Novidade literaria: "Israel siglo XXI: Tradición y vanguardia"

Título: “Israel, siglo XXI. Tradición y vanguardia”
Coordinadores: Alfredo Hidalgo Lavié y Jacqueline Tobiass
Editorial: Netbiblo (A Coruña)
Idiama: español
Prezo: 26 euros
Páxinas: 300
 
 
.
O extraordinario Israel, recente e actual

A editorial coruñesa Netbiblo ven de editar un interesante libro de autoría colectiva, no que se fai unha ampla radiografía do Estado de Israel, desde a súa independencia até a entronización de Tel Aviv como cidade modernísima e refuxio privilexiado dos colectivos de gais e lesbianas. A publicación, na que interveñen dezaoito autores españois e israelís na súa maioría, aproveitou o aniversario dos 25 anos do establecemento de relacións diplomáticas entre Madrid e Jerusalém, para ofrecer aos lectores hispanofalantes unha visión caleidoscópica de Israel, practicamente imposíbel de obter a través das sesgadas imaxes que a diario difunden os medios de comunicación.

O volume, escrito de forma amena e rigorosa por investigadores, docentes universitarios, xornalistas, arquitectos ou diplomáticos como Alejandro Baer, José Antonio Lisbona, Natan Lerner, Herzl Inbar, Pilar Rahola, Rosa Moro, Esther Bendahan ou Horacio Vázquez Rial, aborda a antigüidade bíblica, os balbuceos do Estado ou a Shoáh, pero tamén analiza as institucións democráticas do país, o seu pluralismos social e multicultural, a súa implicación exemplar na cooperación internacional, o seu rechamante -por elevadísimo- desenvolvemento técnico e científico, ou as súas achegas arquitectónicas e culturais.
 
Ao longo de case 300 páxinas, nas que se inclúen case unha trintena de fotos de Tzipi Litvak, debúllanse con obxectividade -e con espírito crítico- cuestións tan espiñentas como o conflito cos palestinos, o antisemitismo, as relacións con España ou o papel dos haredim, así como aspectos tan novos cales son o constitucionalismo sen Carta Magna do país hebreo, o milagre de pasar dunha terra desértica a unha sociedade líder en coñecemento e en I+D, as particularidades do cinema, a literatura e o cómic no Pobo do  Libro, ou a revolución de converter á súa cidade máis antiga na capital, non do país, como queren os xornais españois, senón do mediterranean cool.

Un traballo colectivo, en suma, cuxa lectura é máis que recomendabel.

Comentarios