Por Josep-Lluis Carod-Rovira
http://www.naciodigital.cat/opinionacional/noticiaON/2141/siria/arabs/bons
.
Ás 24 horas da matanza de 140 civís en Siria, o exército que os asasinou ven de recibir as felicitacións públicas do seu presidente. Bashar al-Assad quen fixo loubanza no 60º aniversario da creación das forzas armadas daquel país árabe. Os profesionais da última escabechina de compatriotas sirios foron presentados coma "símbolo de orgullo nacional, dignidade e patriotismo". Despois da loubanza pública, o exército continuou as matanzas, coma se nada, agora xa esporeados co aval presidencial. Que sentido da patria, da dignidade e do orgullo nacional debe de ter esa criatura? Pois, exactamente o mesmo que xa tiña o seu pai, o camarada Hafez, o cal, hai xusto vinte e nove anos, fixera outra masacre na mesma poboación de Hama, cun milleiro de mortos.
Agora, o mozo al-Assad, fixo bo o dito que asegura que "fillos de gatos, collen ratos". Comportouse coa mesma crueldade que o seu pai, do cal foi un discípulo avantaxado. De nada serviu que vivira durante uns anos na civilizada, culta e democrática Gran Bretaña, nin tampouco pensar que a súa especialidade de doutor en oftalmoloxía podería humanizar o personaxe. Polo que poida ser, se van mal dadas, é recomendábel encomendarse antes a Santa Lucia, para que nos conserve a vista e evitar cair nas mans do Doutor al-Assad, a delicadeza do cal cos pacientes podería pór en perigo os dous ollos da cara, como mínimo.
Sorte que Siria é, legalmente, unha república, e, ademais, socialista (!!!), porque non quero nin imaxinarme que pasaría caso de ser unha monarquía reacccionaria. O poder, a presidencia do país, pasou do pai ao fillo cunha naturalidade dinástica que, quizais, xa envexarían noutras latitudes que se producise, cando toque, os monárquicos de monarquías que, probabelmente, teñen medo de pasalo algo peor cando chegue o seu momento.
Pai e fillo fixeron carreira política a través do partido árabe socialista Baas, non só o de máis éxito nas eleccións, senón o único permitido. Nestas condicións, na que a vitoria acádase sen baixar do autocar, un debe perder o mundo de vista e chegarse a crer, fóra de época, un señor feudal que pode facer e desfacer o que lle pete. Por iso, calquera protesta, revolta ou disidencia é adxudicada enseguida a unha conspiración internacional. Non moi orixinais, francamente. Hitler, Mussolini e Franco xa o dicían, antes de que o asegurase o actual presidente sirio. O complot "exterior" é o argumento tradicional de todo ditador, ao longo da historia.
O máis vergoñento é a pasividade real das chamadas democracias occidentais e o silencio da maioría da esquerda universal. Ao final, terá razón Bernard Henry-Levi cando asegura que, para segundo quen, o único musulmán bo é o que vai contra Israel. O resto non conta nin interesa para nada: xa se amañarán eles, é cousa súa. Isto explicaría moitas cousas: a indignidade que sufriu Bosnia, país musulmán de Europa, o que sucedeu e sucede en Chechenia, país musulmán da ex URSS, e o silencio cómplice perante a situación actual do Sahara, país árabe de relixión musulmá. Mais teño unha curiosidade: cando veremos a primeira "flotilla da liberdade", camiño de Siria, promovida por gobernos progresistas, ONG solidarias e partidos do "máis esquerda"?
Comentarios