A culpa siria de Israel



A culpa siria de Israel. Así podíamos denominar a ausencia de mobilizacións, manifestos, chamados, comunicados, etc... a propósito da terríbel situación que estase a vivir en Siria. Se non se pode responsabilizar e culpabilizar ao "inimigo sionista" pois non hai caso. A dramática guerra civil que sufre Siria so sería foco de atención dos solidarios (selectivos) se a culpa fora achacábel a Israel. Arriba reproducimos a imaxe que ilustra hoxe o xornal español El País, onde aparce a nova, tamén é certo que sen destacar demasiado especialmente non vaia ser...

E é que cando a culpa non pode recaer nos xudeus e en Israel, semella que se apodera dalgúns una certa preguiza, por non falar de que ao estar por medio o Islam, a relixión por antonomasia da paz e do amor, a prudencia imponse.

Hai uns días un dos principais asesores do novo presidente exipcio, e membro destacado da dirección dos Irmáns Musulmáns, insistía na profecía que augura o final de Israel en 10 anos. Como ese final foi tantas veces vaticinado e anunciado, debe resituarse unha data para poder comezar a conta atrás. Pero foron certas frases deste asesor do novo faraón islamita de Exipto as que chaman máis a atención:

"A ideoloxía sionista rematou nun fracaso e este proxecto [Israel] está destinado a colapsar nos próximos anos. O proxecto sionista en Palestina chegou para impedir a existencia da democracia nos países árabes, e para evitar a unidade árabe e o desenvolvemento na rexión árabe. Chegou para esgotar a riqueza dos árabes facéndolles almacenar armas en países que non as utilizan para loitar, pero que gastan miles de millóns na compra de avións e tanques".

Impresionante, seica o proxecto sionista impediu non só a "democracia" nos países árabes, senón tamén o seu "desenvolvemento", aspectos ambos que eran cousa segura grazas á mentalidade e costumes vixentes no Islam do Oriente Medio. Que tremenda mala sorte a destes países, vítimas evidentes do sionismo. Magoa que en Siria as armas non se limiten a permanecer almacenadas e en silencio...silencio como o de certa esquerda solidaria selectiva.

Comentarios