Xosé Manuel Núñez Seixas en Lisboa
.
Deutsche Welle - 02.12.2012
Co estourido da Segunda Guerra Mundial aos perseguidos fíxoselles difícil fuxir da Alemaña. No entanto, a fuxida a Portugal chegou, aproximadamente, ás 100.000 persoas. Conversa co historiador galego Xosé Manuel Núñez Seixas.
Deutsche Welle: Nun inicio chegaron, relativamente, poucos refuxiados a Portugal. Pero a partir de 1940 – trala ocupación de Francia – comeza una especie de fuxida en masa a través dos Pirenos cara a Portugal. Por que, realmente, a ese país, que xa daquela estaba gobernado tamén por un ditador, a saber, Salazar?
Profesor Xosé Manuel Núñez Seixas: Salazar non era un auténtico fascista, máis ben era un ditador católico autoritario, que tiña como obxectivo unha sociedade estamental e autoritaria. Sen embargo, asumiu certos aspectos dos réximes fascistas contemporáneos. Pero, ao mesmo tempo, permaneceu fiel á tradicional amizade con Gran Bretaña. Isto fai de Portugal un caso relativamente raro en Europa. Non tomou parte na Guerra e axudou, ao mesmo tempo, tanto os aliados como tamén as potencias do eixo, sobre todo Alemaña. Pero a partir do 1943 Salazar tivo claro que Alemaña perdería a guerra e, en consecuencia, decidiu interromper en grande parte as relacións con Alemaña e Italia e adicarse unicamente á tradicional amizade con Gran Bretaña.
Antisemitismo retórico
Como trataron o goberno de Salazar e os seus políticos os emigrados da Alemaña e de tantos outros países? Houbo represalias por parte da autoridade policial creada por Salazar, a PVDE? Ou houbo antisemitismo?
En Portugal non estaba estendido apenas o antisemitismo, senón que había restos dunha xudeufobia tradicional católica. Á maioría dos partidarios do réxime de Salazar os xudeus non lle eran especialmente simpáticos. Ao mesmo tempo, tampouco tiñan ningunha idea concreta ao respecto do que era un xudeu, porque simplemente non viran un xudeu na súa vida. Era exactamente como en España: o antisemitismo xogou un papel retórico concreto. Falábase sempre dos xudeus que, xunto cos comunistas, os masóns e os liberais, ameazaban a existencia de Occidente. Pero non había un antisemitismo concreto. Os poucos xudeus que vivían en Portugal tiñan orixe marroquí e eran, en grande medida, respectados. O Presidente da Universidade Técnica de Lisboa, por exemplo, era xudeu. Os xudeus europeos que, aos poucos, chegaban a Portugal, eran tolerados no mellor dos casos, porque permanecían no país apenas de maneira temporal.
A quen, entre os emigrados, era sospeitoso de comunista podía tamén ter problemas en Portugal. Había incluso unha especie de campo de concentración, un campo nas illas de Cabo Verde. Sábese algo diso hoxe en día?
Si, houbo algúns xudeus que foron detidos, pero non por seren xudeus, senón por seren comunistas. A maior parte dos comunistas que o réxime de Salazar detivo foron deportados a ese campo. Pero hai que dicir que, en comparación á España de Franco, onde os comunistas non foron só deportados, senón en parte tamén fusilados, a vida dos xudeus foi respectada. En 1941, a algúns refuxiados xudeus recusóuselles a estadía en Portugal e foron deportados de volta a Alemaña. Pero trátase de casos particulares.
Fermosa, pobre Lisboa
Unha e outra vez, infórmase nos documentos, Profesor Núñez, de como se transformou a cidade de Lisboa, daquela ben tranquila, polos seus numerosos emigrantes e de canto mudou: persoas estranxeiras, linguas estranxeiras, cafés a rebordar. Como era, pois, a vida cotiá dos refuxiados en Lisboa?
