"Daquela, eu chamábame Pick, Annemarie Pick"


Unha entrevista de Fritz Neumann
DER STANDARD - 27.07.2012




Anne Pisker na sala de estar da súa casa. Sobre a mesa repousa un álbum con fotos de natación dos anos 30, da parede pendura o retrato da súa nai, o cal conserva grazas a unha grande casualidade.

Algunhas medallas foron conservadas por ela, outras deunas en prenda a un museu.

Certificado de participación na segunda Maccabiada, que tivo lugar en Israel no ano 1935. A equipe viaxou por barco, vía Trieste, até Haifa

Anne Pisker, que fora campiá de natación do club vienés Hakoah (1) e tivo que fuxir dos nazis, vive en Londres.


Standard: Que lembra de Viena, a cidade onde vostede medrou?

Pisker: En Viena era marabilloso. Na súa maior parte, tiven unha infancia feliz. A miña familia vivía na Frankenberggasse, no distrito catro, e eu ía á escola na Hegelgasse. Catro anos de escola primaria, catro anos de escola secundaria. Desgrazadamente, cando eu tiña trece anos, a miña nai faleceu dun cancro, en 1933; aforrouse ter que pasar por moitas cousas…

Standard: O retrato que pendura aí detras, na parede, é o da súa nai?

Pisker: Si, foi pintado no 1928, e que eu o teña é unha grande casualidade. Unha coñecida da familia foi ao Dorotheum(2) despois da guerra, descubriuno alí e comprouno de inmediato.

Standard: Que significado ten para vostede a natación?

Pisker: Para min foi importante, axudoume, alí tiña moitos amigos. Austria era unha nación de nadadores, o Hakoah tiña moitos campións e campiás de natación, ademais dos xogadores de wáter-polo. Nunha ocasión, sendo eu aínda moi nova, nadou en Viena Johnny Weissmüller(3). A expectación foi, naturamente, considerable.

Standard: O seu adestrador foi o famoso Zsigo Wertheimer?

Pisker: Si, eu estaba no seu grupo, nadaba con Judith Deutsch, Ruth Langer, Elli Schmidt e Lucie Goldner; tamén Hedy Bienenfeld e Fritzi Löwy, que eran un par de anos maiores, facían parte da equipe. Hedy casou con Wertheimer. Como adestrador era estrito, case colérico. Se non estaba satisfeito, botaba as nosas chanclas á auga. Pero foron uns tempos fantásticos, había unhas instalacións para entrenar no Wörthersee(4), en Pörtschach. Daquela, eu chamábame Pick, Annemarie Pick.

Standard: É dicir, de ter sido vostede nominada para participar nos Xogos Olímpicos de 1936, teríase negado a viaxar a Berlín.

Pisker: Quizais tería substituído alguén. Pero a nominada foi Deutsch e ela e algunhas outras negáronse oficialmente a participar. Por ese motivo, Judith foi suspendida pola federación de natación, que xa antes da guerra era antisemita até o sámago. Por vez primeira, a mediados dos anos 90, a federación de natación desculpouse ante Judith e os seus recordes foron de novo recoñecidos. Nos anos 30, con frecuencia, íase en contra do Hakoah, intentando descualificarnos por diferentes motivos. Karl Schäfer, patinador artístico, que era tamén un brillante nadador de braza, defendeunos en varias ocasións.

Standard: Cales foron os seus éxitos?

Pisker: Eu era una potente nadadora de crowl, campiá xuvenil, e conseguira varios algúns títulos da temporada. Naquel tempo, nas temporadas, só se nadaban tres veces cen metros. O estilo bolboreta chegou por primera vez pouco antes de que eu emigrara. Eu participei en 1935 na segunda Maccabiada en Israel; viaxamos en barco desde Trieste a Haifa. En 1937 eu era, oficialmente, „Polizei-Meisterin(5) “, porque gañara o campionato do Danubio "A través de Viena". Xa non sei como era de longo o traxecto, pero, naturalmente, bastante longo. Só sei que o Danubio estaba bastante suxo.

Standard: Viviu vostede a ocupación nazi de 1938?

Pisker: Eu estiven na Heldenplatz(6). Quería escoitar por riba de todo o que Hitler dicía. O meu pai non tivo nin idea diso, foi unha grande parvada pola miña parte. Arrisquei a miña vida. Nós xa tiveramos un milleiro de veces a Guestapo na nosa casa da Frankenberggasse, esixíndonos cartos que non tiñamos; nunha ocasión, enrolaron unha alfombra persa e levárona con eles.

Standard: Foi educada no xudaísmo?

Pisker: Para nada, a miña familia non era relixiosa. O meu pai, que nacera no 1888, era oficial de cabalería do Exército Imperial, un posto pouco habitual para un xudeu. Botou catro anos na Primeira Guerra Mundial. Cando eu rematei a escola, o meu pai envioume varios meses a Inglaterra, porque debía aprender a lingua. Tres anos máis tarde, a Headmistress envioume a Viena unha Letter of Invitation. Tal vez iso me salvou a vida; así, voltei de novo a Inglaterra no 1938.

