Por Cesar Pazos Carreiro*
O 20
de xaneiro de 1942, 13 líderes nazis xuntáronse na localidade de
Wannsee para discutir a eliminación total dos xudeus europeos, seis
millóns, dos cales un millón e medio eran nenos. A este plan
chamóuselle “Solución Final”. O
pasado día 27 de xaneiro, Día Internacional da Memoria das Vítimas
do Holocausto, o Parlamento de Galicia, grazas ao veto do AGE e BNG,
non condenou o exterminio xudeu nazi da 2ª Guerra Mundial. Non
condenar o Holocausto é condonar ó Führer Adolf Hitler e á
“Solución Final”. Así, Galicia
destaca internacionalmente, de xeito miserable, como un pobo que
garda silencio ante a maior barbaridade cometida polo fascismo nazi,
e curiosamente có beneplácito da esquerda dogmática e reacionaria.
Polo
que sucede na guerra palestino-israelí de hoxe en día, tanto AGE
como BNG son incapaces de condenar estas atrocidades da Solución
Final. E con este argumento desculpan as barbaridades cometidas polos
nazis nos campos de exterminio. En consecuencia pódese deducir que a
mensaxe que oficialmente envía Galicia, a través do seu Parlamento,
é a seguinte: mentres exista a guerra palestino-israelí non
condenaremos o Holocausto. As demais nacións do mundo pensarán que
o país galego é proto-fascista, grazas a esquerda e ós
nacionalistas que alí están representados. Ante este argumento,
¿que sentírian os seis millóns de exterminados? ,non é difícil
imaxinar a mirada que lle adicarían ós parlamentarios.
Co
seu veto, AGE e BNG, impiden ó Parlamento Galego a condena do
Holocausto pero, sería moi importante para a dignidade de todos os
cidadáns galegos, para Galicia, que o noso Presidente,
Sr. Alberto Núñez Feijoó, exercendo como tal, actuando como
goberno, condenase o Holocausto publicamente, nos devolvese a
dignidade e nos permitise andar coa
cabeza ben alta polo mundo adiante.
Tal
vez o antisemitismo, ese inimigo que levan no seu interior AGE e BNG
sexa demasiado forte para que eles o poidan recoñecer e vencer. A
historia colocará esta humillación sobre os ombros de toda Galicia
e por culpa dun odio racial alleo ó comportamento amábel e
solidario que sempre tivo o pobo galego.
*Socio-fundador de AGAI (Asociación Galega de Amizade con Israel), asinante do manifesto Galeuscat-Israel, e militante de Compromiso por Galicia
Comentarios