A guerra das Malvinas e a guerra en Gaza




Por Carlos Galansky. Ex-militante da esquerda axentina no PRT (Partido Revolucionario de los Trabajadores) estivo preso durante a ditadura arxentina exiliandose posteriormente en Israel.

Non sempre as comparacións poden resultar odiosas. Para un arxentino educado desde neno na idea que "as Malvinas son arxentinas e os ingleses roubáronnolas " xenera o mesmo resentimento que para un neno palestino educado na idea de que Israel roubounos as nosas terras". En ambos os casos a manipulación dos dirixentes é o responsábel de tanto odio.

A ditadura militar arxentina emprendeu unha aventura militar o 2 de abril 1982 invadindo as Illas Malvinas con moita valentía fronte aos insulares porque non había ningunha forza militar ante eles. Así conseguiron conquistar as illas matando a 3 civís. A experiencia de 6 anos de facer desaparecer civís arxentinos serviulles de experiencia. Pero outra cousa foi cando se tiveron que enfrontar ante un verdadeiro exército, o británico.

A ditadura islamita de Hamas demostrou a súa valentía ante a poboación civil israelí lanzando 12.000 foguetes e mísiles nos últimos 12 anos, ademais de enviar en tempos pasados, homes e mulleres bombas a explotarse en restaurantes, autobuses, discotecas, escolas en Israel. Para eles son "obxectivos militares". Pero cando o exército israelí se defende entón xa é outra cousa. Os islamitas de Hamas usan aos civís inclusive nenos como escudos humanos, colocándoos xuntos ás baterías de lanzamento de foguetes. Daquela os civís mortos usaranos para demonizar a crueldade dos xudeus-israelís.

A criminal aventura da ditadura militar arxentina sería, con todo, acompañada por amplos sectores da esquerda arxentina. Hai aquí, sen dúbida, un triste paradoxo. A esquerda aliñouse masivamente detrás da aventura, atribuíndolle o carácter de guerra anticolonialista ou antimperialista. Un dos sectores da esquerda máis incongruente foron os Montoneros exiliados que levou ao seu punto máximo o patrioteirismo reinante en amplos sectores da sociedade arxentina: "A recuperación das Illas Malvinas é unha causa xusta para a totalidade da Nación Arxentina. Independentemente de quen a protagonizou en primeira instancia e independentemente das intencións que os animaron", declaraban nun documento de data 9 de abril de 1982. Os Montoneros apoiarían, en consonancia con esta posición, de maneira directa a aventura militar: ofreceríanse en calidade de voluntarios para ir á fronte, para "empuñar patrioticamente as armas" e "pór en vixencia o principio peronista da nación en armas", e mesmo participarían en operacións de intelixencia da Armada destinadas a atentar contra buques ingleses amarrados en Xibraltar. É necesario aclarar que a Armada Arxentina era a forza encargada de facer desaparecer aos militantes peronistas Montoneros na famosa ESMA.

A criminal aventura da ditadura islamita de Hamas, conta co respaldo de sectores da esquerda galega e española. Tamén un triste paradoxo. É incomprensíbel a unión política da esquerda atea e o islamismo radical. Pero a diferenza dos Montoneros non se ofrecen a engrosar as filas das milicias de Hamas. Faltaría máis.

A ditadura militar arxentina foi, respecto ao pobo arxentino, como a ditadura islamita de Hamas é hoxe ao pobo palestino. "O mundo enteiro debe comprometerse a que no Medio Oriente deixe de prevalecer a lóxica perversa na que as armas remprazan o camiño do diálogo". A ditadura militar arxentina deu un golpe o 24 de marzo de 1976 ao goberno democrático de Isabel Perón. A ditadura islamita de Hamás deu un golpe o 14 de xuño de 2007 ao goberno democrático da Autoridade Nacional Palestina de Al Fatah. A verdadeira flotilla da paz será aquela que libere a Gaza... de Hamás.

Comentarios