E dos 20 anos dos Acordos de Oslo, non se lembra ninguén?


Por Daniela Kresch
The Jerusalem Post
Mentres os 40 anos da Guerra do Yom Kippur son lembrados en Israel en infinitas reportaxes de xornais e TV, documentais, entrevistas e fotos, case nada tense falado sobre outra data redonda: os 20 anos dos Acordos de Oslo. Ao que todo indica, as dores do conflito contra Exipto e Siria importan máis do que o histórico aperto de man de 13 de setembro de 1993 na Casa Branca entre o ex-primeiro ministro Yitzhak Rabin e expresidente da Autoridade Palestina Yasser Arafat, acompañados polo expresidente Bill Clinton e que marcou a primeira fase dos acordos.

Se o mundo viu emocionado o aperto de man como esperanza do fin do conflito entre xudeus e árabes na Terra Santa, en Israel hai menos consenso. Nas últimas dúas décadas, dereita e esquerda discuten sobre os obxectivos, as conquistas e os erros das negociacións de paz que levaron á creación da Autoridade Nacional Palestina, á volta de Yasser Arafat e, infelizmente, ao asasinato de Rabin polo fanático extremista israelí Yigal Amir. A realidade pos-Acordos de Oslo ofuscou as boas intencións (non tan boas para quen aínda hoxe estea en contra da creación dun Estado palestino).

O resultado desa falta de consenso é unha tentativa case de esquecer o que aconteceu hai 20 anos. Apenas se fala do aperto de man daquel 13 de setembro, as negociacións secretas, da esperanza, da decepción. Un dos principais motivos é a figura de Yasser Arafat, odiada por moitos israelís, que non conseguen revisar as imaxes nos xardíns da Casa Branca sen facer un aceno de desagrado, nunha demostración de desprezo polo home que consideran foi un terrorista. 

Mais, para quen participou das negociacións - as máis e as menos secretas - que levaron aos acordos, Oslo foi un divisor de augas. Para Uri Savir, negociador-xefe do lado israelí, foi en 1993 que a maioría dos israelís e dos palestinos deixou atras o soño dun "Grande Israel" e dunha "Grande Palestina" para chegar á conclusión de que é preciso dividir esta terra entre os dous pobos. 

"Os acordos de Oslo foron o máximo que os líderes de Israel e os palestinos foron quen de conseguir sen axuda externa e intervención. Mais, até hoxe, os líderes dos dous lados son incapaces de levar diante os difíciles compromisos necesarios para resolver todas as cuestións. Iso porque, se o fixesen, non sobrevivirían politicamente", escribiu Savir nun artigo no The New York Times.

Non que eu penso que os israelís deberíamos ignorar a data redonda de 40 anos da Guerra do Yom Kippur e parar de discutir se Israel gañou mesmo a guerra ou perdeu moralmente contra os exipcios e sirios. Claro que a guerra é un trauma inesquecibel. Mais tamén penso que ignorar o aniversario dos Acordos de Oslo, a pesar de toda a falta de consenso, é un grande erro. Oslo foi o comezo dunha realidade nin sempre bonita, dun dominó de acordos que non levaron á paz. Mais tamén representou, para moita xente, a esperanza nun futuro mellor, sen conflitos co mundo árabe, sen violencia ou derramamento de sangue. Ilusión? Pode ser. Mais finxir que foi irrelevante non vai levarnos a ningures.

Comentarios