados Unidos e Inglaterra deciden actuar para aforrar uns milleiros de
mortos en calquera tempo e lugar. O principio de abstinencia bélica, inspirado
polo rexeitamento a que incrementen a súa influencia no mundo atopa agora
concreción en Siria. Eximir a Bassar Al Assad da condición de
criminal masivo non parece viable nin sequera para os máis febrís opositores do
imperialismo, porén pretenden que toda a proba de que o sátrapa sirio asasina
aletoriamente a todo o que estea situado fóra dos seus tanques se leve a un
extremo irrefutable. No canto de tratar
de cortar de vez esta rea de inocentes morrendo día a día, pretende esixirse a
Occidente un informe completo.
Destas alturas do xenocidio, case que semella
exquisito saber se usou gas ou bombas tradicionais. Ese requerimento dá vida á
estratexia adiadora do ditador sirio, que atopa un novo colchón na
meticulosidade que pretende Ban Ki Moon quen anda rogando, como
quen ceiba un globo no aire, unha vía diplomática. O cuestionamento
principal que leo aos opositores ao bombardeo é unha comparanza co caso das
armas de destrución masiva en Iraq (coma se Saddam Hussein
estivese contaxiado da bonhomía redentora do Subcomandante
Marcos). O argumento fundamental é concretar o momento no que Occidente
pasa a Al Assad da calificación de gobernante autoritario incómodo á de asasino
insorportable. Cando criticamos os prazos dunha intervención militar nunca
consideramos a conta de gastos e bágoas que representa, tanto en perda de vidas
de soldados, como en cuestións menores como son os gastos operativos e as perdas
de material. Certo que, a cambio, os atacantes melloran a imaxe na súa opinión
pública e incrementan a súa influencia estratéxica na zona bombardeada.
A
consecución que urxe é que o ditador sirio cese na matanza e non as motivacións
dos imperialistas. Cómpre que non se abran máis foxas comúns, o motivo é o menos
importante. Se chegamos a preguntarnos polas razóns que desembarcaron no Día D
en Normandía os nazis terían exterminado outros seis millóns de xudeos,
homosexuais, xitanos e demáis persoas ás que pretendían extirpar a condición
humana. Non negarei que a invasión causou milleiros de defuncións de alemáns
alleos ao Tercer Reich, pero eu non atopo unha alternativa menos lesiva.
Tampouco en Siria.
Comentarios