Por qué debemos recordar o holocausto?



Por Jon Iñarritu

Deputado de Amaiur no Parlamento español e membro da Ligue Internationale contre le Racisme et l'Antisémitisme

DEIA - 27.01.2012

O día 27 de xaneiro, celébrase o 67º aniversario da liberación de Auschwitz-Birkenau; xornada establecida como Día Internacional da memoria das vítimas do holocausto. Lembraremos a maior das barbaries cometidas na historia; a exterminación programada en modo industrial de millóns de persoas: xudeus, romanís, homosexuais, discapacitados... O caso dos xudeus merece, se cabe, especial mención porque como sinala o nobel Elie Wiesel, "Non todas as vítimas eran xudías, pero todos os xudeus eran vítimas". Seis millóns de persoas borradas baixo o plan Endlösung der Judenfrage (Solución final ao problema xudeu). A peor das atrocidades sucedeu hai apenas unhas décadas, aquí en Europa, no berce do humanismo.

Cada ano, ao chegar esta data ou as conmemoracións do Porraimos (xenocidio romaní), o Iom Ha Shoah, o día do xenocidio armenio, xorden voces avogando por reducir a celebración destes actos ou que defenden que houbo un exceso de dedicación á cuestión. A miúdo exponse que xa sabemos todo o ocorrido, que é historia afastada, e exprésase, malvadamente, que se lle dá á Shoah un uso propagandístico". Incluso algúns representantes institucionais negáronse a celebrar estes actos. Pero o máis terríbel é cando escoitase, en pleno século XXI, que se esaxerou o holocausto ou que non existiu. A negación, a revisión e a banalización seguen de actualidade, defendidas desde postulados ideolóxicos diversos.

Pola contra, o sobrevivente do holocausto, o catalán de orixe húngara Jaime Vandor, opina que non se falou o suficiente do acontecemento máis terríbel da historia". Coñecemos o ocorrido, vimos as imaxes, os documentos, as cámaras de gas, visitado os campos, oído e lido desde aos verdugos a moitas vítimas, como Primo Levi, Simone Veil, Elie Wiesel... pero millóns de testemuños de sobreviventes ou descendentes de vítimas desapareceron transformados en fume ou cinza. Estamos ante a última xeneración que pode relatar as súas terríbeis experiencias. Cantos relatos de vítimas quédannos por coñecer? En setembro de 2011, estando en Xerusalén, acompañei a unha vella amizade ao Yad Vashem. Na sección de documentación descubrimos o certificado da desaparición dunha irmá do seu avó. En cambio, non certificara nin rastro algún do resto desa numerosa familia, gaseada e incinerada, aquí en Europa. Ese día, fun testemuña de como, sete décadas despois, familias chegadas de todos os continentes enchían certificados, achegaban fotos, documentos e testemuños mentres outras buscaban información sobre os seus familiares.

Aquí, en Euskal Herria, centos de persoas foron apresadas e deportadas, unhas ao tentar fuxir vía Estado español; outras, nas súas casas. Dous volveron vivas. Quen o pensase na República da liberté, égalité et fraternité? Aínda estamos a tempo de escoitar a Jackeline Pinede contar como sobreviviu á matanza de Oradour-sur-Glane, onde pereceu a súa familia; a señora Mesplé-Lassallé pódenos narrar a súa experiencia nos campos de concentración, podemos escoitar a George Dalmeyda a súa fuxida e estancia oculta nos Alpes; ou a historia da señora Lates, que sobreviviu agochada no Bearn. Todos sobreviventes da maior barbaridade. Tantas historias por saber!

Debemos lembrar o ocorrido porque debemosllo aos asasinados, aos sobreviventes, aos seus familiares, aos "Xustos entre as Nacións" coñecidos e descoñecidos. De igual forma, nun período no que vemos o auxe da extrema dereita en Europa; en concreto na República francesa, onde observamos con inquietude que un partido para o cal os campos de concentración "foron detalles da historia ou balnearios," conta cun apoio altísimo; nun Estado español, no que o TC decidiu que a negación da Shoah non é delito. Ante uns índices preocupantes de racismo, antiziganismo, islamofobia e xudeofobia na UE Debemos lembrar! Para que non volva suceder e para que a discriminación e o odio non teñan lugar en Europa nin no mundo. Nunca máis!

Comentarios