Standard: A Londres?

Pisker: Primeiro a St. Leonards-on-sea, en Hastings, despois a Bath. Eu ensinaba alemán. Cando a Armada chegou a Bath, os estranxeiros tiveron que irse, por iso voltei de novo a Londres. Coa miña colega de natación Ruth Langer compartillei un cuarto en Paddington Station.

Standard: Puido o seu pai tamén fuxir?

Pisker: Si, porque tivo unha sorte enorme. No tempo de entreguerras había un famoso tenor en Viena, Alfred Piccaver; os seus sogros eran bos coñecidos nosos. Cando o home morreu, a súa muller deulle o pasaporte del ao meu pai. El trocou a foto e con iso logrou cruzar a fronteira. O meu pai estivo na Illa de Man, iso non llo podo disculpar aos británicos, que internaran alí a refuxiados xudeus xunto con prisioneiros nazis. O meu pai levaba na illa un pequeno café e dicía: disto sei, en Viena paseime moito tempo nos cafés.

Standard: Voltou el a Viena despois da guerra?

Pisker: Si, o meu pai era un vienés de pura cepa, regresou en 1947. El dicía que a súa vida non tiña sentido se non podía pasear pola Kärntner Straße(7). Até a súa morte, en 1964, visitei ao meu pai todos os anos.

Standard: Vostede non quixo voltar?

Pisker: Iso non era importante. Durante a guerra casara co meu amigo de mocedade, Hans Pisker, que tamén estaba no Hakoah, xogador de waterpolo e nadador de braza. Realmente o casamento foi un erro, o meu home abandonoume logo por outra muller máis nova. Pero teño un fillo fantástico, Andrew, un excelente xogador de tenis, por certo, e dous netos maravillosos, Charly e Teddy.

Standard: Que actitude ten o seu fillo cara a Austria?

Pisker: Andrew púñase sempre furioso conmigo cando viaxaba a Viena. El soamente ve o que ese país me fixo e, ao contrario ca min, non ten lembranzas positivas. Eu quería educar a Andrew en dúas linguas, pero cando eu lle falaba en alemán, el respondía en inglés.

Standard: Durante o traballo de filmación para a película estreada no 2004 na Viennale "Watermarks"(8) xuntouse en Viena con outras antigas nadadoras do Hakoah. Foi unha vivencia especial?

Pisker: Totalmente especial. Ao final fomos xuntas nadar ao Amalienbad(9), que piscina tan fermosa... Aínda que naquel tempo adestrabamos sempre no Stadionbad e no Dianabad.

Standard: Como vai acompañar os Xogos Olímpicos? Gustarialle conseguir entradas para as competicións de natación?

Pisker: Non, non, xa non podo camiñar ben e hai días nos que non escoito ben. Polas tardes tampouco saio máis da casa. Verei moitas das competicións pola televisión. Até hai algúns anos ía con frecuencia a Wimbledon. Interésame o tenis e espero que Melzer e Paszek(10) teñan algo de sorte. O ciclismo tamén o vexo, os franceses están mesmo espantados de que un británico gañara o Tour de France.

Standard: Como se mantén ao día da actualidade?

Pisker: Pois sabe, desde hai anos leo o Guardian. Primeiro os cabezallos, despois a sección de deportes e logo o resto. Podo ofrecerlle outra taza de café ou máis un Mannerschnitten(11)? Grazas a Deus que sei onde se poden conseguir aquí Mannerschnitten, hainos nunha tenda en St. Johnswood.

Anne Pisker (93) vive en Putney, ao suroeste de Londres. Fala un alemán excelente, non oe, por certo, nada mal e camiña aínda moi ben.

01 Asociación deportiva xudía de Viena, fundada en 1909; orixinalmente era un club de fútbol, SC Hakoah Wien.
02 Casa de subastas de arte vienesa, unha das máis antigas do mundo, fundada en 1707.
03 Nadador e actor estadounidense de orixe austríaca, famoso no seu papel de Tarzán.
04 O maior lago da Carintia, ao sur de Austria.
05 Título administrativo do corpo da Policía.
06 Heldenplatz ou „Praza dos heroes“, histórica praza de Viena, contigua ao Palacio Imperial de Hofburg, desde onde en 1938 Hitler proclamou a anexión de Austria ao III Reich.
07 Rúa principal do Centro de Viena.
08 Vid.: http://www.imdb.com/title/tt0405461/
09 Famosa piscina cuberta de Viena, construída nos anos 20.
10 Jürgen Melzer e Tamira Paszek, xogadores da equipe olímpica austríaca de tenis.
11 Famoso doce de galleta de oblea e crema de chocolate, da marca Manner, fundada en 1890 por Josef Manner, moi popular entre os vieneses.

Comentarios