Vergoña do xénero humano





Por Roberto Maiztegui

Hai pouco tempo, a xornalista catalá Pilar Rahola preguntábase, nun artigo, as razóns polas cales a sociedade occidental "benpensante" non sae á rúa a denunciar os horrorosos crimes contra a humanidade que o réxime sirio de Bachar al Asad está a cometer contra o seu propio pobo. En aparencia -dicía Rahola-, os únicos excesos condenábeis que se cometen na polvoreira do Medio Oriente son os que, eventualmente, poida cometer Israel.
A pregunta, que de ningunha maneira é retórica, pon o dedo na chaga e denuncia varias secuelas, que afectan ao que se segue coñecendo no mundo como "esquerda": o racismo antixudeu, a moralidade acomodaticia (as dúas fan o mesmo, segundo a simpatía ou antipatía que cada un xenere, condénase ou absolvese, ou, o que é peor, ignórase), a estupidez disfrazada de compromiso político.
Todos os actos condenábeis que Israel cometeu nos seus pouco máis de 60 anos de existencia non resisten unha mínima comparación co que o réxime sirio de Asad está a facer co único obxectivo de prolongar a súa ditadura.
Ben e certo que o tirano sirio representa ao Partido Baas, que se di socialista e antimperialista, e iso parece xustificar a complicidade feita de silencio e indiferenza ante a masacre dun pobo.

Se volvesen á vida os idealistas xeradores do socialismo, desde Saint Simon a Kausky, de Blanc a Bernstein, de Bujarin ao Trosky ou mesmo Marx, e ollasen a que reduciuse o soño dunha sociedade liberada da explotación do home polo home.
Bachar al Asad é fillo de Hafez al Asad, que exerceu con man de ferro o poder a Siria desde 1963; curioso paralelismo co peor das vellas monarquías as destas dinastías de sedicentes socialistas: Fidel e Raúl Castro en Cuba, Kim Il-sung, Kim Jong-il e Kim Jong-un en Corea, os Asad en Siria. Non só tenen semellanza nisto, senón nos métodos que empregan para manterse no poder, enchendo o aire de grandes palabras e promesas de nunca cumprida xustiza.
Hai agora un ano que estalou, no marco da "primavera árabe", a rebelión contra a ditadura siria. Non vén ao caso opinar aquí sobre os fins últimos deste grande movemento, nin sobre a sospeita (que certamente teño) de que ten moi pouco que ver coas liberdades públicas e moito, talvez demasiado, co integrismo islamofascista. Non se pode nin se debe especular con intencións políticas cando están a suceder horrores como os que nos ocupan: as torturas máis abxectas, as uñas arrincadas aos nenos por escribir nos muros que non queren ao réxime, o bombardeo desapiadado contra a poboación civil son crimes de lesa humanidade, e como tal deben ser condenados por todos nós.
Bachar al Asad, médico oftalmólogo, xeneral dun exército asasino cuxos galóns fóronlle regalados por ser fillo de quen é, "presidente" votado libremente por ninguén, móstrase aferrado ao seu tambaleante poder con uñas de fera depredadora.
A crer no que testifican persoas dignas de toda credibilidade, como a xornalista española Mónica García Prieto, ninguén, nin o defunto Muammar Gadafi, chegaron a semellantes extremos de brutalidade represiva. E mentres esa traxedia desenvólvese día a día ante os ollos de toda a humanidade, que fan os líderes da moi democrática Europa? Onde están os "corredores sanitarios" que se constituíron en Libia e que terminaron por derrocar aquela ditadura?
Desde as miñas conviccións máis profundas, como vello militante da esquerda, afirmo que o que se vive hoxe en Siria é a negación absoluta, a perfecta contracapa daquilo no que tantos, e tan profundamente, cremos e loitamos. Bachar al Asad non é mellor que Pinochet ou que Videla; nin un pouquiño. Terminará coma eles, sen dúbida; pero mentres ese acontecemento non chegue, é preciso rematar con esta barbarie desatada, vergoña de todo o xénero humano.

Comentarios