Era una mestura de fascinación e decepción polo novo país. A maioría dos refuxiados viñan de Alemaña, Francia e outros países relativamente desenvolvidos; tiñan, por regra xeral, un status social bastante alto. Lisboa era una cidade moi fermosa, pero tamén incribelmente pobre. A poboación portuguesa sufría baixo o réxime, o seu nivel de vida era claramente máis baixo que na Europa Central. Por iso, moitos dos inmigrantes e refuxiados ficaron conmocionados pola pobreza en determinados barrios, por exemplo, cos nenos correndo descalzos e apenas sen roupa. Ou polo fedor das rúas. Outras testemuñas describen, pola contra, que algúns dos cafés – por exemplo, o „Internacional“- e salóns tiñan un ambiente cosmopolita.
Unha cidade chea de emocións
Había en Lisboa tamén algo semellante a unha proximidade espacial entre os inmigrantes e os refuxiados, por unha parte, e os nazis na zona da embaixada alemá ou na parte da cidade onde estaban establecidas as empresas alemás. Incluso había membros das SS nese lugar. Facíanse notar os partidarios do réxime de Hitler, actuaban quizais incluso contra os inmigrantes?
Si, naturalmente! Como capital neutral, Lisboa era un centro da espionaxe, exactamente como Madrid e outras metrópoles. Pero ante todo, Lisboa era interesante polo seu porto, un porto estratexicamente propicio, de onde partían tamén barcos para América. Os nazis sabían que moitos xudeus permanecían aquí de maneira temporal. Ademais, os nazis estaban sobre todo interesados nunha cousa: no volframio, un importante metal que foi empregado na Segunda Guerra Mundial pola industria de guerra alemá para a construción de granadas anticarro. Portugal, ao igual que España, subministroulle ese volframio ao exército alemán. Ademais Lisboa era tamén unha rede chea de axentes británicos e americanos. Aparte disto, estaba a policía secreta portuguesa, a PVDE, unha policía bastante brutal, que tomou moitos dos seus métodos da Gestapo. Para a poboación, o control exercido por esa policía era terrible.
Vostede comentou que a poboación portuguesa era pobre. Houbo a pesar diso algo semellante a unha axuda para os que viñan en procura de refuxio, para os inmigrantes? Como se comportaron as persoas na cidade perante esa afluencia de xente?
Moitos dos refuxiados tiñan os seus propios medios, necesitábanos tamén, por exemplo, para subornar as autoridades, tanto en España como na Francia ocupada. Pero en Lisboa estaban tamén activas algunhas organizacións internacionais, que se adicaron á axuda internacional, por exemplo, os cuáqueros ou, por suposto, a Cruz Vermella Internacional. A organización relixiosa dos cuáqueros tiña o seu cuartel xeral en Lisboa, xa axudaran desde os anos trinta a moitos refuxiados españois republicanos.
Lugar da inspiración
Sobre Lisboa como cidade do exilio e como un lugar tan cheo de emocións, tal e como vostede a describiu, escribiuse despois tamén moito. Hai toda unha serie de libros famosos, de Erich Maria Remarque, "Nacht über Lissabon", "Sostiene Pereira", de Antonio Tabucchi e outros. Por que?
Lisboa foi sempre máis interesante para os escritores que para os historiadores. A atmosfera especial da cidade inspirou aos escritores. Eu creo que foi algo semellante ao que tamén fascinou a moitos refuxiados: esta cidade sempre chea luz, soleada, sempre luminosa. Era tamén un contraproxecto á Europa ruda e ocupada. Por outra parte era unha cidade moi pacífica, extremadamente tranquila, realmente non pasaban moitas cousas. O grande contraste con iso era a presencia dunha onda plurinacional de refuxiados, ademais dos cafés, centros de espionaxe, lugares sospeitosos. De aí xorde a fascinación por Lisboa – que aínda chega ata Wim Wenders en 1995 coa sua famosa película "Lisbon Story".
* Xosé Manuel Núñez Seixas é profesor no Seminario de Historia da Universidade Ludwig-Maximilians de Múnic e experto en Historia de España e Portugal
Comentarios