Oriente Próximo despois de Bachar el Asad



Por Joschka Fischer*

Como quedará Oriente Próximo unha vez que a guerra civil siria provoque a caída do presidente Bachar el Asad, cuxo clan gobernou o país con puño de ferro durante máis de 40 anos? Tendo en conta o recente e dramático xiro dos acontecementos que impulsan a Siria cara a unha nova etapa, esta cuestión é inevitábel.

O éxito do atentado con bomba contra o círculo íntimo de Asad, a propagación dos combates no interior da capital, Damasco, e cara ás fronteiras con Turquía e Iraq, e o crecente fluxo de armas máis pesadas e máis precisas en mans dos insurxentes marcan o inicio da fase final. Pero ninguén debe albergar falsas esperanzas sobre o cambio que se aveciña: o réxime de Asad non será substituído por unha democracia na que se respecte o imperio da lei. Pola contra, é probable que a era post-Asad sexa aínda máis caótica e violenta, xa que os opositores ao réxime tratarán de axustar contas cos partidarios do mesmo e estalarán conflitos entre os distintos clans e comunidades relixiosas.

Do mesmo xeito que noutros países árabes, unha tiranía secular será substituída pola Irmandade Musulmá Sunnita que, en Siria, en proporción non menor á existente en Exipto e Tunes, representa á maioría da poboación. Pero, a diferenza do que ocorreu en Tunes e Exipto, o cambio de réxime será o resultado dunha guerra civil. Así mesmo, as influencias externas serán probablemente mínimas.


O que está claro é que a caida do réxime de Asad terá consecuencias de gran alcance na repartición rexional do poder entre Turquía, Irán e Arabia Saudita, e tamén para os conflitos rexionais, en particular aos que afectan a Palestina, ao papel que desempeña Hezbolláh en Líbano e ao programa nuclear de Irán. Ademais, a caída do réxime de Asad terá consecuencias internacionais máis amplas, debido á alianza de facto entre Rusia e Siria.

A oposición radical a Israel sempre foi un alicerce do réxime sirio, o que axuda a explicar a estreita cooperación do réxime con Hezbolláh, o aliado máis próximo que ten Irán nesta parte de Oriente Próximo, e co propio Irán. Pero o cambio de réxime en Siria non vai cambiar os parámetros básicos dos conflitos que mantén Israel cos seus veciños, concretamente, o conflito relativo á consecución dun Estado palestino viable e, de maneira subxacente, o conflito concernente á aceptación clara da existencia de Israel, tema que é de fundamental importancia.

A pesar do seu radicalismo, o réxime de Asad para Israel sempre foi predicible. Este réxime coñecía cales eran os límites e aceptábaos. Pola contra, a incerteza de hoxe trae consigo, de maneira perigosa, o risco de que estale unha guerra rexional, especialmente se se toma en consideración as grandes reservas de armas químicas que Siria posúe. Unha cousa é certa: Israel terá que lidar con máis frecuencia coa Irmandade Musulmá, de maneira particular, e co islam político (sunnita), de maneira xeral; e, por tanto, cun significativamente fortalecido Hamás (Irmáns Musulmáns palestinos). O conflito árabe-israelí terá unha carga relixiosa cada vez maior, o que dificilmente facilitará que se chegue a un acordo. O impacto en Xordania, aínda que até o momento segue sendo impredicible, tamén terá gran importancia.

Ao mesmo tempo, o desenvolvemento dos acontecementos en Siria implica non só riscos. Tamén trae consigo oportunidades para a rexión que deberían ser exploradas -aínda que, de novo, sen albergar falsas esperanzas-. Despois de todo, o cambio de réxime en Siria vai producirse a expensas de Irán e de Hezbolláh, o seu aliado no Líbano, e, por tanto, poderíase reducir de maneira significativa a influencia iraniana no conflito con Israel.


En termos máis amplos, Irán está a perder o seu único aliado no mundo árabe á parte do Iraq post-Saddam, e, por tanto, quedaría case completamente illado.

Na súa loita pola hexemonía rexional, Irán enfróntase a dous poderes sunnitas de importancia -Turquía e Arabia Saudita-, así como ao protector dos devanditos poderes: Estados Unidos; consecuentemente, Irán verase prexudicado por unha derrota estratéxica, da que lle será difícil recuperarse.

Tanto a inminente derrota como o inminente illamento rexional afectarán, tamén, á posición que mantén Irán en canto ao tema nuclear. En termos puramente racionais, sería intelixente que o réxime se esforzar se seriamente en atopar unha solución negociada. No entanto, parece máis probable que as forzas conservadoras radicais de Irán aférrense, cada vez máis, ao programa nuclear, a medida que a posición estratéxica do país debilítese. De feito, a esperanza que os líderes iranianos tiñan de que a República Islámica terminase beneficiándose da revolta árabe en contra das ditaduras prooccidentales está a resultar ser un erro, que no seu momento puido ser previsible. En cambio, os gobernantes de Irán agora terán que enfrontarse seguramente ás consecuencias do espertar árabe que, tarde ou cedo, tamén chegará á súa porta, xa sexa de maneira directa ou indirecta.

Siria trae consigo unha última lección: unha alianza con Rusia, obviamente, xa non é suficiente para asegurar a supervivencia dun réxime. As consecuencias estratéxicas para o Kremlin tamén poderían ser profundas, debido a que a caída de Asad podería, desde un principio, condenar ao fracaso a nova política exterior de Vladímir Putin, que ten como obxectivo restablecer o poder ruso e a súa influencia global.

Por tanto, o resultado da guerra civil de Siria terá consecuencias de gran alcance non só para este país e a súa poboación, senón tamén para a política rexional e mundial, sendo Irán o país que se verá máis seriamente afectado.

Os líderes de Irán teñen que agradecer a George W.Bush, Dick Cheney, Donald Rumsfeld e aos seus partidarios a alianza subscrita con Iraq. En última instancia, con todo, dita alianza non será suficiente.

* Joschka Fischer, foi ministro de Relacións Exteriores e vicecanciller de Alemaña de 1998 a 2005, foi un dos líderes do Partido Verde alemán durante case 20 anos.


Comentarios