Intervención do Embaixador de Israel Alon Bar, na cerimonia de entrega dos Premios Samuel Hadas 2012










.
Sra. Presidenta,

Sr. Ministro:

moitas grazas polas súas palabras.

Excelentísimas señoras,

excelentísimos señores,

Autoridades,

Señoras e señores,

Amigos,
Boas noites.

Moitas grazas a todos por compartir connosco este acto de clausura das conmemoracións do XXV aniversario do establecemento de relacións diplomáticas entre España e Israel.
Un ano cheo de actividades e iniciativas culturais, comerciais e políticas, entre as que destacan as visitas do Presidente de Israel, Shimon Peres, a Madrid, e a das súas Altezas Reais os Príncipes de Asturias a Xerusalén.
En 1986, na Haia, representantes dos nosos gobernos asinaban o acordo de establecemento de relacións diplomáticas entre España e Israel.
Unha sinatura que puña fin a décadas de desencontro, que pechaba o doloroso capítulo dunha anomalía histórica que prolongouse de máis.
O pasado xudeu de Sefarad e o hispanismo da diáspora sefardí son aspectos singulares e de grande peso, convertendo en algo especial as relacións entre ambos os países.
Nestes 25 anos non fixemos máis que empezar a recuperar o tempo perdido.
Polo peso da historia e polas circunstancias rexionais, o encontro non sempre foi doado, pero sempre moi interesante, cunha alta carga emocional.
Señoras e señores,

A breve historia destas relacións é unha historia de éxito impresionante. España e Israel son hoxe dúas democracias que desde as dúas beiras do Mediterráneo traballan en favor da paz e a cooperación.
O diálogo político é moi intenso a todos os niveis, en ocasións mesmo íntimo.
Os intercambios culturais están en crecemento permanente; cada vez é maior a presenza de arte e cultura israelí en España, e a española en Israel.
Tamén é digno de mención o grande número de turistas israelís que anualmente visitan España; o pasado ano foron máis de 300.000.
Hai que salientar, e máis nestes momentos de crise económica, o alto nivel do intercambio comercial. De feito, Israel é o principal cliente de España en oriente próximo, e aínda estamos moi lonxe do que podemos chegar a facer xuntos.
As prioridades do goberno español e as características da economía israelí, unha economía que creceu un 5% en 2011, unha economía que é dinámica e está baseada na iniciativa e a innovación, sentan a base para dar un salto cualitativo e cuantitativo nas relacións comerciais e empresariais.
A creatividade e a innovación, a flexibilidade e a exportación, deben de ser os alicerces das novas pontes que debemos tender entre España e Israel. Se impulsamos a creación de iniciativas conxuntas empresariais, científicas, comerciais e educativas, sen dúbida afrontaremos mellor os desafíos do futuro.
Este magnífico punto de partida para o futuro das nosas relacións é posíbel grazas á axuda de persoas e institucións que contribuíron ao establecemento de relacións e o seu posterior desenvolvemento e consolidación en diferentes ámbitos. Persoas e institucións como ás que hoxe entregamos os Premios Samuel Hadas de Amizade España-Israel.
Somos conscientes de que outras moitas persoas, institucións e asociacións tamén son merecedoras do noso recoñecemento, pero é parte da natureza deste tipo de eventos. Non por iso esquecemos nin deixamos de agradecer a súa contribución.
O galardón leva o nome de Samuel Hadas, falecido hai dous anos, primeiro Embaixador de Israel en España e un dos artífices do establecemento das relacións diplomáticas en 1986.
Con esta entrega de premios, a Embaixada de Israel fai público o seu recoñecemento e as súas mostras de gratitude a quen tanto fixeron, e non sempre nun ambiente favorábel, para consolidar as relacións entre España e Israel e por defender a causa de Israel.
O Estado de Israel está en débeda con vostedes.
Grazas a todos e brindo, sen ter aínda a copa na miña man, pola nosa amizade, co convencemento de que todo será moito máis doado nos vindeiros 25 anos.
Alon Bar

Embaixador de Israel
(as fotografías e os videos do acto poden verse aquí)

Comentarios