O que Israel non é


Por Carlos Penela
.
Se tiver que dar resposta ao que a pequena nación de Israel me suxire, o que para min significa, os afectos que en min esperta (a pesar dos seus conflitos, das súas dificultades, dos seus desafíos...), tentaría facelo á contra, dando a volta á cuestión.

E faríao así porque o grao de parcialidade informativa e de odio visceral e pertinaz sobre esa nación é tan clamorosamente elevado se o compararmos, especialmente, co silencio cómplice e inmoral en relación a todo o que acontece, por exemplo, nos seus países viciños, que algo parece indicar que con Israel se aplica unha excepcionalidade máis que sospeitosa e inxusta.

Por tanto, tentarei dar razón diso, rascuñando, de maneira breve, xustamente o que Israel non é e que, por iso mesmo, o fai ao meu ver, cando menos, merecente dun xuízo moitísimo máis xusto e positivo do que habitualmente é obxecto.

De certo, non é Israel ese país onde os seus nenos son empregados como carne de canón en accións suicidas e onde as nais se congratulan porque os seus fillos serán supostos mártires dunha causa teocrática e totalitaria.

Non é ese país onde alguén, por ter unha crenza relixiosa diferente á maioritaria e mostrar publicamente a súa fe, será despoxado da súa dignidade como cidadán, sendo levado a prisión, azoutado perante a masa ou mesmo executado de maneira bárbara.

Non é ese país onde as mulleres son subxugadas e reducidas a pouco menos que mercadoría, desprovistas de calquera seguranza xurídica e impedidas de poder desenvolver unha vida normal e digna como persoas.

Non é ese país onde, pola cor da súa pel, o seu xeito de vida ou a súa condición sexual, alguén será perseguido, confinado, sen posibilidade de vivir en paz, empurrado ao exilio ou levado ao patíbulo.

Non é ese país onde as linguas das súas minorías son perseguidas e proscritas, onde esas linguas non poden ser aprendidas nin cultivadas polos seus falantes ou onde as manifestacións culturais das mesmas deben ser desenvolvidas no anonimato e na precariedade.

Non é ese país onde a educación, os progresos da técnica e da ciencia e o acceso á cultura fiquen reservados soamente para uns privilexiados, manténdose a grandes grupos da súa poboación na ignorancia, na demagoxia e no atraso.

Non é ese país onde, polas grandes desigualdades sociais, pola pobreza extrema, pola corrupción sen control ou pola ausencia de asistencia sanitaria, os seus cidadáns se verán abocados á miseria permanente, á fame, ao desamparo ou á morte indigna.

Non é ese país onde os disidentes non poden expresar a súa voz, editar con liberdade os seus xornais ou manifestar nas rúas o seu descontento baixo o temor de que as súas protestas serán reprimidas de maneira brutal e desproporcionada.

Non é ese país onde non existe un parlamento elixido de maneira democrática, dereito á reunión, liberdade de prensa e de opinión, eleccións libres, organizacións de traballadores, asociacións civís ou presenza de organismos internacionais.

Non é ese país onde o poder xudicial está en mans dunha casta ou un tirano, onde non existe unha lei que se aplique con independencia ou onde os seus cidadáns son xulgados de maneira arbitraria sen dereito a defender en condicións a súa inocencia.

Pero, tristemente, tampouco é Israel ese país ao que non se pregunta de maneira insistente e insidiosa os motivos polos cales debe existir, nin é ese país que non terá que render, case a diario, contas polo simple feito de defender o dereito á súa propia existencia.

Así pois, a pouco que se exercite un mínimo de honestidade intelectual, de obxectividade e de rigor á verdade, non será moi difícil achar todo iso que Israel non é, precisamente, en moitos deses outros países que o rodean (e nin só). Eses países, eses réximes, eses gobernos que nunca son, nin sequera, amoestados por eses mesmos que elaboran un xuízo tan parcial, tan estrito e tan letal contra Israel. E só contra Israel.

Curioso e vergoñento paradoxo de quen se ergue tan a miúdo alporizado como detentor dunha suposta superioridade moral que só aplicará se for para se referir a esa pequena nación.

* escritor galego residente en Viena

Comentarios