Por Alberto Mazor
Haaretz - 29.01.2013
Stav Shaffir é unha pelirroja de 28 anos que mora en Tel Aviv e estudaba Filosofía e Historia da Ciencia. En 2011 alugaba unha habitación no sur da cidade pero tivo que marcharse debido a un aumento repentino do 50% que lle esixía o dono.
Indignada, Stav decidiu que algo na sociedade israelí non funcionaba como debía e tiña que cambiar, e que ela, coas súas poucas posibilidades, non estaba disposta só a reclamar. Foi entón que se instalou nunha pequena carpa no Bulevar Rotschild de Tel Aviv cun cartel que dicía «Basta! O pobo esixe xustiza social!». De alí en diante Israel e Stav comezaron a vivir outra historia.
Durante o ardente verán de 2011 todos os medios de comunicación nacionais e internacionais buscaban a esa diminuta rapariga, unha mestura israelí da inxenuidade de Xoana de Arco co entusiasmo da Pasionaria. Nunha de tantas entrevistas, Stav contou sobre a súa íntima amiga, Ayelet, de 31 anos, que estaba divorciada e sufría unha enfermidade crónica no fígado. Facía entón dúas semanas e media que vivía co seu fillo de 8 anos noutra carpa sobre o céspede do Parque da Independencia de Xerusalén. «Foi desfiuzada; non podía pagar o aluguer, estaba na rúa e a ninguén lle importaba», explicou Stav con bágoas nos ollos.
Ayelet traballaba asistindo a anciáns e cobraba 1.400 shékel mensuais. Pola súa enfermidade recibía unha axuda da Seguridade Social de 1.600 shékel, así que se viu obrigada a pasar o mes con 3.000 shékel (600 euros). «O cuarto no que vivía custáballe 2.000 shékel e apenas sobraballe para comer, manter ao seu fillo e mercar medicamentos. Como no noso país desenvolvido pode suceder algo así?", preguntou Stav furiosa ante os medios.
Segundo datos da Oficina Central de Estatísticas, o prezo da vivenda en Israel aumentou un 50% desde 2009. Alugar en Xerusalén un departamento de 50 metros cadrados sen remodelar desde hai 20 anos custa uns 4.000 shékel por mes.
O Bank Hapoalim informou que desde 2010 os prezos en xeral subiron un 30% en Tel Aviv e un 15% en Xerusalén. Un informe publicado o pasado mes de novembro de 2012 indicaba que o 10% da poboación en Israel vive baixo o limiar da pobreza, cuns ingresos mensuais medios de 4.000 shékel.
Para as clases media e baixa mercar no súper converteuse nunha misión imposíbel. Un estudo do Centro de Investigación e Información do Parlamento israelí determinou que desde 2007 os prezos dos alimentos aumentaron un 12,1%, tres veces máis que na Unión Europea e EE.UU. Produtos de consumo diario como leite, iogurt e queixo - que marcou o inicio das protestas - subiron desde entón un 15,5%, 46,2% e 41,3% respectivamente.
A crise que sofren os cidadáns contrasta cun crecemento económico anual de Israel do 4%, e unha taxa de desemprego do 5,5%. «Nós, os mozos, estamos fartos de cargar co país enteiro sobre as nosas costas e ver como outros sectores que reciben axuda ou facilidades do goberno - grupos de interese, magnates, xente que ten conexións con dirixentes ou burócratas, ultraortodoxos e habitantes de asentamentos en Cisxordania - viven nun Israel aparte», sinalou Stav. «Como pode ser que só 28 familias monopolicen as empresas máis poderosas do país e concentren toda a súa riqueza?», agregou.
«Nós organizamos entón as protestas contra o goberno polos prezos abusivos da vivenda e a carestía da vida. Levantamos as primeiras carpas; colgamos as nosas pancartas e esixencias nas redes sociais. A xente sentiuse identificada, espertou e reaccionou con forza». Tendas de campaña como a de Stav contáronse por milleiros e instaláronse en todas as cidades de Israel.
O «fenómeno Stav» chegou a ter alcance internacional e provocoulle serias dores de cabeza a Netanyahu, que tratou de silenciar as manifestacións sacándose do peto medidas para contentar aos mozos. Pero a súa operación de mercadotecnia non funcionou e só contribuíu a intensificar a revolta social. Até nais de familia cos seus bebés, xunto a esposas de policías e bombeiros, marcharon polas avenidas e rúas de Tel Aviv e Xerusalen para protestar contra os desorbitados custos de vivenda, saúde e educación. Nun dos calorosos sábados de agosto de 2011 chegaron a sumar case medio millón de indignados na maioría das cidades israelís
Stav e os seus compañeiros acenderon a mecha. Israel foi escenario de concentracións multitudinarias. O proxecto nuclear de Irán, a «primavera árabe» e o eterno conflito cos palestinos deixáronse de nomear nesa revolta social. Os mozos non se deixaron levar máis polos medo exterior que pretendían provocarlles os medios gubernamentais; non estaban dispostos a renunciar a Israel, só pretendían cambiar a súa orde de prioridades.
A próxima semana, na apertura do novo Parlamento, Stav Shaffir prestará xuramento como a deputada máis nova da historia de Israel (polo Partido Laborista-Avodá). Ela aprendeu moi ben a lección de que a única loita que non se gaña é a que se abandona.
Comentarios