Ás súas señorías non lles molesta o fume


Por Pedro Gómez-Valadés*

Despois de tres anos consecutivos nos que o Parlamento de Galicia conmemorou cunha declaración institucional o Día Internacional de Recordo das Vítimas do Holocausto, este ano a cámara galega dixo non. Non a aprobación dunha modesta e sinxela declaración institucional coa que o noso parlamento sumaría a súa voz na memoria dos que só teñen iso. A nosa memoria.

Millóns de asasinados na barbarie nazi seica non abondan para que algunhas señorías deputados e deputadas fagan un exercicio de recordo e homenaxe. Nin tentan xustificar o inxustificábel, sobrados como están da soberbia da senrazón.

Incomprensíbel en especial a actitude do BNG que a un texto idéntico, palabra por palabra, do que si aprobaron co seu voto favorábel nos anos 2010, 2011 e 2012, agora, na súa carreira saberán eles cara onde, vetan xunto con AGE a posibilidade de acadar a unanimidade regulamentaria precisa para que o Parlamento puidese emitir unha declaración.

Verán as súas señorías de AGE e do BNG no seu veto unha vitoria? De que? Por que? Para que? Porque o que eu vexo é só unha derrota sen paliativos da dignidade dunha institución. Porque a responsabilidade directa deste disparate recae sobre os que vetan, mais a súa actitude lixa a toda unha institución que nos representa a todos os galegos e galegas. E con actitudes que atrévome a cualificar de miserábeis non se pode aspirar a construir nada positivo.

E miserábel é ignorar e desprezar a millóns de vítimas da negra maré que asolou Europa nos anos 40 do século pasado. Miserábel é indecente (así o sinto e así o escribo) é pisar a memoria de centos de galegas e galegos, republicanos e galeguistas, mortos nos campos do horror nazi.

Äs súas señorias non lles molesta o fume. O fume gris das chemineas de Auschwitz ou de Treblinka. De Mauthaussen ou de Buchenwald. Agardemos que o ano próximo o sentidiño e a dignidade volten ao noso Parlamento e este volva a situar o seu nome no mapa das institucións europeas que lembran cada 27 de xaneiro por mandato das Nacións Unidas que unha vez non hai tanto, unhas negras chemineas negras, foron protagonistas da nosa historia como europeos e como seres humanos. Agardemos que o ano próximo, o faro de fume gris destas chemineas non nos confunda de novo.

* Pedro Gómez-Valadés é presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel

Comentarios