Por Afonso Vázquez-Monxardín
Dáme
o corpo que Anas Saíd Awad é un pouco carallán. Trátase dun
palestino de 26 anos de Awart, unha aldeíña do norte de
Cisxordania, que ten unha páxina en facebook. Algunhas das cousas
que publica xa lle tiñan traído problemas coa Autoridade Nacional
Palestina; un multa por criticón e pouca cousa máis. Pero
seguíanlle a páxina. E a mediados de marzo foi condenado a un ano
de cárcere como culpable por insultos á xefatura do estado por
subir unha foto retocada co Photoshop.
A
súa avogada, Rima Al Sayed, e o pai do rapaz estaban alucinados.
Aplicaran o artigo 195 do Código Penal de Xordania que penaliza as
críticas ao rei; á parte da Lei Básica de 2002, o resto das normas
de uso palestinas son unha mestura de vellas leis exipcias, xordanas
e das remantentes do mandato británico. O rapaz nin estivo presente
no xuízo porque andaba perdido polo palacio de xutiza onde se
celebraba a vista e nin deu chegado á sala. ¿E que cousa arrepiante
se vía na foto para ser condenado? Pois nin máis nin menos que o
Presidente da Autoridade Nacional Palestina Mahmoud Abbas cunha
camiseta branca de futbolista e un pé que dicía “O novo dianteiro
do Real Madrid”. ¿Obrigatorio ser do Barça-Fundación Qatar? En
fin. Por sorte, de alí a pouco o presidente Abbas indultou o rapaz e
a cousa quedou noutro susto máis ¿A que non tiñan oído falar
deste disparate? ¿Saben por que? Porque as noticias que de alá
chegan, chegan vistas só por un ollo. ¿Imaxinan o escándalo se
fose unha situación paralela en Israel?
Lémbrome
disto a raíz da absurda campaña de AGE pedindo a suspensión do
concerto de marabillosa cantante israelí Noa en Santiago o vindiero
día 21. Outra saída de ton. Outra chiscadela de ollos ao
extremismo, neste caso, ao fundamentalismo antiisraelí. Seguro que
lles virán máis indesexadas gabanzas dos órganos da extrema
dereita europea como cando impediron o comunicado polo día do
Holocauto, alá no xaneiro pasado. Triste ver onde chegaron os
admiradores do socialismo do kibutz. Pero lembremos que Noa
participou en Eurovisión facendo dúo coa fermosísima palestina de
ollos verdes e cor de mel, Mira Awad, en 2009, coa canción There
must be another way (Debe haber outro camiño).
E lembremos que cando en setembro daquela ano os de AGE de Cataluña
(ICV-EUiA) tentaron boicoteala, Mira Awad amosou a súa indignación
polo intento de boicot á amiga e xunto coa defensa da independencia
palestina e a crítica á intervención en Gaza, recoñecía que o
fanatismo aumentara en ambas partes. Dicía que non entendía como a
axenda política palestina “sexa vista ou
presentada, por culpa de Hamás, como unha axenda relixiosa e
extremista. Non é a axenda orixinal do pobo palestino que busca a
súa liberdade. Eu loito para que a nosa causa sexa política e
humana e non fanática. E remataba falando
de cando foron criticadas ambas por iren xuntas a Eurovisión: “Foi
unha época moi dolorosa xa que as dúas recibimos moitas críticas.
Pero nós seguiremos dialogando e cooperando. Seguiremos berrando a
favor da moderación e da paz. En contra do fanatismo. Por iso o
boicot contra Noa é inxustificado”. Amén.
Comentarios