Günter Grass (esquerda) nunha imaxe de 1944
Por Xosé Luis Franco Grande
La Voz de Galicia
09.04.2012
Vaia por
diante que nunca me interesou maiormente Günter Grass, nin como
novelista, nin como intelectual, nin como poeta, que evidentemente non o
é, como unha vez máis demostra ese pretendido poema, O que hai que
dicir, que, por razóns alleas á literatura, tanto barullo armou. A cousa
non era para tanto.
O suposto poema non é senón un
discurso. E, como tal, tampouco era como para que catro ou cinco xornais
europeos se poñan de acordo en publicalo como a gran primicia. Xa se ve
que os tópicos máis vulgares poden ser noticia se se saben adobiar con
boas doses de política tamén tópica -Israel é un perigo, non o
tolitates de Mahmud Ahmadineyad- e outras coñecidas vulgaridades.
Pero aínda así non parece moi
lúcido o discurso do Nobel alemán: é puro maniqueísmo -o contrario de
calquera análise intelectual serio- temer pola potencia nuclear israelí,
e condenala, e non facer o mesmo en canto á que procura ter un réxime
pechado, clerical e reaccionario que manifesta que fará desaparecer a
Israel do mapa. Maniqueísmo, si, pero tamén un sectarismo máis.
Por outra banda, Herr Grass dá a
impresión de que chega tarde a todo, dende a tardía confesión que fixo
de pertencer na súa mocidade ás Waffen SS ata o seu tamén tardío medo ás
armas nucleares de Israel. Confiemos que non chegue tan tarde a unha
condena das iranianas, no seu caso.
Günter Grass é un exemplo do
pouco que acostuma pensar certa intelectualidade de mente embazada polos
tópicos máis vulgares, sempre que estes ataquen o poder establecido ou o
poder, sinxelamente. Pero sempre tratando de ocultar que outros, ao
mellor, son moito peores. Que isto non o vexa Günter Grass descalifícao
como intelectual, como escritor e ademais, e aínda que non o sexa, como
poeta.
Comentarios