A decisión do laborismo israelí



Por Yossi Beilin*
La Vanguardia - 10.03.2013

O pasado 2 de marzo o presidente de Israel, Shimon Peres, concedeulle a Netanyahu unha prórroga de dúas semanas para formar goberno. O que hai un mes parecía claro e obvio converteuse nestes días nun dos maiores interrogantes na política israelí, e o feito de que finalmente Netanyahu non acade formar goberno xa pasou ao ámbito do posible, aínda que aínda non sexa moi probable.

O inesperado obstáculo ao que se enfronta agora Netanyahu é o pacto asinado por dous dos novos líderes que entraron no parlamento: Yair Lapid, cuxo partido de centro Hai Futuro sorprendeu nas eleccións ao obter 19 escanos, e Naftalí Bennett, líder do partido Fogar Xudeu, un partido de dereitas que conseguiu 14 escanos nos comicios. Ambos os líderes insisten en que se non entran xuntos na coalición de goberno prefiren estar na oposición. Por tanto, en teoría Netanyahu ficaría cun goberno cunha maioría axustada (61 escanos dos 120 que ten o Parlamento) formada por partidos de dereita e relixiosos. Lapid non está disposto a entrar nun goberno onde haxa partidos ultraortodoxos e ao final Netanyahu vaise a ver obrigado a ceder ante Lapid, polo que a coalición de goberno estaría integrada polos seguintes partidos: o Likud O noso Fogar, Hai Futuro, O Fogar Xudeu e o pequeno partido de Tzipi Livni, chamado O Movemento, que obtivo 6 escanos.

Este feito non é desde logo unha boa noticia para o proceso de paz, xa que a coalición de Netanyahu sería agora máis conservadora que a que había na anterior lexislatura. No partido de Naftalí Bennett hai algúns deputados tremendamente conservadores, e Yair Lapid está a mostrar claramente a súa preferencia pola ideoloxía de dereitas, e se estivesen os partidos ultraortodoxos no goberno de Netanyahu tampouco ían ser eles os adaíles do proceso de paz. Tzipi Livni, que é a única comprometida coa necesidade de retomar as negociacións, non poderá facer gran cousa aínda que Netanyahu cumpra a súa palabra e, como próxima ministra de Xustiza, o nome responsable do equipo que vai negociar cos palestinos xa que sempre estaría baixo a súa supervisión. Ela non serviría máis nada que como escaparate para finxir que se está tentando solucionar o conflito entre israelís e palestinos.

No entanto, o Partido Laborista, liderado por Shelly Yachimovich, podería dar un xiro á situación. Os seus 15 escanos obtidos nas últimas eleccións permitiríanlle a Netanyahu presidir unha coalición de 70 deputados e con iso os laboristas poderían en gran parte marcar a política do novo Goberno ao bloquear a entrada de Lapid e Bennet nel.

Por exemplo, Yachimovich podería insistir na paralización, sequera parcial, da construción de colonias en Cisxordania, ademais de tentar retomar o proceso de paz co fin de executar a fase B da Folla de Ruta do 2003: creación dun Estado palestino con fronteiras temporais tras acordar un plan de seguridade, recoñecemento de Israel do novo Estado e o establecemento das limitacións para construír colonias no territorio que quedaría en poder de Israel até alcanzar un acordo de paz definitivo.

Pero para o Partido Laborista unirse ao Goberno non é unha decisión sinxela. Shelly Yachimovich declarou antes das eleccións que non entraría no Goberno de Netanyahu e que se non era elixida como primeira ministra prefería quedar como líder da oposición. Despois das eleccións reuniuse con Netanyahu pero ela nin sequera quixo iniciar negociacións formais para unha posible entrada na coalición de goberno apelando a diferenzas insuperables entre ambos os partidos. A pesar disto, o feito de que aínda non se formase o novo Goberno e o actual panorama político tenso e incerto crearon unhas novas circunstancias que deberían facer ao Partido Laborista reconsiderar a súa rotunda negativa a entrar na coalición de Netanyahu.

Unha posible coalición de goberno de 70 deputados composta polo Likud, Foras Xudeu, Partido Laborista, e o partido de Tzipi Livni, Movemento, xunto cos partidos ultraortodoxos, evitando a entrada doutros partidos de dereita, podería aplicar unha política distinta ao do goberno anterior aínda que siga estando presidido por Netanyahu. Tanto no relativo ao posible ataque unilateral a Irán como ao avance no proceso de paz, o Partido Laborista podería realmente influír xa que Netanyahu dependería del. E se vise que non consegue exercer ningunha influencia, sempre podería ameazar con abandonar a coalición.

En calquera caso, a decisión de formar goberno con Netanyahu non vai ser fácil para un partido que se comprometeu ante os votantes a non facelo, pero creo que quen votara aos laboristas comprenderá perfectamente que a situación mudou moito e que agora teñen a oportunidade de aproveitala tanto no plano político como social.

*Yossi Beilin, exministro de Xustiza israelí, militante do partida da esquerda israelí MERETZ. Foi negociador no proceso de paz de Oslo

Comentarios