Mulleres en Irán


Por Inma López Silva
Artigo publicado no xornal La Voz de Galicia

Como será ser muller en Irán. Penseino cando escoitaba ao presidente iraniano dicindo que no seu país non había homosexuais. Represión en estado puro. Se di que en Irán non hai homosexuais, é porque poden agacharse e cumprir a lei islámica cando a xente mira, que é o que conta. Así a orde está a salvo. As iranianas, porén, non poden agacharse, pois é difícil ocultar que unha é muller.

A preguntas como «¿Por que deteñen ás mulleres que non visten segundo a norma islámica?», Ahmadineyad non contestou que en Irán non hai mulleres así, pois non lle importou gran cousa a moda ata que as loitas polo poder no seu partido precisaron del un xesto que o reafirmase no liderado ante os ultraconservadores. E no medio, as iranianas. Como desexarían elas ter a opción de mentir, facer coma que son homes en canto saen á rúa, cumprir a lei de portas para fóra e non ser xulgadas. Levar veo non só ten que ver coa fe, senón que simboliza que a muller na cultura islámica é pouco máis ca un obxecto. É o que teñen os símbolos, que son polivalentes por definición. O dobre significado do veo non só se sabe aquí. En Turquía, por exemplo, país maioritariamente musulmán onde arredor do 60% das mulleres cobren a cabeza, o uso desas prendas na universidade está prohibido. Pero nós, ás veces, esquecemos que o dereito ao ensino non debe ser escusa para pechar en guetos aos estudantes. A diferenza dun neno negro que non pode seguir sendo negro tras arrincar a pel que quizais o marxina, unha nena musulmá si pode tirar o veo sen renunciar á súa relixión, mais aprendendo, en democracia, que para ser nena e musulmá non ten que levar máis marca ca o corpo e o cerebro de muller.

Comentarios