Götz e Meyer


Po

Setenta anos despois do comezo definitivo do exterminio xudeu por parte da Alemaña nazi, a Shoa segue a ser un tema de actualidade na literatura europea actual. David Albahari expón en Götz e Meyer a súa particular visión do conflito, centrada nun dos episodios máis cruentos do proceso aniquilador da comunidade xudía que se levou a cabo nos anos da Segunda Guerra Mundial: unha vez que os soldados nazis fusilaron á meirande parte dos presos xudeus do campo de concentración da Feira Internacional de Belgrado, asasinaron as mulleres, anciáns en nenos con emisións de monóxido de carbono do tubo de escape dos camións que usaban para trasladalos a Jajinci, onde se desfacían dos corpos. 
 
A novela de Albahari, un desacougante punto e seguido que chega a saturar, é a historia dun profesor serbio que, tentando reconstruír a súa árbore xenealóxica descobre a Götz e Meyer, os suboficiais nazis encargados de conducir o Saurer no que se transportaban os corpos e que, probablemente, colaboraron no asasinato dalgúns dos seus familiares que morreron nese campo de concentración. A teima do profesor por comprender o terrible episodio da súa historia familiar, converte a Götz e a Meyer nunha fixación que o obsesiona na súa vida cotiá, ata o punto de trasladar a súa cisma ao alumnado: leva aos rapaces e ás rapazas a percorrer en autobús os antigos terreos do campos de concentración de Belgrado mentres lles relata a historia de Adam, un neno que conseguiu sobrevivir ás emisións de monóxido de carbono do camión grazas a unha máscara antigás pero que foi asasinado por un militar nazi cando o descubriu. O angustioso relato desacouga aos rapaces que se converten en depositarios da memoria dun episodio da historia recente que debe ser recordado sempre porque, como se di na novela, “A memoria, dixen, é o único xeito de vence-la morte”.

Xunto á cuestión da memoria dos vencidos e dos ausentes planea na novela a reflexión sobre os colaboradores do xenocidio, representados nas figuras de Götz e Meyer, os executantes últimos das atrocidades do réxime nazi. Homes con familia, con fillos no caso de Götz, coma os que asasinan, que aceptan exercer de  verdugos das vítimas da tolemia hitleriana. Son quen de agasallar aos nenos con bombóns no campo de concentración e asfixialos pouco despois no Saurer que conducen.

A novela non aporta demasiadas novidades respecto a estes dous temas principais salvo, quizais, a particularidade de situar a acción na desaparecida Iugoslavia na que o tema da memoria adquire unha sobre significación. A descrición das atrocidades da guerra e a recorrencia á polémica pregunta de onde estaba Deus en Auschwitz súmanse á lista de lugares comúns cos que Albahari traballa no texto. Aínda así, a lectura da novela resulta proveitosa tanto pola intelixente escritura de moitas das súas páxinas, cargadas de sutil ironía e certo lirismo, como pola pertinencia da denuncia dun dos episodios máis vergoñentos da historia europea recente pois, como se di na novela, “Non hai nada mais terrible có baleiro, nada máis presente co ausente”
* http://www.xeadodetoxo.com/cultura/g%C3%B6tz-e-meyer-de-david-albahari

Comentarios