Por Alberto Mazor
Confeso: son de esquerda Pero por que me custa tanto confesalo? Non
debería ser fácil e normal que unha persoa coma min, defensor da liberdade, da
igualdade de oportunidades, da autodeterminación dos pobos, da redistribución
da renda e da xustiza social, mostrase unha elemental simpatía por gobernos que poñan en valor eses valores democráticos elementais? Non é certo que os valores de calquera sociedade decente son
precisamente os de esquerda e non outros?
A dificultade reside en non poder atopar unha resposta fácil
á pregunta.
Que enigmática forza histórica ou que lóxica diabólica fai
que "esa esquerda", "a esquerda", a suposta aliada natural do humanismo, do
feminismo, da ecoloxía, do pacifismo e da educación para todos, traizoe unha e
outra vez os seus principios elementais?
A resposta sería doadal se se expresase este desconcerto só
desde as acostumadas posicións reaccionarias ou simplemente conservadoras. Desde esas formas de ver as cousas, un debe supor que
asombrarse ante a tan común terxiversación elemental dos seus principios é
pecar de infantilismo. Despois de todo, o xénero humano é o que é, de modo que
calquera poder político procurará aferrarse a el, consolidar os seus privilexios
e esquecer os principios que conceden o voto a quen o piden invocando ilusións
e facendo promesas sen a menor intención de aplicalas.
A medida en que esta convicción pesimista sobre a inevitable
incapacidade da "esquerda" penetra na mente de quen adoitan definirse como
progresistas, está a dala nestes días a indecisión e timidez coa que estes reaccionan coas revoltas populares que tentan acabar coa opresión e as ditaduras
no mundo árabe e musulmán.
De súpeto, quen recibía de pé e con aplausos a Hosni
Mubarak na Internacional Socialista, decátanse de que el era un ser miserable e
corrupto. Seica non o sabían? Gaddafi sempre foi un bárbaro terrorista internacional, pero
iso non impedía que fose convidado as universidades de ciencias sociais máis
prestixiosas do mundo (esas mesmas que se enorgullecen en organizar boicots
académicos contra Israel), e que sen vergoña algunha, centos dos seus
sensibles profesores e alumnos charlasen con el sobre democracia e dereitos
humanos.
Xunto a iso, o que si se comprende, é que un reaccionario do
tipo de Berlusconi teña loubado a Gaddafi co seu harem interminable de mozase
as súas orxías romanas. Á fin e ao cabo, ese fantoche é de dereitas.
Un é xa bastante vello, castigado e experimentado como
para esperar que algunhas ideas realmente humanistas atopen a alguén -non
importa en que partido ou en que movemento social- que lles faga caso, que as
tome en serio, que pense que aínda é posible alcanzar na política algo de
sentido común; que aínda a batalla por manter tres ou catro principios básicos
de esquerda non está perdida.
Con todo, xa son bastante maior para pasarme á dereita, pero
non tanto como para non esperar nada de "esa esquerda" que me nega e despreza
só porque me animo a apoiar abertamente a Israel por ser este un Estado
democrático e meritorio a pesar de todos os seus defectos e erros.
Non pasa nada camaradas; solidarízome totalmente cos
levantamentos dos pobos árabes contra eses déspotas que até onte vostedes
mesmos admiraban, eloxiaban e apoiaban; seguireime queixando de quen fai todo o
posible por acrecentar as diferenzas sociais, que sempre serán os primeiros en
borrarse en épocas de crises económicas; moverei a miña cabeza en desaprobación
cara a esas tóxicas dereitas infames que non permiten que avance a saúde universal para os máis pobres ou a educación para todos os que non a teñen.
Pero non quero que me confundan e pensen que son da "esquerda", desa "esquerda? imbécil que ve en Israel a causa de todos os males
ate que, de súpeto, non sabe como proclamar o contrario porque desatouse a
verdadeira treboada en Oriente Medio, ou que diaños facer cando empezan a
retumbar os raios que ela mesma provoca, consciente do seu cinismo e
hipocrisía.
Comentarios