Xulia, Lola e Amparo na memoria


Por Mario Paz González

Atribúese ao psicoanalista austriaco Wilhelm Stekel a seguinte cita: “O que distingue ao home insensato do sensato é que o primeiro ansía morrer orgullosamente por unha causa, mentres que o segundo aspira a vivir humildemente por ela”. J. D. Salinger recóllea así na coñecida novela O gardián entre o centeo. Non é unha mala definición, aínda que pouco convencional, do que podería ser un heroe. Non estamos a falar deses personaxes que acostuman a conxugar o histórico e o simbólico coma parte do seu destiño, senón daqueles outros, anónimos, dispostos a gardar un segredo, un segredo que tal vez sexa o máis difícil: o da súa heroicidade, a súa renuncia, o seu sacrificio... Seres dispostos a entregala existencia por unha causa de xeito silandeiro sen agardar ningún tipo de recoñecemento por elo.

A cotidianidade, coa súa fráxil poesía, fica chea deles, pero non acostuman a encher titulares nos xornais, malia que as súas vidas, cargadas dunha fonda intensidade, poderían conmovernos sen dúbida algunha. Pero tamén, ás veces, a prensa diaria, coma se dunha novela se tratase, regálanos algunha destas historias e entón ese súpeto descubrimento resulta unha experiencia plenamente gozosa. Velaí, pois, unha delas.

Nos difíciles anos que pechan a primeira metade do século XX había diversos puntos estratéxicos (Lisboa, Tánxer, a Francia previa á ocupación nazi...) que servían de ponte para aqueles refuxiados que tentaban fuxir do infatuo destiño que os agardaba nunha Europa a piques de ser devastada pola guerra. Xunto aos perdedores da nosa contenda civil misturábanse os perseguidos polo crecente e irracional antisemitismo do terceiro Reich. Semella que, para os que facían o seu camiño a través de Portugal, entre 1943 e 1945 funcionou unha rede que, estendéndose a través de Galicia, chegou a salvar a vida a centos de persoas. Para poñela en práctica non foron necesarias grandes e complexas infraestructuras, senón, máis ben, fortes vontades e amplas doses de heroicidade.

Xulia, Lola e Amparo (nesa orde na fotografía), as tres irmáns Touza de Ribadavia, eran propietarias dun pequeno quiosquo na estación ferroviaria da súa vila onde vendían doces caseiros, licores, viños do Ribeiro ou pavías de Beade e Vieite... Dende alí facilitaron auga ou alimento aos presos dos grupos de traballo durante a guerra (o que lles acarrearía máis dun problema) e mesmo tiñan axudado a algúns emigrantes que partían cara a Venezuela. Pero o que moitos dos seus veciños nin siquera chegaron a sospeitar era que aportaron o seu gran de area a unha das moitas redes clandestinas de axuda aos fuxidos da Alemaña nazi.

Coa complicidade dos taxistas Xosé Rocha Freijedo e Xavier Míguez, “o Calavera”, recollían aos xudeus perseguidos que chegaban nun tren sinalado desde Monforte e encargábanse de agochalos baixo o chan da cantina para logo levalos, co amparo da escuridade nocturna, ata a fronteira por Ponte Barxas. Ricardo Pérez Parada, evanxelista e toneleiro que vivía preto da estación, oficiaba coma traductor. Falaba algo de inglés e polaco, xa que fora emigrante en Nova York entre 1908 e 1914. Ninguén soubo daquel intenso segredo do que as irmás só falaban entre elas. “Sempre andaron moi unidas no seo dunha familia ben numerosa”, dirá Antón Patiño en Memoria de Ferro.

Elas, que viviron no anonimato coa ledicia e vitalidade que lles permitiron as circunstancias, levaron ata as derradeiras consecuencias a máxima aquela que marcou definitivamente a vida de Cosimo Piovasco di Rondò, o heroe da fermosa novela O barón rampante de Italo Calvino: “As empresas que se basean nunha tenacidade interior deben ser mudas e escuras, por pouco que un se manifeste ou vanglorie delas, todo semella parvo, sen sentido e mesmo mesquiño”. Co seu exemplo, as tres, quizáis sen sabelo, encarnaron cunha máis que sutil perfección a imaxe do heroe anónimo, do heroe que se amosa coma modelo ético de sacrificio e responsabilidade, disposto a cumplir un destiño, tal vez non elexido, pero enteiramente asumido por inevitable.

Lola morrería o 26 de xuño de 1966, Amparo o 6 de febreiro de 1981 e Xulia, a máis nova, o 6 de xuño de 1983. As tres recibiron sepultura no cemiterio de Ribadavia, en nichos que lindaban coa parte onde enterraban aos non católicos. Quen sabe se nunha derradeira homenaxe a moitos aqueles aos que axudaron.

Recentemente, Lolin Lira Pousa adicoulles un artigo no número 83 (abril, 2008) da revista sefardita Aki Yerushalayim. Tamén a finais de xuño a “Asamblea Universal Sefardí Isaac Siboni” plantou en Xerusalén unha árbore na súa memoria. Xa na nosa terra, a prensa galega fíxose eco de como o pasado domingo 7 de setembro, coincidindo coa celebración da IX Xornada Europea da Cultura Xudía, Efi Stenzler, presidente do Directorio Mundial da Fundación Xudea Nacional Keren Kayemeth Leisrael, loubou o seu labor mentres os descendentes das tres mulleres fixeron unha homenaxe na súa vila natal coa colocación dunha praca conmemorativa na casa porticada na que viviron, na rúa do xuíz Viñas número 2, así coma unha ofrenda floral e un acto de lembranza no cemiterio municipal.
___________________________
Antón Patiño Regueiro (1919-2005), libreiro e escritor, relata cun estilo tinguido de lene saudade a súa historia xunto con moitas outras no libro Memoria de ferro, imprescindible para todo aquel con interese na memoria histórica. Nel reúne unha serie de fotografías literarias, hoxe menos borrosas, de vítimas da represión franquista. Case todos os relatos que completan o pequeno volume chegáronlle por man propia ou lle foron referidos por amigos e coñecidos. “O libro é como un peto de ánimas aos amigos meus daquel tempo”, dixo con acerto no seu día o propio autor. Nesa mistura de ficción e realidade, de literatura e vida, á que nos referiamos ao comezo, compre dicir que Memoria de ferro sería, ademáis, o xerme para algunhas das historias incluidas na novela Os libros arden mal de Manuel Rivas.

Memoria de Ferro.
Antón Patiño Regueira.
Vigo: A Nosa Terra, 2005.
169 p.



Comentarios