Entrevista en exclusiva con Yossi Beilin







Yossi Beilin: "Non están dispostos a pagar o prezo da paz"

Por Gabriel Bacalor*

Entrevista exclusiva que envíanos dende israel o amigo e colaborador de Galiza-Israel, o economista Gabriel Bacalor, onde conversa con quen fora Ministro de Xustiza de Israel e propulsor da Iniciativa de Paz de Xenebra, Yossi Beilin. E onde fálanos acerca da actualidade política de Medio Oriente desde a súa ampla experiencia.
.


-Que perspectivas presenta a "Primavera Árabe" a un ano xa do seu comezo?
Os levantamentos libertarios dos pobos árabes teñen numerosas similitudes coas demandas populares de emancipación, que deron lugar á ruptura da Unión Soviética. Ao cabo de dúas décadas do histórico episodio, boa parte dos países de Europa do Leste desenvolveron democracias estables, pero aínda se observan gobernos autoritarios en certos países de Asia Oriental e até con rumbos soviéticos, como en Ucraína e Bielorrusia. Neste senso, é difícil estimar que sucederá no mundo árabe. Os procesos de liberación exhiben efectos dominó e unha tendencia democrática pode transformarse nunha nova ditadura. En Exipto, por exemplo, as mesquitas serviron de refuxio á liberdade de expresión do pobo, silenciado polo réxime de Mubarak, o cal explica, en boa medida, o abafador respaldo popular aos Irmáns Musulmáns e ao Partido Salafista nas recentes eleccións. Queda por ver se os novos gobernos do mundo árabe son quen de brindar a liberdade que reclaman os seus pobos. Hoxe, tanto poderían replicar un modelo moderado semellante ao de Turquía, como parecerse ao islamismo fundamentalista de Irán. Dentro dese arco entre Irán e Turquía, situarase o mundo árabe.

-Cal é a verdadeira dimensión da ameaza nuclear iraniana?
A capacidade nuclear de Irán consolidaría radicalmente o seu posicionamento como potencia rexional, fundamentalmente, fronte a Turquía e aos países árabes. Isto sería prexudicial para Israel, xa que tamén intensificaría o respaldo desta república islámica aos seus aliados de Hezbollah e Hamás. Considero pouco probábel que a meta do programa nuclear iraniano sexa atacar Tel Aviv. Non digo que as circunstancias non poidan facer que isto finalmente suceda, só sosteño que tendo en conta os antecedentes históricos do programa atómico de Irán, así como as consecuencias que sufriría ese país en caso de afrontar accións militares non convencionais contra Israel, crer que a meta deste programa é destruír a Israel, non parece razoábel. Á luz das actuais circunstancias, deberíase barallar a hipótese que, coa finalidade de impor a súa influencia rexional, Irán desenvolver capacidade nuclear de uso civil que poida ser transformada en pouco tempo para uso militar.


-Por que os gobernos de Israel e da Autoridade Palestina (AP) tomaron posicións tan inflexíbeis para levar adiante as negociacións de paz?
O actual goberno da AP non dispón dos medios necesarios para pechar un acordo integral e o goberno israelí liderado por Benjamín Netanyahu, non ten serias intencións de facelo. Netanyahu non parece disposto a pagar o prezo da paz, que involucra renunciar a media Xerusalén, e a recoñecer ao Estado Palestino dentro de fronteiras negociadas, en base aos límites previos á guerra de 1967. O Presidente Abbas ten a intención de chegar a acordos, pero non controla a Franxa de Gaza, desde a cal o grupo terrorista Hamás ataca con frecuencia, á poboación civil israelí.


-Cal é a estratexia do goberno israelí en relación a continuar a construción de asentamentos xudeus en Cisxordania?
Considero que pretende gañar tempo, solicitando condicións inaceptábeis aos palestinos, para xustificar que é a AP quen non desexa negociar. Netanyahu espera que os republicanos se impoñan nas próximas eleccións en Estados Unidos, e diminúa a presión internacional que actualmente se exerce sobre Israel.


-Que figuras públicas actuais transmítenlle expectativas positivas?
Hai moitas persoas capaces e con altos valores morais na política. A nivel internacional, creo que Barack Obama é un deles, non só polas súas apreciacións respecto ao conflito israelí-palestino, senón tamén pola súa concepción global. En Israel tamén hai moi bos políticos. Podo mencionar o caso de Dan Meridor do Likud, así como moitos outros. Con todo, ningún deles dispón, aínda, das circunstancias políticas, o poder ou a valentía necesaria, para executar as accións que Israel necesita.


-Melloraría o status internacional de Israel se aceptase discutir un Estado Palestino?
Sen dúbida. A partir da proposta de paz da liga Árabe, a creación dun Estado Palestino é a clave para a normalización das relacións entre Israel e os seus veciños rexionais. A grande maioría dos 57 países musulmáns do mundo apoiarían esta iniciativa, e favorecería a posición de Israel fronte aos organismos internacionais.


-Que opinión lle merece a sinatura do acordo de libre comercio entre o Mercosur e Palestina?
Eu estou a favor de toda iniciativa que mellore o estándar de vida dos palestinos. Á sociedade israelí convenlle que isto suceda, pois o crecemento e o desenvolvemento económico do pobo palestino mellora as oportunidades de coexistencia pacífica. Lamentabelmente, o principal destino para as exportacións da AP é Israel, mentres que o seu comercio bilateral con América Latina é practicamente insignificante. O acordo da AP co Mercosur representa un avance simbólico, en prol da independencia comercial dos palestinos.


-Debe Israel dialogar co grupo terrorista Hamás?
Eu estou a favor de abrir o diálogo con Hamás, pero é Hamás quen non está disposto ao diálogo con Israel. O diálogo con Hamás debe involucrar tanto os aspectos operativos que melloren a calidade de vida dos habitantes de Gaza, canto as cuestións estruturais que permitan unha solución negociada ao conflito israelí-palestino. Quizais no futuro, Hamás se integre na Organización de Liberación Palestina (OLP), e Israel poida negociar cunha entidade unificada. Lamentabelmente, os múltiples liderados palestinos constitúen un impedimento para o logro dun acordo integral.


-Que tipo de acordo poderíase alcanzar na actualidade?
Un acordo interino, baseado nos parámetros que establece a Iniciativa de Xenebra. Hoxe, toda solución factíbel ao conflito palestino-israelí, involucra aceptar que Xerusalén Oriental sexa a capital do Estado Palestino, que se negocie a división territorial en base aos límites do 67 e que o problema dos refuxiados palestinos se resolva na súa maioría, dentro dos límites do novo Estado Árabe. Con todo, o problema fundamental non é "a solución", senón quen serán os gobernantes coa coraxe necesaria para executala e pagar, en ambos os lados, o prezo que involucra a paz.
*Director de Bacalor Strategic Consulting. www.bacalor.com

Comentarios