Amigos da paz, amigos da guerra


Por Afonso Vázquez-Monxardín

La Región de Ourense - 18.11.2011

A cousa é simple dentro dunha complexidade enorme. Ou ao revés, complexa dentro da simplicidade. El calquera caso, como saben, o conflito territorial no Medio Oriente é un dos temas máis recorrentes do mundo. De máis. Ás veces parece que Xerusalén é o couzón –esa pedra cunha concavidade sobre a que xiran as cancelas- do mundo. E historia non lle falta.

Ese conflito, como saben, leva producido moitas guerras, moitos desprazamentos, moito sangue, moito sufrimento e pode ser visto desde moitos puntos de vista porque non todo é branco ou negro. Uns poden falar de desprazados das súas casas árabes na zona e outros dos expulsados xudeus das súas casas de todo o mundo árabe. Uns poden falar dos atentados suicidas nos autobuses israelís, outros das bombas sobre Gaza e outros do Setembro negro en Xordania. A cousa, desenganémonos, non se vai dar arranxado polas malas. Os dous pobos, israelí e palestino, están condenados a vivir un á par do outro, pois a ninguén cordo se lle pasa pola cabeza “exterminar” ao contrario. Iso que non sei se se pode considerar un valor universal o da cordura.

En calquera caso, os amigos duns e os amigos doutros teñen un mesmo deber moral: esforzarse en promover a cultura do diálogo; contribuír a que a palabra venza á espada, como fixo exemplarmente España coa organización da Conferencia de Madrid, hai vinte anos.

Non é un tema transparente como foi noutrora para os demócratas mundiais a Guerra Civil española. Este conflicto, non hai outra, só se solucionará polas conversas directas entre cúpulas dirixentes de ambas partes. Pero como ocupa ese “couzón” do mundo, as influencias, os intereses, os xogos de estratexia dos poderes mundiais son tan enormes que pexan decisivamente as negociacións. Irán, por exemplo, país musulmán non árabe, tráta de erexirse en líder do mundo islámico e Al Qaeda, outro tanto. E agora as primaveras árabes. Siria, o vello aliado palestino, arestora é o demo que masacra ao seu pobo. Pero as manifestacións de mulleres fardadas de negro e separadas dos homes, en Iemen creo, non nos acaban de encher o ollo. Como o asasinato de Gadaffi. E Obama, con máis retórica que implicación, tampoco favorece a solución.

En fin, as néboas son mestas e creo que os amigos de ambas partes deben apostar porque saia o sol para ambos. Apostar pola paz. Non se trata de que gañen a guerra “os meus” ou os “teus”. É imposible. Non debemos encirrarlos como cans nin meternos nós tamén nunha pelexa sen gañadores. Despois de tantos anos sabemos que non hai vitoria militar. A chegada á paz, faise polo camiño da paz que é un vial distinto ao da guerra. Einstein dicía, se queres resultados distintos, fai cousas distintas. Por iso cómpre deixar os camiños vellos. Os amigos de Israel recoñecense como amigos dos valores occidentais e democráticos, da igualdade de homes e mulleres, da igualdade dos homosexuais, do respecto á diversidade cultural e relixiosa, da liberdade de opinión e prensa... Non podemos defender é a ninguén desde posturas totalitarias e tratar de impedir a palabra do outro, porque é, simplemente, o camiño contrario á paz e á liberdade.

Comentarios