Por Juan Tudela
Publicado no Diari de Barcelona o 2 de abril de 1992.
Como esta semana fai cincocentos anos da expulsión dos xudeus, poderiamos falar da resurrección da lingua hebrea, que é un dos fenómenos máis singulares da historia idiomática contemporánea. Non hai ningún outro caso en que o éxito do rexurdimento lingüístico fose tan espectacular. Para explicar a curiosa historia da recuperación do hebreo, seguiremos un traballo recente de Tessa Calders, do departament de semíticas da Universitat de Barcelona.
O hebreo chegou a converterse na lingua propia dunha comunidade de falantes, despois de ser relegado durante dezasete séculos, que se di pronto, a usos relixiosos, literarios e de estudo. O hebreo non era exactamente unha lingua morta, pero atopábase nun estado de letargo, porque deixou de ser unha lingua falada desde o ano 200 despois de Cristo, aínda que a miúdo usábana como lingua franca os xudeus das diversas comunidades do mundo.
A Eliezer Ben Yehuda (1858-1922) defíneno os actuais xudeus de Catalunya como o Pompeu Fabra de Israel. En realidade, o seu papel foi aínda máis decisivo. O seu fillo foi o primeiro xudeu que tivo o hebreo como lingua vernácula despois de 1.700 anos. A tarefa, ao principio, non foi fácil. Faltaban moitas palabras e expresións para a vida cotiá. Ben Yehuda recorreu ás fontes literarias, á lingua árabe e aos neoloxismos que el mesmo acuñaba (neste último aspecto fixo un traballo comparábel ao do noso Ramon Llull). O froito encadernado deste esforzo foi o Tesouro da lingua hebrea.
Ben Yehuda viu pronto que o único xeito de conseguir que o hebreo fose a lingua de toda a poboación era aprendelo nas escolas. E pensou que o método máis eficaz era ensinar hebreo en hebreo. Así conseguiuse, xa no ano 1900, que o hebreo fose a lingua vernácula dunha primeira xeración de falantes. En 1913 o hebreo deu un grande paso adiante ao converterse na lingua oficial do Teknion, instituto tecnolóxico de Haifa.
Ao espectacular renacemento da lingua hebrea contribuíu a ausencia dunha lingua nacional en Palestina. O turco era o idioma oficial, a poboación árabe falaba árabe, e os xudeus valíanse das diferentes linguas das comunidades de onde procedían. Isto fixo do hebreo a única lingua común de todos os xudeus.
Hoxe en día, o hebreo é, verdadeiramente, a lingua territorial do Estado de Israel, e seguramente a lingua propia de todas as futuras xeracións de xudeus de Israel, aínda que tamén están presentes no Estado israelí o árabe e o inglés, ademais de moitas outras linguas.
Desde Catalunya non debemos cegarnos co caso do hebreo. O que podemos denominar comercio lingüístico, é dicir, o intercambio de experiencias de normalización, Catalunya faino con outros países. Sobre todo, importamos cousas de Quebec e exportamos ao resto da nosa área idiomática, a Galiza e ao País Vasco. A situación sociolingüística en Israel e en Catalunya non é equivalente. Pero hai algo que si podemos admirar e, por tanto, aprender dos xudeus de Israel. E é que se existe unha vontade colectiva de normalización lingüística moi clara e forte, o éxito está asegurado. De entrada, a recuperación do hebreo era moito máis difícil, máis digamos utópica que a do catalán, e o hebreo conseguiuno.
Á hora de reler este artigo meu de hai vinte anos, penso que agora diría o mesmo. Tamén penso que o renacemento da lingua hebrea é a historia dun éxito, o renacemento da lingua de oc é a historia dun fracaso e o renacemento da nosa lingua... O futuro da lingua catalá non está escrito en ningures: escribímola cada día entre todos.
lamalla.cat
Comentarios