A propósito do libro: The Pasdaran: Inside Iran’s Islamic Revolutionary Guard Corps



Conferencia en Viena do Prof. Dr. Emanuele Ottolenghi e presentación da súa obra The Pasdaran: Inside Iran’s Islamic Revolutionary Guard Corps [1]. Algunhas notas.

Por Harry Line

O pasado día 17 de novembro, o profesor italiano Emanuele Ottolenghi, politólogo, doutor en filosofía e director do Transatlantic Institut [2]con sede en Bruxelas, estivo na Universidade de Viena para pronunciar unha conferencia e presentar o seu último libro, The Pasdaran: Inside Iran’s Islamic Revolutionary Guard Corps. O acto foi organizado polo foro cidadán Stop the Bomb (grupo formado por profesores, estudantes, traballadores, profesionais de orixe diversa), que leva xa varios anos informando e organizando diferentes actividades e palestras en Alemaña e Austria acerca das ameazas de exterminio nuclear por parte da República Islámica do Irán contra Israel.

O foco desta investigación do profesor Ottolenghi fíxase nas actividades do réxime iraniano no estranxeiro, aínda que cunha advertencia preliminar en relación ao tema “a República Islámica do Irán e o seu programa nuclear”.

O tema é xa ben coñecido desde hai case unha década; o 14 de agosto do 2002 tivo lugar en Washington D.C. un encontro informativo dun grupo da oposición iraniana, no marco do cal se falou sobre o programa nuclear oculto do réxime iraniano.

Sen embargo, sería necesario destacar que a tan traída comparación co conflito Irán-Iraq é incorrecta para aplicala a esta situación; e isto, por diferentes motivos, entre outros, porque os elementos clave para o armamento atómico no caso de Irán xa existen: o programa de mísiles do Irán é propagado de maneira ostentosa por parte do réxime e a procura por parte do Irán de material fisible por medio do enriquecemento de uranio é o punto principal de discusión entre o IRI e a comunidade internacional.

O nivel de coñecemento acerca do programa nuclear iraniano é bastante substancial; entre outros, hai numeroso material procedente de diversas fontes, como, por exemplo, as imaxes de satélite. Estes datos son evidentes, segundo se desprenden do novo informe da IAEA (International Atomic Energy Agency).

Un elemento do réxime iraniano que xoga tamén un papel moi relevante a respecto do programa nuclear son os “Gardiáns da Revolución” (IRGC[3]). As IRGC son un actor económico importante e impulsan ademais a extensa axenda política do Irán, sendo as actividades económicas un factor integral para as súas actividades militares e políticas. Neste sentido, pódense citar algún exemplos sobre a presenza económica das IRGC no estranxeiro:

- Con motivo do recente casamento real en Londres, moitos locais con vistas a Victoria Street foron alugados a prezos altísimos (100.000 libras de aluguer por andar). No enderezo Victoria St. Número 4 atópase a NIOC House[4], cuxo xerente é un antigo comandante das IRGC. Este tipo de ingresos son un exemplo para actividades económicas, en principio, legais, que sosteñen o financiamento das actividades das IRGC.

- Dubai, onde existía unha importante comunidade iraniana, serviu durante un longo período de tempo como porto e nó de comunicacións e transportes para as IRGC. O goberno de Dubai, debido á presión internacional e polo seus propios intereses políticos, tomou medidas estritas contra as actividades iranianas nese país, as cales se desprazaron a outro lugares como, por exemplo, Macau. Alí as IRGC están implicadas no negocio dos casinos e os bordeis (ambos orientadas ás transaccións en efectivo, o cal resulta óptimo para o lavado de diñeiro), moi frecuentados por funcionarios chineses. Segundo a oposición iraniana este tipo de prácticas corruptas é totalmente habitual (por exemplo, membros das autoridades portuarias chinesas que, intencionadamente, non examinan o contido de certos containers, tal e como correspondería segundo a normativa internacional de seguranza.)

- Implicación das IRCG en laboratorios de opio en Tabriz, segundo fontes de Wikileaks, por informacións procedentes da embaixada dos EEUU en Baku.

De feito, as IRCG actúan, na prosecución dos seus obxectivos, como o propio crime organizado. Os desafíos na loita contra elas son comparables ás que se levan a cabo contra ese crime organizado convencional; a diferenza estriba en que a Mafia ou outras organizacións criminais non teñen o apoio explícito por parte dun Estado, como acontece co Irán.

Acerca da política da UE perante ao Irán no contexto da crise financeira actual e, de acordo co informe da IAEA, pódese afirmar que soamente dúas cousas separan xa a Irán da posesión de armamento nuclear:

- A decisión do seus mandatarios políticos.
- O tempo (non demasiado, en realidade)

Polo tanto, segundo Ottolengui, é esencial pór enriba da mesa a opción militar para unha correspondente e efectiva credibilidade no camiño diplomático. O réxime iraniano é máis feble do que semella e debe ser isolado por parte da comunidade internacional. O feito de que Ahmadinejad sexa agasallado con ocasión de diversas visitas ao estranxeiro (por exemplo, diferentes convites a charlas ou palestras cando está presente na asemblea xeral da ONU en Nova York), indica que o rexime disfruta aínda dun certo apoio internacional abondo evidente.

No entanto, doutra banda, un caso que testemuña que o medo e a debilidade do rexime iraniano son maiores do que aparenta, é, por exemplo, o que aconteceu no último Festival de Cinema de Cannes. A cadeira que debería ocupar o cineasta iraniano Jafar Panahi ficou baleira, xa que o réxime non lle permitiu saír do país para participar nese acto. Neste sentido, tamén é un feito o silenciamento que sofren moitos cidadáns iranianos que renegan do Islam xiíta, o cal enfraquecería aínda máis as bases ideolóxicas dese sistema.

Para Ottolengui, o problema coa oposición iraniana reside en que esta aínda no se animou a tomar unha decisión unánime co fin de propiciar unha mudanza clara de réxime (a diferenza do que está acontecendo en Siria, por exemplo).

A parte da oposición iraniana no exilio sobre a que se deben de concentrar os esforzos dos apoios, está composta, fundamentalmente, de persoas que emigraron no 2009 (nin monárquicos, nin muxahidíns). Neste sentido, non só a aplicación dunha única medida podería levar ao éxito do proceso, senón a dun feixe delas; precisamente foi con esta cuestión coa que o prof. Ottolengui concluiu unha moi lúcida e completa conferencia. Así, habería que ter en conta que esa serie de sancións está vinculada a catro tipo de problemas. A saber:

- A aplicación completa das sancións (rachar con elas sería moi rendible para os implicados).

- As sancións poderían prexudicar a economía (neste sentido, especialmente nos tempos de crise actual, non resultan fáciles de argumentar).

- Falta de apoio e de vontade política a nivel internacional (China, Rusia, Turquía e diversos Estados Sudamericanos).

- As sancións que deberían ser aplicadas darían resultado apenas a medio e longo prazo.

[1]http://www.amazon.co.uk/Pasdaran-Inside-Irans-Islamic-Revolutionary/dp/0981971296/ref=sr_1_7?ie=UTF8&qid=1321617709&sr=8-7
[2] http://www.transatlanticinstitute.org/html/
[3] Abreviatura do ingles de "Islamic Revolutionary Guard Corps“
[4] http://de.wikipedia.org/wiki/National_Iranian_Oil_Company ;

Comentarios