Por Andrés Pavón
No 2001 o goberno dos talibán afganos
derrubou os coñecidos como Budas de Bamiyán. Tratábase dunhas
esculturas de entre os séculos V e VI excavadas na roca e
consideradas pola UNESCO como patrimonio da humanidade. Unhas cargas
explosivas puxeron fin en segundos a séculos de historia. Ese é o
máis destacado dos exemplos recentes de cómo en nome de
determinadas ideoloxías se é capaz de destruir o mellor da creación
humana para intimidar a quen as cuestiona, borrar os restos dun
pasado que nos farían pensar, demostrar poder ou simplemente por
pura saña.
No século XVI, Giordano Bruno foi
queimado vivo por defender algo tan perigoso como a teoría
heliocéntrica. E xa na pasada centuria tanto Hitler como Pinochet
amosaron a súa mestría á hora de queimar libros que puideran facer
reflexionar sobre o convinte ou non das súas “políticas”.
Lonxe de demostrar forza, os ataques
ás manifestacións culturais so deixan ás claras a incapacidade
para debatir e a ausencia de intelecto para facer prevalecer os nosos
postulados. Así se lle atribúe a tan sinistro personaxe como Millán
Astray a frase “muera la inteligencia”.
Agora certos individu@s que comparten
patria chica con Millán Astray e que se agrupan baixo as siglas
Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) pretenden que se prohiba un
concerto en Santiago da cantante israelí Ajinoam Nini, máis
coñecida como Noa. Como desta volta se impuxo o sentido común e o
concerto vai ser celebrado, é de esperar que os mebros de AGE acudan
ás portas da Cidade da Cultura a facer todo o ruido posible e, moito
me temo, a provocar algún altercado no que –por suposto- se
presentarán como as vítimas. Igualiño igualiño que facían os
camisas pardas da SA nos primeiros anos do partido nazi.
Dende AGE piden a suspensión do
concerto por considerar que Noa representa un estado que eles
califican de terrorista a ao que acusan de practicar limpezas
étnicas. Non vou entrar aquí nun debate sobre a política israelí
e os seus condicionantes pero si que me sinto obrigado a defender a
Noa.
Aínda se foran certas –que non o
son- as acusacións de AGE hacia Israel, qué culpa tería Noa das
decisións do seu goberno? É acaso a cantante membro do executivo
hebreo ou das forzas de seguridade?. Son os seguidores galegos de Noa
responsables do que se faga en Israel e, polo tanto, debemos privalos
de desfrutar do concerto?.
Aplicando a lóxica de AGE, habería
que boicotear os restaurantes e artistas chinos xa que –nese caso
si- está demostrado que practican o ensañamento cos tibetanos e cos
propios habitantes da China rural. Tamén sería lóxico –segundo
as teorías dos acólitos do tándem Beiras-Díaz- que se produciran
boicots a artistas galegos en Extremadura tendo en conta os crimes
que os militares galegos Franco, Tella ou o antedito Astray
perpetraron contra a poboación civil desa comunidade…Xa postos,
prohibamos que o galego Manu Chao cante en Galicia. Ao fin e ao cabo
tamén é francés e velaí a batalla de Elviña para amosar a
perfidia gabacha…
Noa é unha das cantantes máis
recoñecidas do mundo e poder contar con ela en Galicia é todo un
privilexio. Só vai vir compartir con nós a súa música e, como
dixo Schoppenhauer, na música tódolos sentementos volven ao seu
estado puro e o mundo non é senon a música feita realidade.
Que os poucos que van ir boicotear a
Noa non dean tan mala imaxe dos milleiros de galegos que admiramos a
arte.
Comentarios