Por Afonso Vázquez-Monxardín
La Región - 22.09.2012
Como somos a única especie coa capacidade de pensar e de falar de cousas complexas somos antropocéntricos: consideramos que o home é o centro da vida da Terra e que ten ben máis importancia que os micos, as miñocas e as vacas, por exemplo. Así a vida das plantas e animais está sometida, se cómpre, á nosa vontade –a deus grazas hai granxas de pitas e patacas de semente- e a natureza, outro tanto. Por iso hai chourizos, cachelos, enerxía eléctrica e baños na praia. Aínda que o zunido dos muíños moleste ós paxariños piadores, o noso batuxar na auga aos oídos dos arroaces e as matanzas -e algunha razón teñen- aos marraus. Pero é máis, tendemos a ser tamén etnocéntristas. Ou sexa a considerar que o noso ser étnico, a nosa forma de ver o mundo é a mellor. Para nós, desde logo. E “medimos” o mundo co máis “noso”. A Madrid, por exemplo, hai a distancia de ir a Vigo e volver dúas veces e media. Ou comer saltóns fritos ou sesos de mono vivo como fan en Tailandia é unha porcallada. E tanto me ten se o tailandés pensa outro tanto dos que comemos ostras crúas, percebes ou nécoras. Pero igual acontece coas relixións e as ideas. Xa. E aquí xorde o problema do inxenuo igualitarismo ou equivalencia de todas as culturas. E se as persoas, en si, son todas respectables, non así as súas ideas nin as súas accións. Eu creo que igual que hai culturas máis avanzadas materialmente tamén pasa o mesmo co mundo das ideas. E, sen vergoña ningunha, penso que os que pasamos polas revolucións clásica greco-latina (o ser humano non é un bicho), cristiá (somos trascendentes), francesa (todos nacemos iguais e libres), social (non pode haber nenos traballando en minas 14 horas e todos debemos ter oportunidades), sexual (cóncavo ou convexo, tanto ten) pois estamos, sinceramente, nun estadio de evolución máis avanzado que os que non pasaron por elas. Aquí, hoxe, sabemos convivir fenomenalmente crentes e descrídos, de dereitas e esquerdas, mozos e mozas, heteros e gays, e todos sabemos botar unhas risas vendo o simpático “Dios” de El Jueves. E sabemos que a blasfemia é un pecado para os cristiáns e unha falla de educación para todos. Pero que non se pode tratar por vía penal, igual que arrotar na mesa ou botar un peido nun ascensor.
Agora perécennos cousas antigas as polémicas sobre “Jesucristo superestar” (1973), A última tentación de Cristo (1988) ou a “A paixón de Cristo” (2004) cun Mel Gibson ao que se lle foi a man na salsa de tomate. Trapalladiñas. Todos os que vimos a simpática e irreverente “Vida de Brian” (1979) saimos sorrindo e tarareando e asubiando aquel consello que repetían os crucificados ao final da película e que tan ben nos viría hoxe: “Always look on the bright side of the life”.
Certamente os países poden ir para adiante ou para atrás. E teño medo cando vexo os líderes islamistas utilizaren palabras medievais como blasfemia, herexía, infieis. ¿Publicaríase hoxe o libro de Salman Rushdie ou o disco dos vigueses de Siniestro Total, aquel que inclúía o tema “Ayatola no me toques la pirola”? ¿Debemos ir nós tamén a recú no noso réxime de liberdades públicas para contentalos? Pois, sinceramente, creo que non.
Comentarios