A resurección da lingua hebrea



Por Breogán Cohen
.
Nos comezos da nosa era a lingua máis falada no actual Israel era o arameo, lingua que partilla co hebreo a súa adscrición semítica, a lingua de cultura era o grego, a lingua do imperio e dos exércitos de ocupación era o latín e o hebreo era xa unicamente, desde había polo menos un século, a lingua litúrxica e dos libros sagrados do xudaísmo. Só as elites relixiosas, rabínicas, lían, escribían e falaban o hebreo.

O arameo foi a lingua falada polo pobo xudeu ate que foi substiuído paulatinamente polo árabe a raíz da invasión árabe do século VI. Entre os anos 70 e 135 d.C. produciuse un éxodo masivo de xudeus para outras terras, a coñecida diáspora xudea. Neste exilio cada comunidade xudea adoptou a lingua do país de acollida, en Europa, en Asia e no norte de África, esquecendo o arameo e conservando o hebreo, coma sempre, como lingua litúrxica.

O hebreo litúrxico empregado na relixión polos xudeus xerou unha serie de “linguas mixtas” caracterizadas polo uso dunha mínima porcentaxe de termos xudeus incrustados nas linguas de acollida. Así, podemos falar hoxe do xudeu-tamazight, do xudeu-turco, do xudeu-xeorxiano etc. Os “xudeus” máis falados foron o xídix (yiddish, do alemán jüdisch, xudeu) e o djudezmo.

O xídix é a lingua dos xudeus ashkenazes de toda a Europa central. Ten estrutura xermánica e un 70% de léxico alemán, 15% eslavo e só un 5% de léxico hebreo. Antes da II Guerra Mundial falaban xídix en Europa central unhas once millóns de persoas. O djudezmo é o xudeu dos sefarditas casteláns, que chegou a ser falado a comezos do século XX por dous millóns de persoas en países das ribeiras mediterráneas. Hoxe calcúlase que terá 150.000 usuarios.

En Palestina árabe e restos de arameo (aínda hoxe se fala arameo nalgunhas vilas dos arredores de Damasco. Na diáspora cada unha das linguas de acollida con incrustacións léxicas hebreas. O pobo xudeu non falou o hebreu durante case dous milenios. O hebreo non estaba vivo, sen embargo tampouco se podería dicir que estaba morto xa que seguía sendo lingua litúrxica e forzada lingua vehicular entre rabinos e comerciantes.

A finais do séc.XVIII en Alemaña houbo intentos de restaurar o hebreo, pero este tiña un léxico moi limitado, arcaico e circunscrito á vida relixiosa, nada apto para a vida moderna e as ciencias. Se o soño era ter unha patria en Palestina, esa patria non sería viable se cada grupo de xudeus falaba a lingua do seu país de acollida, cumpría unha lingua e a única lingua de todos os xudeus fora o hebreo.

En 1880 un grupo de idealistas xudeus volve a súa patria ancestral na Palestina. Entre eles vai o lituano Eliezer Ben Iehudá, quen acomete o labor de reelaborar o hebreo modernizando a gramática, simplificándoa, dotándoa de maior versatilidade e adaptabilidade para a súa utilización en novos usos, collendo préstamos do árabe, do arameo e das “linguas xudeas”, creando neoloxismos etc. En 1890 Ben Iehudá creou o embrión do que cos anos sería, en 1940, a Academia da Lingua Hebrea. Ben Iehudá inventou unha lingua falada, o neohebreo, a partir dunha lingua unicamente escrita, o hebreo dos libros sagrados.

Entre 1891 e 1903 chegaron a Israel uns 30.000 xudeus de diversas orixes e linguas. En 1898 Ben Iehudá funda unha rede de escolas destinadas a ensinar hebreo aos recén chegados, e así, por volta de 1915 naceron os primeiros xudeus criados desde o berce en hebreo desde había 2.000 anos. Como a maioría dos xudeus retornados eran ashkenazis, o neohebreo tivo unha forte competencia co alemán e co xídix neste primeiro terzo do século XX, pois se a maioría dos inmigrantes falaban estas variedades xermánicas era innecesario “forzar” a aprendizaxe dunha nova lingua.

Ben Iehudá conseguíu en 1918 que os británicos declarasen o (neo)hebreo terceira lingua oficial de Palestina acarón do árabe e do inglés, de maneira que o hebreo se introduciu nas escolas, na administración e no poder político. Despois da II Guerra Mundial os propios xudeus xermanófonos ou xidixófonos aprenderon voluntariamente o hebreo e renunciaron a unhas linguas “ligadas” á barbarie nazi.

Para obter a nacionalidade israelí cómpre demostrar coñecemento do hebreo. O estado de Israel inviste enormes cantidades de diñeiro en “hebraizar” lingüisticamente toda esa marea de xudeus da diáspora que veñen falando inglés, ruso, polaco, húngaro, djudezmo, árabe, tamazight, turco, farsi, amárico, tigriña, italiano, serbocroata, grego etc.

A resistencia á integración lingüística provén fundamentalmente de falantes de linguas “superiores”, entendamos inglés e ruso. Dado que o inglés é, de facto, non de iure, lingua cooficial en Israel e unha alta porcentaxe de israelís tamén fala inglés, hai moitos xudeus ianquis que poden prescindir de aprender hebreo a non ser que vivan en comunidades ou vilas con xudeus doutras orixes. Cos rusófonos (rusos, ucraínos e belarrusos) pasa algo semellente, de maneira que por exemplo en moitas canles de televisión subtitulan en ruso o emitido en hebreo. Os rusófonos andan perto do millón de persoas, viven en comunidades illadas, son pouco ou nada relixiosos e teñen unha cultura bastante afastada da poboación media.

Aínda sendo de feito a única lingua oficial, o hebreo está obrigado a competir constantemente na casa con estas dúas linguas citadas, pero isto forma parte da propia dinámica interna da sociedade israelí, coas súas fobias, filias, contradicións e enorme pluraridades.

O sensacional exemplo do hebreo é o exemplo de como con vontade firme e estado propios unha lingua pode resucitar: de apenas un cento de neofalantes a máis de seis millóns de persoas, e só en cen anos.

Comentarios