Entrevista con Xulio Touza


"A miña avoa axudou a máis de 500 persoas durante a guerra a fuxir dos nazis"
Unha entrevista de Héctor Díaz - La Región - 20-11-2011

Xulio Touza é un recoñecido arquitecto de prestixio internacional cun estudo situado entre os grandes de Europa e con edificios que debuxan o novo panorama urbano de cidades de Marrocos, Brasil ou Vietnam. E con todo os seus edificios fanse pequenos en comparación coa xesta (que xa relatou La Región) da súa avoa Lola e as súas tías Amparo e Julia. Estas tres mulleres axudaron a salvar centos de vidas de xudeus que fuxían dos nazis desde Ribadavia até Portugal. Xulio Touza coñeceu a historia hai só seis anos e desde entón segue a sorprenderse do valor daquelas mulleres.

Cando descobre a historia da súa avoa Lola e as súas tías Amparo e Julia?
Foi no ano 2005 cando se publica o libro 'Camiños de ferro' de Antón Patiño, que falaba da súa xesta. Eu descoñecía todos os detalles e por iso o primeiro que fixen foi tentar porme en contacto co editor e autor da obra, pero xa morrera. A pesar de que coñecía a historia desde o ano 1964 fixera un xuramento coa miña avoa e as miñas tías para non publicala ate que todos morresen.

Na súa familia nunca chegaron a sospeitar desta actividade da súa avoa?
Nunca soubemos nada. Nin sequera sei se o meu pai chegou a estar ao tanto daquilo. Os meus irmáns e eu sempre vivimos coa miña avoa e as miñas tías. Viviamos alí porque as adorabamos e elas a nós. Pola noite durmían nunha habitación moi grande duns 200 metros cadrados á que chamabamos A Timba, porque fora o salón de xogos do Casino antes de que o pechasen. Cando eramos pequenos ás veces púñannos unha cama nesa habitación. Elas falaban en voz alta, pero ás veces baixaban a voz para que non as escoitasemos. Pero claro, non podiamos imaxinar o tipo de actividades que realizaban, como tampouco soubemos até anos despois que debaixo da cantina tiñan un zulo no que escondían aos xudeus antes de sacalos do país, ou unha habitación oculta no fallado da casa onde se que tiveron moita xente escondida dun e outro bando durante a Guerra Civil.

A cantas persoas cre que puideron axudar a escapar?
Non o sabemos, pero como me dixo nunha ocasión o presidente de Israel, aínda que fora unha soa persoa sería unha xesta heroica. O nivel de recoñecemento máis alto de Israel, similar á santidade na relixión católica, é nomear a alguén Xusto entre as Nacións e cónstame que iniciaron o proceso para darlle ese recoñecemento á miña avoa. Algunhas persoas que estudaron este caso cren que foron máis de 500. Polo que eu fun descubrindo sei que foron moitos. Teño un testemuño dunha persoa de 90 anos, que aínda vive e que reside en Venezuela, que me contou como unha noite axudou á miña avoa a sacar a dous xudeus desde Ribadavia a Portugal.

Cantas persoas poderían estar implicadas nesa rede de fuxidos do nazismo?
Polo que puidemos saber a miña avoa e as súas dúas irmás foron as que decidiron que ían axudar aos fuxidos do nazismo. Para iso contaron coa axuda dun emigrante que estivera en Estados Unidos e aprendera algo de polaco. Moitos dos xudeus eran de orixe polaca e esta persoa, que traballaba como toneleiro en Ribadavia, actuaba como tradutor. Tamén estaban implicadas dúas persoas con coche, que eran taxistas, José Rocha e José Míguez. E nalgunhas ocasións, cando todos eles estaban moi vixiados pola Gestapo, participaban un barqueiro e o seu fillo, dúas persoas que eran de absoluta confianza para a miña avoa.

Atopou documentos que poidan achegar algunha luz a aquela actividade?
Si, nos arquivos británicos do MI5 e o MI6 gárdanse documentos, porque os británicos tamén traballaban de forma activa na evacuación dos fuxidos do réxime nazi. Tamén teño o testemuño oral deste barqueiro e do seu fillo, que nunha desas fuxidas puido ver claramente a numeración marcada a lume no seu corpo do campo de concentración do que escapara. A miña avoa, ademais de salvarlles a vida, dáballes tres duros de prata. E un deses fuxidos deulle un dos duros de prata ao fillo do barqueiro. Esa persoa emigrou a Venezuela e puiden coñecer o seu testemuño hai uns anos. Cando nos vimos devolveume ese duro, que conservara sempre, porque cría que os seus herdeiros eramos quen debiamos telo.

Chegaron a recibir algún tipo de comunicación ou agradecemento dalgún dos posibles rescatados?
Recibín moitos correos electrónicos desde Israel, desde Nova York e desde outros lugares do mundo no que me confirman que xa sabían da existencia da rede que creara a miña avoa en Ribadavia. Son testemuños illados e nalgúns casos confírmanme que eles mesmos están a promover o título de Xusto entre as Nacións para a miña avoa.

Cre que a súa avoa e as súas tías tiveron un recoñecemento polo seu comportamento?
Ribadavia rendeulles unha pequena homenaxe no ano 2008, moi sinxela, pero moi emotiva, pondo unha placa na casa onde viviron e cunha inscrición na que se destacaba que foran 'loitadoras pola libertade'. O pobo de Israel é moito máis impetuoso. Recibín o agradecemento persoal de Shimón Peres, teño copia do certificado da árbore que plantaron nos outeiros de Xerusalén en memoria da miña avoa e sei que agora queren plantar unha alameda no seu recordo. A próxima semana visítanme Luís Tosar e unha representación de Ribadavia porque queren preparar unha película. A súa xesta merece ser lembrada.

Comentarios